Nova concentración de traballadores de Ferroatlántica en Cee para que a Xunta esixa un plan de viabilidade

Denuncia que o goberno galego segue "nunha pasividade inaudita", sen reunirse co comité nin esixir plan de viabilidade nin trasladar a documentación presentada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2019 | Actualizada ás 20:23

Comparte esta noticia

Traballadores de Ferroatlántica volveron a concentrarse na tarde deste martes en Cee (A Coruña) para reclamar á Xunta que esixa un plan de viabilidade, xa que as fábricas "xa sofren as consecuencias negativas da venda".

A CIG denuncia que existe un recorte de produción nos fornos das fábricas de ferroaleación de Cee e Dumbría debido a que "non pode saír libremente ao mercado por depender dun único provedor e dun único cliente, que é Ferroglobe".

Critica tamén a "mala calidade" da materia prima que chega ás plantas galegas, que "pon en perigo as instalacións e a integridade física dos traballadores", dado que prima outros centros "en detrimento" dos de Cee e Dumbía. E é que nos últimos días rexistráronse "numerosas incidencias", pero a dirección do centro "non está a tomar ningún tipo de medidas", nin convoca o comité de seguridade.

Ademais, o sindicato censura que actualmente a representación sindical continúa sen coñecer os termos exactos do acordo asinado entre Ferroglobe e TPG. Por todo iso, Alfonso Mouzo, da CIG, quéixase da situación de "incerteza" que viven os traballadores, pois Ferroatlántica debe consumir antes do 31 de decembro a enerxía adquirida na poxa de interrumpibilidade se non quere ser sancionada, mentres se descoñece o escenario a partir de 2020.

Recrimina que mentres tanto a Xunta "segue sumida nunha pasividade inaudita", sen reunirse co comité nin esixir plan de viabilidade nin trasladar a documentación presentada. "Unha indolencia que contrasta coa actitude belixerante que o presidente galego e o conselleiro de Industria manteñen noutros conflitos como o de Alcoa ou Endesa", reprocha, ao afectar o Goberno central.

Protesta de traballadores de Ferroatlántica. CIG - Arquivo
Protesta de traballadores de Ferroatlántica. CIG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta