Mediación para Catalunya

En Catalunya existe un conflito político que arrinca do proceso do novo Estatut entre 2006 e 2010. Despois dun pacto na Comisión Constitucional do Congreso que supuxo unha redución substancial dos máximos aprobados no Parlament e da aprobación plebiscitaria do texto pola cidadanía catalá, o PP recorreu de inconstitucionalidade o Estatut perante o Tribunal Constitucional (TC).

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 03/11/2019

Comparte esta noticia
O TC ditou sentenza en xuño de 2010 que declaraba inconstitucional case todas as ampliacións competenciais, o marco financeiro e máis a igualdade xurídica entre catalán e castelán. Como di o constitucionalista Pérez Royo, dende 2010 Catalunya non ten constitución territorial. A xeito de dez de últimas dentro do marco autonómico, Artur Màs tentaría pactar con Rajoy no 2012 un pacto fiscal rexeitado polo PP.
 
Dende entón o independentismo medrou de menos do 15% até preto do 47-48%.  Ducias de pacíficas manifestacións (dende logo até o 14 de outubro último; o que pasou despois requiría dunha outra análise) con centos de milleiros de persoas na rúa e claras maiorías absolutas soberanistas nos Parlaments eleitos na fin de 2012, setembro de 2015 e decembro de 2017. Enquisas que amosan un 70% da cidadanía catalá a prol de poder decidir o seu futuro  e dúas consultas cidadás (9-N 2014 e 1-Ou 2017) que, malia as súas evidentes carencias canda a emisión da vontade popular, si amosaron a existencia dun importantísimo sector cidadá que quere a independencia.
 
É nidio, pois, que o de Catalunya non é un problema de políticos que enganan a inxenuos cidadáns nin un problema de orde pública, senón un problema político que só se amaña a medio de solucións políticas.
 
Calquera demócrata de calquera parte do mundo aconsellaría escoitar á cidadanía catalá, como nos dous referéndums sobre a independencia de Quebec a respecto de Canadá ou o celebrado en Escocia en setembro de 2014. Por certo, os tres con resultado negativo á secesión e decididas de común acordo entre cadanseu Goberno estatal e territorial malia a falla dos alicerces constitucionais previos que permitiran cadanseu referéndum de independencia, suplidos pola doutrina do TC canadiano e polo acordo entre os Gobernos británico e escocés.
 
Os problemas políticos non se amañan con pao e Garda Civil. Amáñanse con diálogo. Dialogamos cos outros, con nosoutros mesmos só monologamos ou-peor aínda-, falamos sós. O diálogo, para ser efectivo, non habería ser eivado por límite legal ningún. Pola contra, habería estar garantido por mediadores pertencentes ao noso espazo político (a Unión Europea). Persoas neutrais, de grande prestixio europeo e internacional que sexan quen de ir tecendo alicerces sólidos para os necesarios acordos políticos, que de seguro requirirán mutacións constitucionais e estatutarias e futuros referéndums.
 
Non fica outra, logo, que pedirlle aos actores políticos (Gobernos estatal e catalán, partidos estatais e cataláns, quizais as organizacións da sociedade civil noutra Mesa de diálogo) que senten e falen. 
 
Please, sit and talk.

Comparecencia de Puigdemont  no referendo de independencia de Cataluña
Comparecencia de Puigdemont no referendo de independencia de Cataluña | Fonte: Miguel Nuñez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.