Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/09/2019 | Actualizada ás 18:00
A líder do BNG, Ana Pontón, aproveitou a súa intervención o Debate de Estado da Autonomía para criticar a "herdanza envelenada" que deixa Alberto Núñez Feijóo no seu dez anos de goberno, nos que levou a Galicia á "intrascendencia" política.
"Pasamos de sete anos de submisión ao goberno do PP en Madrid a un Goberno que é intranscendente, porque o seu presidente e o seu partido son instrascendentes", asegurou a líder do Bloque desde a tribuna do Hemiciclo.
E é que para Ana Pontón, a falta de proxecto de Núñez Feijóo "é tan clara" que ata el mesmo sabe que este é o seu "último debate" como presidente da Xunta --en referencia á celebración de eleccións autonómicas o próximo ano--.
"MANS BALEIRAS"
"Chega cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha porque nada fixo e pretende enmascarar o seu fracaso coas mesmas promesas de sempre e escondéndose detrás da situación do Estado", censurou Pontón, que considerou que Galicia debe "mirar para o futuro". "E vostede, señor Feijóo, representa o pasado", apuntou.
Nesta liña, tras asegurar que o BNG quere unha "Galicia forte e vigorosa como un carballo", a xefa de filas do Bloque incidiu en que a "década de sombras" de Feijóo é o "reflexo dun presidente cohibido, incompetente, que caeu na irrelevancia".
"FERVENZA DE CRISE"
"Un goberno do PP que incumpriu a súa palabra e deixa a Galicia afogada por unha fervenza de crise no económico, o social e no autogoberno", sinalou.
Neste punto, Pontón fixo un repaso por algúns dos conflitos que se viven en diferentes sectores como o industrial ou o agrícola para preguntarlle ao presidente cal destes problemas "vai solucionar o Xacobeo 2021".
"A solución non vai vir por encomendarse ao Apóstolo, necesítase unha nova estratexia económica para pór o país a producir e non fiar todo ao turismo", defendeu.
"O SEU GOBERNO NON ESTIVO Á ALTURA"
No seu discurso e escoitada desde a tribuna de invitados por cargos do BNG como o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, ou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, Pontón botoulle en cara a Feijóo que o seu goberno "non estivese á altura nin nos momentos fáciles, nin nos momentos máis duros".
Así, censurou a década de "recortes" e "privatizacións" dos servizos públicos e recriminóulle que aínda sigan sen aclararse as causas do falecemento dun home sen atención médica no PAC da Estrada.
Ademais, criticou que o presidente dea a entender que a política social deste país depende da "chequera dun multimillonario". "Iso non pode ser", advertiulle a dirixente do BNG en referencia ás doazóns do propietario de Inditex, Amancio Ortega.
Todo iso nunha intervención na que a líder dos nacionalistas galegos tamén lle botou en cara ao presidente os seus "ataques" ao autogoberno de Galicia. "Un dos maiores ataques foi o desfalco das caixas e algún día saberemos por que ou a cambio de que", avisou Pontón, que sacou na tribuna unha foto de Feijóo cos que fosen presidentes das caixas galegas. "Ten vostede moitas fotos con xente en cárceres", afeoulle.
"HERDANZA ENVELENADA"
Deste xeito, tras denunciar esta "herdanza envelenada" que deixa en Galicia, Ana Pontón lembroulle a Feijóo que "non está en Madrid nunha sesión de control a Pedro Sánchez". "Está en Galicia pero parece que non dá superado o trauma de non poder ir a Madrid. Todos vimos como choraba cando lle pecharon a porta para dirixir o PP", manifestou.
"Dános igual que fosen as fotos no iate co seu amigo narco, os dossieres de Soraya ou as súas ansias por facer de cabalo de Troia de Pemex fronte a Repsol. Supere dunha vez o trauma e non siga utilizando Galicia como trampolín para a súa ambición persoal", reclamoulle.
PROPOSTAS
Por último, aproveitou os minutos finais do seu discurso para lanzar unha serie de propostas para chegar a acordos na loita contra a violencia de xénero, a posta en marcha dunha comisión de estudo para impulsar un novo modelo de financiamento autonómico, un pacto galego pola ciencia e a innovación e un relatorio para avanzar en autogoberno, entre outras cuestións.
"Galicia merece na presidencia a unha persoa que coñeza a realidade que vive a xente cada día e merece un goberno que confíe no país", asegurou Pontón, que concluíu preguntándolle a Feijóo cal é o valor da súa palabra tras dez anos de problemas incumpridas.
Ademais dos cargos do BNG como Miguel Anxo Fernández Lores, durante a tarde seguiron as intervencións da oposición numerosas personalidades da política galega, como o histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.