Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2025 | Actualizada ás 20:21
O galego é o cuarto servizo de saúde autonómico con menor espera para unha cirurxía, cunha demora media de 67 días, mentres que para recibir unha primeira consulta cun facultativo especialista é a terceira, con 61 días. Son datos a 31 de decembro de 2024, publicados este mércores polo Ministerio de Sanidade en base ás cifras remitidas polas comunidades autónomas. A Xunta xa presentara os seus datos en rolda de prensa o pasado 7 de marzo, polo que só faltaba por coñecer o comparativo co resto de España.
Así, os datos a nivel estatal permiten comprobar que en Galicia había, ao peche do ano pasado, 48.335 persoas pendentes dunha intervención. A espera media dos galegos de 67 días é case a metade que a media española, situada nos 126 días. Só son mellores os datos da Comunidade de Madrid (48 días), Euskadi (59) e A Rioxa (64). Ademais, en Galicia o 3,9 % dos pacientes teñen que esperar máis de seis meses por unha operación, terceiro mellor porcentaxe, só por detrás de Madrid (0,3 %) e Euskadi (1,3 %)
Se se observa a espera dos procesos cirúrxicos suxeitos a garantías de tempo de espera no Sistema Nacional de Saúde (SNS), Galicia ten a quinta demora máis curta, con 65 días. A estatal é de 96. En canto ás consultas co especialista, o Sergas é o terceiro sistema con menor espera (61 días), por detrás de Euskadi (43) e Castela-A Mancha (60). Así mesmo, a porcentaxe de pacientes que están máis de 60 días pendentes dunha cita alcanza o 36 %, a segunda posición.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.