Emigración quere impulsar as políticas de retorno para afrontar o retro demográfico

"Agora, somos nós os que podemos ofrecer unha vida mellor, e por isto resulta fundamental traballar nas políticas de retorno", sinalou Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2019 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, avogou polo impulso das políticas de retorno como clave para atraer de "volta" a todo "o talento galego" e "afrontar o reto demográfico".

Rodríguez Miranda pronunciouse deste xeito durante as Xornadas de formación e orientación ao retornado organizadas por Fevega en Vigo, nas que lembrou que, no século pasado, "a emigración abriuse paso en Galicia como un camiño polo que transitar cara á procura dunha vida mellor".

"Agora, somos nós os que podemos ofrecer unha vida mellor, e por isto resulta fundamental traballar nas políticas de retorno", sinalou Miranda, que defendeu a necesidade de impulsar este labor desde a "cooperación, coas entidades e entre as propias administracións".

Neste sentido, o secretario xeral destacou o "traballo fundamental" que se realiza desde as entidades de agrupacións de venezolanos retornados para facilitar a chegada de "moitos paisanos" que atravesan unha situación excepcional.

Ao tempo, demandou a colaboración do Goberno central para que tome as "medidas necesarias" nos seus ámbitos de competencias tendo en conta que, segundo indicou, moitos retornados atópanse con serios problemas en materia de permisos de residencia e traballo ou na homologación dos títulos universitarios.

"Cursos como este son unha boa oportunidade para profundar na importancia da colaboración, entre administracións e entidades, na procura de achegar a información e a formación necesaria", sinalou Miranda, que considerou que o retorno é "unha oportunidade de xustiza para os galegos do exterior".

RETORNO E RETO DEMOGRÁFICO

Así mesmo, destacou as oportunidades que ofrece o retorno para afrontar o "gran reto demográfico". "A nosa terra dispón dun gran activo capaz de converterse nun dos alicerces fundamentais sobre os que afrontar este reto: os miles de galegos de segundas e terceiras xeracións que residen fóra da comunidade pero que conservan, igual de forte que o primeiro día, o seu vínculo coa terra que viu partir aos seus pais e avós", apuntou.

Neste marco, o titular do departamento autonómico lembrou que a aposta da Xunta pola volta dos galegos do exterior se materializou na Extratexia Retorna 2020, un documento transversal que busca conseguir a volta a Galicia de 20.000 galegos no período 2018/2020.

Así, Rodríguez Miranda resaltou o incremento que están a experimentar as cifras de retorno en Galicia, con máis de 7.000 galegos do exterior que volveron durante o ano 2018, o que supuxo o quinto exercicio consecutivo de incremento do retorno á Comunidade. "Destes, máis de 2.000 fixérono a Vigo e a súa comarca; o 60% deles menores de 45 anos", indicou.

O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nas jorandas de Fevega en Vigo. XUNTA
O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nas jorandas de Fevega en Vigo. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta