Arqueólogos de Galicia achan dolmens a 2.100 metros de altura no Pirineo aragonés

O Instituto de Ciencias do Patrimonio, con sede en Santiago, liderou o traballo de investigación.

Por Europa Press / Redacción | ZARAGOZA | 17/10/2019 | Actualizada ás 16:53

Comparte esta noticia

Un equipo de arqueólogos, algúns de Galicia, liderado polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC), concluíu un traballo de investigación, iniciado este verán na comarca da Jacetania, en Aragón, co obxectivo de completar o catálogo de monumentos megalíticos no Parque Natural dos Vales Occidentais (Huesca), cun achado: dous dolmens situados a máis de 2.100 metros de altitude, converténdoos nuns dos monumentos máis altos do Pirineo aragonés.

Restos dun dos dólmens achados no Pirineo de Huesca
Restos dun dos dólmens achados no Pirineo de Huesca | Fonte: CSIC.

A investigación dirixida por Jorge Canosa Betés, contribúe a que estes e outros 50 monumentos prehistóricos coñecidos previamente pasen a ser incluídos no inventario do Goberno de Aragón, convertendo o parque natural nunha das zonas do Pirineo con maior densidade de sitios arqueolóxicos documentados.

O equipo de traballo estivo integrado, ademais de por arqueólogos do CSIC en Galicia, por persoal da Universidade Pompeu Fabra e da Universidade de Leicester (Reino Unido).

Os traballos de localización e inventariado enmárcanse nun proxecto de investigación sobre os primeiros pastores do Pirineo e a súa forma de ocupar e entender os espazos de alta montaña. O proxecto forma parte do traballo de tese doutoral de Jorge Canosa, que trata sobre o concepto de monumentalidade e configuración das paisaxes monumentais durante a Prehistoria e está dirixida por Felipe Criado-Boado e Pastor Fábrega Álvarez, do INCIPIT.

Esta fase do proxecto buscaba completar o catálogo de dolmens e outros monumentos megalíticos para ter unha visión en conxunto, pensando en ampliar as investigacións nos próximos anos.

Os dous dolmens identificados durante a prospección arqueolóxica atópanse xunto ao porto Vernera (Aragüés del Puerto) e de camiño ao porto de Aisa, a 2.120 metros e 2.117 metros de altitude respectivamente. Están formados por un túmulo circular duns 15 metros de diámetro a base de rochas calcarias grises e unha cámara sinxela de grandes laxas alaranxadas.

A estrutura de ambos os dous está completamente desmoronada e ningunha das laxas segue en pé, pero, a pesar de todo, non hai signos evidentes de saqueo, polo que "non se pode descartar a posibilidade de que aínda se conserven restos humanos e de enxoval no seu interior", dixo Jorge Canosa Betés.

Xunto a estes achados, recoñecéronse outros 50 monumentos prehistóricos que non estaban incluídos no inventario oficial do Goberno de Aragón, a maioría deles dolmens, pero tamén se atoparon menhires, cistas e círculos de pedras.

"A gran tradición montañeira na zona permitiu que durante as últimas décadas se atopasen numerosos monumentos novos, pero o coñecemento destes limitouse ao boca a boca e agora, tras a prospección, todos estes monumentos pasarán a ter recoñecemento e protección legal", destacou o arqueólogo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta