Por Manuel Rodríguez Alonso | Cangas | 20/06/2012 | Actualizada ás 17:56
Todos os estudantes de galego, desde a Educación Primaria ao Bacharelato, reciben unha listaxe e mesmo realizan abundantes exercicios sobre os cambios de xénero producidos pola interferencia do castelán. Así, a todos os nosos rapaces e rapazas se lles di que en galego son masculinos o berce, o cárcere, o costume, o labor, o leite, o mar, o nariz… e femininos a ábsida, a arte, a calor… e todo un feixe máis, en cada caso, que non imos repetir agora.
Mais hai substantivos que seguen a causar dúbidas e mesmo incorreccións, incluso entre escritores e ata entre filólogos. O primeiro deses substantivos é fin.
Nas primeiras propostas normativas actuais fin era masculino para todas as súas acepcións, e así figura nos métodos Galego 1, 2, 3 ou no Dicionario Básico da Lingua Galega, de 1980, do ILGa. Mais a primeira edición do Diccionario Xerais da Lingua, a de 1986, establece que debe empregarse fin como feminino na acepción de ´termo, remate, final´e como masculino na acepción de ´finalidade, obxectivo´. Este dicionario, desde a súa primeira edición (malia ser esta en gran parte unha tradución e adaptación ao galego do Anaya castelán de 1976) vai converterse a través do Ensino e do prólogo de autoridade que lle puxo A. Santamarina (todo a imitación do Anaya castelán, que contaba co prólogo de autoridade de Lázaro Carreter, nunha estratexia comercial similar e moi acertada para as vendas) en elemento fundamental na estandarización do galego. Xa que logo, aí temos esta distinción entre fin, feminino, para a acepción de ´final, termo´e fin, masculino, para o significado de ´obxectivo, finalidade´.
O emprego de fin como feminino vén sen dúbida motivado polo criterio de autoridade de R. Lorenzo e C. García, que defenden o emprego de fin como feminino, especialmente na acepción de ´remate, termo´, baséandose, entre outras couas, na locución popular a fin do mundo. Por outra banda, malia que en portugués fim é masculino para todas as acepcións, noutras linguas romances, coma o francés, por exemplo, é feminino. No catalán distínguese, como fai o Xerais de 1986, entre fi feminino como ´termo, remate´, e fi masculino como ´obxectivo, finalidade´. No italiano dáse unha situación semellante á do catalán.
Xa que logo, a proposta de considerar fin, como feminino para ´remate, final´ e como masculino para ´obxectivo´ está en consonancia coa proposta das NOMIG (Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego) de propor para o galego solucións que estean en consonancia coas do resto da Romania. Mais en portugués fim é masculino en todas as acepcións e as NOMIG tamén aconsellan buscar solucións comúns co portugués. No caso da elección do Xerais 86, primou o que chamariamos solución panrománica.
O Diccionario da lingua galega da Real Academia e do ILGa de 1990 establece que cómpre empregar fin como feminino na acepción de ´remate, final´ e como masculino, na de ´obxectivo, finalidade´. Esta proposta é asumida por practicamente toda a tradición normativo-descritiva galega, agás as chamadas gramáticas de mínimos, como a de Costa Casas e alii, que propoñen, en consonancia co portugués, que fin ha de ser masculino en todas as acepcións.
Deste xeito, e dentro da liña normativa aberta polo dicionario académico de 1990, a Gramática da lingua galega de Álvarez Blanco e Xove ofrece como caso de xénero semántico a fin ´o remate´/ o fin ´o obxectivo´. O Dicionario Galaxia de usos e dificultades ou o Gran Xerais de 2009 aceptan tamén esta proposta.
Mais o VOLGa sempre considerou que fin tanto podía usarse, en calquera acepción, como masculino ou feminino. A escolla académica do 90 vai durar pouco. No 93, a RAG publicou o Pequeno diccionario da lingua galega e nel fin, en calquera das suas acepcións, pode empregarse como masculino ou feminino. Tanto podemos dicir a fin de semana como o fin de semana ou o fin/a fin destas medidas, é dicir, o obxectivo, segundo este dicionario. Mantense a situación no dicionario castelán-galego da RAG de 2004 e mais na recente versión dixital do dicionario académico.
O certo é que desde os noventa, contando que no ensino os dicionarios de Xerais son os máis estendidos e influentes, así como a devandita gramática de Álvarez Blanco-Xove, se xeneralizou a distinción entre fin feminino como ´termo, remate´ e fin masculino como ´obxectivo´. Polo tanto, parece útil manter esta distinción.
Por outra banda, aínda que é unha solución que nos afasta do portugués, achéganos ás outras linguas romances, coma o catalán, e afástanos da solución castelá. De poder usar indistintamente o masculino e o feminino para ambas as acepcións, rematariamos, pola asoballante influencia do castelán, usando o masculino para todo. Ese parecer é o que mantén un dicionario elaborado con moi bo criterio normativo-estandarizador, o Superdicionario castelán-galego da editorial canguesa Morgante, que tras informar da solución académica, non obstante engade en observación: Esta palabra ten xénero feminino cando ser refire a final e xénero masculino cando se refire a un propósito.
Ademais, se aceptamos esta solución proposta polo Gran Xerais, o Dicionario Galaxia de Usos ou o Superdicionario, non estamos a faltar ao criterio académico, pois este déixanos a liberdade de elixir o masculino ou o feminino para calquera das acepcións de fin. Xa que logo, propomos, como é habitual xa na lingua culta e literaria, empregar fin feminino para ´remate, termo´e fin masculino para ´obxectivo, propósito´.
Na próxima entrega falaremos da parella interese/xuro, tan de actualidade estes días pola prima de risco e mais a débeda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.