GC Aberto

Galegos en Venezuela. Revolucionarios e opositores

Non hai moito, nunha palestra na Facultade de Políticas, alguén preguntou, como un obreiro galego dos anos setenta, que pasou a miseria da posguerra, podía ter, unha vez emigrado a Venezuela, tan pouca empatía coa xente que malvivía en chabolas miserables, nos cerros de Caracas.

Por admin | VIGO | 19/04/2025

Comparte esta noticia

Ana Mosquera. Avogada e presidenta de AGABO

Nicolás Maduro, presidente de Venezuela
Nicolás Maduro, presidente de Venezuela | Fonte: Arquivo

A pregunta é intelixente e está ben formulada, polo tanto non resulta fácil de responder. Poderíase, de modo demagóxico, contestar que isto ocorre polo mesmo que unha persoa de clase traballadora na Galiza vota ao o PP ou a Vox. Pero a realidade é complexa e precisase coñecela e entendela para poder influír nas ideas.

A emigración galega a Venezuela deuse sobre todo entre os anos cincuenta e setenta. Maioritariamente estaba formada  por xente de vinte a trinta anos e, por tanto, educados  na guerra e na posguerra. Dadas as características da Guerra Civil en Galicia, onde non houbo fronte, só persecucións por parte do bando franquista contra calquera disidencia, as persoas que viviron esa experiencia fixéronse desconfiadas, con moito medo ao descoñecido. 

A iso habería que sumarlle unha escasa cultura, entre outras razóns porque os mestres de verdade foran asasinados, apartados ou silenciados. Os emigrantes a Venezuela sabían ler e escribir sen fluidez. A materia máis importante nas súas escolas era a Doutrina Cristiá. A nova escola do réxime incluía ademais unha grande dose de propaganda onde se resaltaba un discurso sobre o Imperio español tan rancio como falso, no cal o “Imperio onde non se puña o sol” viña a representar unha orgullosa fonte de civilización. Traducido na práctica, isto facía que algúns emigrantes se visen a si mesmos como elemento civilizador e que percibisen as persoas que vivían en casas de lata, nos cerros de Caracas, como unha especie de autóctonos asilvestrados. Esta postura levounos a ignorar a cultura do país ao que chegaban e foi unha das razóns polas que esta emigración, sobre todo nas primeiras décadas, non evolucionou socialmente.

Con estes emigrantes, digamos desarmados politicamente, coexistía unha pequena cantidade de exiliados ou cando menos emigrantes concienciados, razón pola que houbo dous Centros Galegos diferentes. O Lar Galego, de tendencia republicana, e a Casa de Galicia, próximo ao franquismo. Os pais de Farruco Sesto, Xosé Sesto e a mestra Xosefa Novás ou Xosé Velo e o Comandante Soutomaior, son un exemplo dunha emigración concienciada e do exilio. Os seus fillos recibiron outra educación, de feito Farruco Sesto foi Ministro con Chávez e sigue sendo un militante activo do chavismo; mentres que Vítor Velo e Federico Fernández (fillo de Soutomaior) participaron xunto cos seus pais no secuestro do barco cargado de emigrantes, Santa María, nunha acción revolucionaria sen precedentes, que se transmitiu durante décadas, con certo orgullo, na Galicia interior, a través do boca a boca.

A emigración galega no seu conxunto sempre mantivo a referencia da terra que deixaron atrás e promoveron o illamento e a escasa mestizaxe dos fillos, coa esperanza de volver a Galicia con toda a familia.

Co aumento da delincuencia nas décadas seguintes, até puntos insoportables, os habitantes dos cerros e os pobres en xeral pasaron a ser culpabilizados. Non é difícil de comprender visto hoxe desde aquí. As culpas da situación recíbeas sempre a poboación  máis castigada. 

En Venezuela moitas familias viviron moi ben dos seus salarios e puideron retornar nos anos setenta e oitenta do século pasado, cun cambio de moeda moi favorable ou algo favorable, segundo o ano de retorno.

Outros, máis decididos, tiveron negocios e gañaron moita prata. Tiñan condicións de vida que aquí non estaban ao alcance de case ninguén. Eses foron os últimos en retornar. 

Moitos fillos de galegos de segunda ou terceira xeración senten un rexeite absoluto, poderiamos dicir “odio”, por todo o que represente socialismo, esquerda ou progresismo. Os seus pais e avós, adoutrinadas no franquismo,  aprenderon pouco do pais no que vivían, pero miraban os ricos de Caracas coma un exemplo, en parte non só polo diñeiro, senón porque os sentían vinculados cun país serio coma os Estados Unidos, algo que esta clase social venezolana sempre tivo a ben deixar claro.

E aquí veu o peor. A única influencia ideolóxica que tivo unha parte desta emigración veu xustamente de Miami, moi próxima ao exilio dos cubanos anticastristas e tremendamente radical e con moito odio. 

Neste caldo tivo que actuar Chávez, que facilitou que a xente humilde tivese formación universitaria. Con esta medida moitas máis persoas puideron chegar aos postos de traballo mellor remunerados, e polo tanto converterse en competidores, igual que pode ocorrer en Europa. Un médico ou un contable xa non era unha figura exclusiva, porque un bo estudante, saído dos cerros, tamén podía chegar a selo.

O chavismo supuxo un obstáculo tamén para a forma de facer negocios a costa do Estado. Algo do que se beneficiaban case todos os que tiñan negocios en Venezuela. En Venezuela a principal fonte de acumulación orixinaria de capital, segundo o historiador Brito Figueroa, foi a subtracción masiva e delictiva dos enormes recursos públicos para incorporalos ás fortunas persoais. Isto ocorría en distintos grados: oligarcas beneficiarios directos do petróleo, empresas que traballaban para a oligarquía, e pequenos negocios que subsistían grazas a concesións, logradas a base de subornos.

O erro destes galegos foi  pensar que a situación privilexiada na que vivían, rodeados de miseria, se podía soster no tempo. Ignorar que esa xente que vive ao outro lado da autopista son seres humanos, persoas con aspiracións e dereitos.

O outro erro desta emigración máis extremista consistiu en mirar cara Miami, identificarse cunha elite da que non forman parte e negar calquera posibilidade de cambio social, asumindo as posicións caprichosas da oposición máis radical.

Os galegos e galegas que non asumen estas posturas viven tranquilos en Venezuela, pero as súas voces raramente nos chegan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios (1 pend. aprobación)

1 Gamela

Interesante análise e certamente un punto de vista diferente... Pero eses galegos que viven tranquilos en Venezuela non teñen nada que dicir sobre a "fraude electoral" ? Dalles igual vivir baixo a vontade de Maduro ? Pero do que non sabemos nada é de onde sairon os irmáns Escotet donos de señores dos aforros dos galegos dende Abanca e agora a Universidade Privada ? Como son tratados por Maduro o Grupo Banesco ? A ver se os que somos idiotas imos ser tódolos galegos que padecemos en Galicia que nos retiren os caixeiros do rural mentras seguimos regalándolles os aforros de toda unha vida de traballos ? Apelo ao teu saber sobre Venezuela... Obrigado

1 Ana Mosquera

Os galegos e os venezolanos que viven aló falan e opinan dos problemas de Venezuela que son moitos, pero non coinciden cos temas programados no exterior por unha elite que vive en Miami. Sobre Escotet tes moita razón. Haberá un día que explicar as quebras bancarias dos anos oitenta en Venezuela, iso é bastante comprexo. Agora estase traballando nunha banca pública venezolana. No