Así ameaza Altri as augas de Galicia: "Non é só un problema do Ulla, está en xogo o ciclo hídrico"

"Todo o que acontece nun punto do río terá sempre afeccións augas abaixo", advirte Horacio García, profesor titular de Xeografía Física na Universidade de Santiago de Compostela (USC), alertando do impacto de Altri sobre a saúde hídrica de Galicia e do río Ulla ante unha vertedura anual de máis de 22.000 toneladas de compostos químicos á auga.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/04/2025 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

A auga é un elemento fundamental para a vida, tanto dos ecosistemas naturais como das persoas. Así, a súa xestión debe ser tratada con extrema prudencia, especialmente se se ten en conta o que nos deparan os modelos climáticos para as vindeiras décadas. En Galicia, onde existe unha falsa sensación de abundancia de auga que nos permite ter certa desidia co asunto, é crucial reflexionar sobre o impacto das actividades humanas neste recurso vital. Entre esas actividades que poden ameazar a calidade e abundancia deste recurso, a que máis preocupación suscita a día de hoxe é a instalación do proxecto da fábrica de fibras textiles de Altri en Palas de Rei, que empregaría milleiros de litros de agua do río Ulla para funcionar, e vertería de volta nel diversos contaminantes. Así o advirte ao Galicia Confidencial Horacio García, profesor titular de Xeografía Física na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Pancarta en contra de Altri nunha ponte sonbre o río Ulla ao seu paso por Monterroso
Pancarta en contra de Altri nunha ponte sonbre o río Ulla ao seu paso por Monterroso | Fonte: ULLOA VIVA - Arquivo

Neste senso, a principal preocupación que suscita a instalación de Altri, segundo García, é a perturbación directa que provoca ao ciclo hidrolóxico. "Non estamos a falar só dun problema do río, senón dun problema do ciclo da auga en xeral: a súa circulación, distribución, calidade e propiedades", apunta o profesor da USC. O río constitúe un elemento máis do ciclo hidrolóxico, pero, como destaca, "esa visión do ciclo da auga e o río relaciónase directamente coa idea de xestión integrada das cuncas hidrográficas, considerando as interrelacións entre usos do solo --un exemplo pode ser a plantación de eucaliptos--, o solo e a auga", así como "a súa conexión entre terras altas --as da comarca da Ulloa-- e augas abaixo --a ría de Arousa--". Dito noutras palabras: nin o río se pode estudar dun xeito illado, nin a auga pode ser analizada unicamente mirando para o río. Deste xeito, García resalta que "o estudo da auga debe apoiarse en procesos de investigación interdisciplinaria".

"TODA ACTIVIDADE HUMANA TEN EFECTOS SOBRE O RÍO, PERO A NECESIDADE DE INSTALACIÓN E O IMPACTO DEBEN ESTAR NUN LIMIAR ASUMIBLE POLO MEDIO"

A localización da futura instalación tamén é un factor que agrava o seu impacto hidrolóxico. Segundo o profesor da USC, "o principio de 'river continuum' é un dos principios básicos que rexen a dinámica dun río", o que significa que "o río é un continuo lonxitudinal, un conector, unha cinta transportadora de caudal líquido (auga), sólido (sedimento) e biolóxico". Comprendido isto, resulta obvio que "toda actividade humana ten unhas consecuencias sobre o río", agora ben, como sinala García, "o asunto é que as forzas entre necesidade da instalación e impacto sobre o medio deambulen nun limiar asumible polo territorio".

No caso de Altri, non acontece isto, senón que este proxecto interfire no fluxo natural, "tanto por consumo de auga como por localización --xusto augas arriba do tren de encoros do río Ulla--", o que podería provocar consecuencias irreparables. Máis en concreto, García detalla que "a captura de auga por parte de Altri está prevista sobre o encoro de Portodemouros", mentres que "a vertedura está prevista sobre unha masa de auga en bo estado ecolóxico que, posteriormente, empata con dito encoro, cuxo estado de saúde xa non é bo". Así, o experto convida a reflexionar sobre o feito de que "todo o que acontece nun punto do río terá sempre afeccións augas abaixo" e, "aínda que moitos impactos son inmediatos, moitos outros tardan anos, mesmo décadas, en amosar síntomas --danos latentes--, polo que, cando o fan, o problema xa non ten fácil solución".

Encoro de Portodemouros
Encoro de Portodemouros | Fonte: Arquivo

"SEGUNDO OS INTERESES, CON SOLICITUDES DE ABASTECEMENTO CASE IGUAIS, UN MESMO ESTUDO TÉCNICO PODE XUSTIFICAR UNHA INDUSTRIA OU REXEITALA"

En canto ao consumo de auga que terá Altri, o proxecto prevé un uso diario de 46.000 metros cúbicos, dos cales 30.000 serían vertidos de volta ao río (o 65 % do volume total de solicitude de abastacemento da planta) e 16.000 perderíanse por detracción (o 35 %). Temos así unha toma de auga (abastecemento), un retorno de auga (vertedura) e unha perda de auga (detracción). Tendo isto en conta, o alto consumo de auga e as implicacións que este tería para a cunca do Ulla son cuestionadas polo profesor da USC. "Resulta contraditorio que as conclusións acadadas por Altri e validadas pola Xunta de Galicia como órgano ambiental competente, sexan opostas ás do estudo técnico 'Condiciones para la instalación de una fábrica de pasta de papel', solicitado por ENCE Energía y Celulosa S.A. para analizar a implantación das súas instalacións de produción fóra da localización actual". Máis en concreto, como detalla García, neste estudo, que si empregou datos do río en situación de estrés, conclúese que "en Galicia non hai o recurso hídrico necesario --agás en puntos do río Sil e do río Miño-- para a potencial relocalización da fábrica".

Noutras palabras, "a conclusión que se pode extraer é que segundo sexan os intereses, e con solicitudes de abastecemento case iguais, un mesmo estudo técnico pode ser válido tanto para xustificar unha industria como para rexeitala", critica o profesor da USC, que advirte de que "non hai ningún tipo de coherencia nisto, máis aló de intereses puramente económicos". Así mesmo, resalta que o impacto que Altri terá sobre os usos agrícolas, gandeiros, industriais e domésticos da auga tamén é motivo de preocupación. De feito, sinala que "sen a chegada de Altri a conca do río Ulla xa ten un problema, porque está multiimpactada, cunha ría esgotada xa por diversos feitos", de maneira que "Altri vén agudizar unha situación que agora mesmo xa é problemática e que no futuro vaino ser máis, atendendo ás proxeccións hidroclimáticas para a cunca". Así mesmo, García advirte de que, "se a iso lle engadimos o impacto hidrolóxico das plantacións de eucalipto, non só na cunca do Ulla, senón en xeral, o escenario está servido para ter un río totalmente disfuncional en termos ecolóxicos".

"AS RÍAS E OS ESTEIROS PODEN ACTUAR COMO LÍMITES DE DEPOSICIÓN DAS SUBSTANCIAS CONTAMINANTES ARRASTRADAS POLO RÍO CO PASO DOS ANOS"

No tocante ás verteduras ao río da planta, o impacto que terá Altri tamén é significativo. Segundo indica García, "a vertedura diaria de compostos químicos ao río supón unha achega de 62 toneladas: 60 toneladas ao día de sulfatos; 1,5 toneladas ao día de SST (sólidos suspendidos totais); 0,4 toneladas ao día de nitróxeno; e 0,1 toneladas ao día de fósforo". Así, indica que, "anualmente. estamos a falar dunha vertedura total de aproximadamente 22.300 toneladas --arredor dun 97 % deles sulfatos-- que irá a un encoro cuxo potencial estado ecolóxico varía en función da presenza nel de cianobacterias (%) por mor, sobre todo, da ocorrencia dun 'bloom' que vai de xullo a setembro --nestes meses prolifera a especie potencialmente tóxica 'Microcystis aeruginosa (Kützing)'--, e valórase como deficiente nesa época". Desta maneira, para o profesor da USC, "o novo contexto que se abre é incerto e xorden moitas incógnitas de difícil resposta polo imprevisible dos acontecementos, pero que apuntan a un grave problema de saúde pública (mesmo sen que a instalación da factoría chegue a producirse)".

Así mesmo, outra das grandes preguntas que xorde a nivel hidrolóxico é se esa contaminación que afectará ao río Ulla chegará tamén ás augas subterráneas. Neste senso, García apunta que, efectivamente, "a localización da industria si pode presentar certos riscos de contaminación de acuíferos, se ben os impactos máis fortes danse na escorrentía superficial". "A ecuación de altas achegas de nutrientes e materia orgánica que xa soporta o encoro, unidas ás da nova vertedura de Altri e sumando, ademais, o potencial incremento de temperatura das augas --ainda que só fose por causas climáticas-- sobre unha masa estancada, reforzará os procesos de eutrofización, polo cal se formarán (máis) compostos tóxicos, como ácido sulfhídrico ou metano, entre outros, que se liberan no caudal de saída do encoro", explica. Así as cousas, asegura que o percorrido e a evolución dos contaminantes poden estenderse por moitas ducias de quilómetros de río dende o punto de vertedura augas abaixo, de maneira que "as rías, os esteiros e outras xeoformas derivadas do contacto río-océano actúen como límites de deposición das substancias arrastradas polo río co paso dos anos".

Río Ulla
Río Ulla | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta