Máis de duascentas organizacións reclaman os expedientes de proxectos estratéxicos como a mina de Doade

"Queremos exercer o noso dereito a acceder á información pública e ambiental en procedementos que determinan a nosa permanencia ou non nos territorios que habitamos", expresan no comunicado

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2025 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

Un total de 230 organizacións veciñais, ecoloxistas e culturais (de máis de 9 Estados membros da UE) enviaron unha carta aberta á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, para solicitar o acceso aos expedientes dos 47 proxectos designados como estratéxicos pola Comisión Europea no mes de marzo. Entre eles, atópase Mina Doade, cuxa construción se proxecta no municipio de Beariz.

Segundo traslada SOS Suído-Seixo nun comunicado, tanto esta asociación --conformada por veciños da zona-- como as Comunidades de Montes Veciñais afectadas por este proxecto mineiro, ademais doutros grupos locais, figuran como asinantes da carta. No escrito remitido a Metsola demandan "transparencia e amparo para a cidadanía".

Así, as organizacións veciñais locais denuncian "ocultación de información básica constante", como xa manifestaron anteriormente en referencia á administración autonómica e a empresa, Recursos Minerais de Galicia, pertencente ao Grupo Samca. Ademais, acusan de "conivencia da Comisión Europa cos intereses empresariais extractivistas".

"Queremos exercer o noso dereito a acceder á información pública e ambiental en procedementos que determinan a nosa permanencia ou non nos territorios que habitamos", expresan no comunicado.

ENTIDADES ASINANTES

Un total de 28 grupos locais "directamente afectados" o proxecto Mina Doade asinan o escrito. Á parte de SOS Suído-Seixo e as CMVMC, tamén se uniron a ANPA do CEIP Cal do Vergazo (A Lama), as asociaciónes de veciños de Doade e de Rubillón (Avión), as organizacións Fonte dos Chaos da Barcia do Seixo (A Lama), a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), así como entidades e colectivos locais ambientais e culturais.

A eles súmase o respaldo de 25 grupos de toda Galicia, como Amigas da Terra, Enxeñería Sen Fronteiras, Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), Adega, Sindicato Labrego Galego (SLG) ou a Plataforma Ulloa Viva.

Neste sentido, SOS Suído Seixo celebra que "por primeira vez a sociedade civil de moitos países europeos fala cunha voz". "Desde as cidades e desde o rural de toda Europa os afectados recibimos unha solidariedade sen precedentes", asevera.

OPOSICIÓN Á MINA

A comunidade de montes propietaria dos terreos nos que se proxecta construír a mina de Doade, no municipio de Beariz, e outro catro con terras dentro do permiso de investigación, xa advertiron nunha entrevista concedida a Europa Press de que se oporán á construción do proxecto, decisión tomada en correspondentes asembleas "por abafadora maioría".

Esta construción, impulsada por Recursos Minerais de Galicia S.A. (filial do Grupo Samca), pretende extraer deste territorio pegmatita, rica en minerais de litio. Este metal englóbase dentro das consideradas como "materias críticas" pola Unión Europea e, desta forma, a próxima Mina Doade foi incluída dentro dos 47 proxectos estratéxicos a impulsar neste ámbito.

Grupos locais manifestándose en contra da construción da mina.. SOS SUÍDO SEIXO
Grupos locais manifestándose en contra da construción da mina.. SOS SUÍDO SEIXO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta