Inflación e Pacto de País

Nos últimos días os economistas galegos Marcelino Fernández Mallo e máis José Antonio Pena Beiroa explicaron a xeito a gravidade da actual inflacion e do seu impacto na Galicia (10,5%!), ben superior ao 9,8% do Estado español ou o 7,5% da media da eurozona.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 17/04/2022

Comparte esta noticia
 Como ideas máis singulares, Pena Beiroa considera que a inflación foi favorecida pola falla de libre concorrencia real por mor da concentración empresarial, nomeadamente bancaria e enerxética, mentres  Fernández Mallo chama a atención  sobre a necesidade de construirmos unha economía de proximidade forte, que non nos faga depender das variacións de prezos dos insumos nin da limitación da súa oferta internacional.
 
De pouco valerían  determinadas medidas restritivas da oferta monetaria (que sobrirán os tipos de xuro e restrinxirán a oferta de crédito bancario), recoñecidas canto á súa necesidade polos devanditos economistas, se non pomos na axenda a  necesidade da autonomía alimentaria e enerxética, pois que a actual inflación xurde de varios factores, entre eles da nosa dependencia iinternacional na alimentación humana e animal, no gas e do petróleo ou nos compoñentes electrónicos. Velaí que precisemos un programa cobizoso de reindustrialización e reagrarización, que poña o foco na produción industrial e alimentaria e na ruptura da dependencia da nosa produción cárnica e leiteira dos insumos foráneos.
 
Isto vai esixir investimentos importantes, que han motivar unha discriminación positiva canto aos tipos de xuro precisos para o seu financiamento, como tamén defenden os devanditos economistas galegos, canda o economista francés  Thomas Piketty. E tamén reformas lexislativas moi potentes na ordenación do territorio para acadar esta reindustrialización e reagrarización. Medidas todas que esixen un pacto de País entre todas as forzas políticas e sociais galegas, precisamente para facer o que non fixo Núñez Feijóo nos seus trece anos de goberno, que deixaron Galicia máis pobre e dependente.
 
No que atinxe á enerxía eléctrica, Galicia xa produce de fontes renovábeis para todo o seu consumo e exporta case o 40% da súa produción. Non dependemos da electricidade doutros. Aquí o Pacto de País o que precisa é esixir no contexto estatal e europeo que se compense cunha tarifa eléctrica de noso que permita que as nosas familias e industrias paguen moito menos pola enerxía. Porque producila para outros xera para nós graves custos ambientais e impide ou dificulta diversificar a nosa economía.
 
Estou certo que Alfonso Rueda, Pedro Puy e Xosé Manuel Baltar saben da necesidade do que estou a escrebir. Van continuar polo carreiro dependendista de Núñez Feijóo ou asumirán a responsabilidade de facer posíbel un futuro para este País?

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.- Europa Press - Arquivo
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.- Europa Press - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.