Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 26/11/2019 | Actualizada ás 16:42
As tarefas para sacar o carburante do buque 'Blue Star', encallado na costa de Ares (A Coruña), quedaron suspendidas debido ás malas condicións climatolóxicas na zona ata que "a meteoroloxía o permita", segundo informa a Delegación do Goberno en Galicia.
Na mañá deste martes iniciáronse os traballos previos para poder acometer o transvasamento das 105 toneladas de fuel e gasóleo que ten no seu interior o buque, que deberán esperar de momento.
Así, os preparativos de extracción do combustible desde terra consisten no acondicionamento dun camiño de acceso próximo. En paralelo, medios aéreos e terrestres iniciaron o traslado do material necesario.
Pola súa banda, o armador do buque 'Blue Star' reclamou ás autoridades de Salvamento Marítimo a evacuación dos 16 tripulantes do buque quimiqueiro encallado na costa de Ares.
Segundo fontes do operativo, entre as medidas de seguridade establecidas recóllese que estas tarefas terán que ser sempre realizadas de día. Para iso, está previsto a utilización dusn oito camións cisterna, unha góndola de transporte e un bulldozer.
Así mesmo, habilitarase unha área totalmente restrinxida á que ninguén poderá acceder, mentres haberá outra para entrada única e exclusivamente da prensa. Ambas estarán sinalizadas. A Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil de Ares coordinarán este operativo de seguridade.
A compañía encargada da extracción, 'Ardentia Marine' estima que a duración da extracción do gasóleo será dunhas seis horas. En cambio, a do fuel, polas súas especiais características, pode estenderse mesmo algúns días, segundo as circunstancias.
Todo o combustible está na zona de popa e os medios necesarios para a súa extracción serán trasladados ao barco en helicóptero. Aqueles que non sexa posible polo seu peso levarán a través dunha tirolina desde unha base firme e segura a construír en terra na zona máis próxima ao buque.
Xunto a isto, a compañía ten a obrigación de comunicar cada seis horas ás autoridades a execución de todas as súas actuacións.
RESTRICIÓNS
O tráfico á zona próxima ao quimiqueiro 'Blue Star', encallado desde o pasado venres na zona da Barrosa, en Ares (A Coruña), quedará restrinxido ao tráfico co fin de facilitar o acceso dos medios necesarios para proceder á retirada do combustible que hai no interior, segundo acordou a Xunta Local de Seguridade, celebrada no concello deste municipio coruñés.
Segundo informa o Consistorio, nela acordouse adoptar unha serie de medidas relacionadas co estacionamento e o tráfico rodado por todas as estradas dos arredores, co fin de facilitar o acceso á maquinaria da empresa 'Ardentia Marine', así como a vehículos de urxencias "e asegurar a realización dos traballos nas máximas condicións de seguridade" .
As medidas acordadas implican "a restrición total do tráfico rodado de vehículos e persoas, excepto acceso de residentes ás vivendas, nos tramos máis próximos a rúa Estacas, Camiño das Mirandas, San Roque, Maiobre e Camiño do Cernal".
Por parte da Policía Local, Garda Civil e Protección Civil establecerase, ademais, un dispositivo especial de vixilancia e control do tráfico, "sobre todo durante os primeiros días, co fin de garantir que se respecten estas normas e correcto desenvolvemento de todos os labores que se están realizando", explica o Concello de Ares.
QUE O ARMADOR PAGUE "TODOS OS GASTOS"
O portavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, Luís Villares, reclamou que o armador do buque 'Blue Star' se faga cargo "de todos os gastos" derivados do encallamiento do buque na ría de Ares, onde permanece desde o pasado venres.
"Non só do salvamento, senón tamén da perda económica que supón para os mariscadores e mariñeiros a restrición da zona", advertiu Villares, quen instou a reflexionar sobre a razón de que os portos exteriores galegos "non vallan como portos de refuxio ás naves que quedan nesta situación".
Así o trasladou en declaracións na zona das Mirandas, onde se atopa encallado o buque quimiqueiro, onde estivo acompañado do rexedor desta localidade, Julio Iglesias (PSOE) e onde pediu que se impulse "unha investigación independente" dos sucedido.
Por unha banda, por ser "necesario aprender para o futuro", pero tamén para "reforzar os servizos de inspección e control" e evitar a pirataría, que poidan andar buques en inferioridade das condicións establecidas legalmente", e para "o aseguramento de que o réxime de responsabilidade civil cubra todos os danos que se poidan ocasionar, non só de salvamento, senón tamén do dano ambiental e para a economía da zona".
Sobre a utilización desta ría como lugar de fondeo para os buques que estiban e desestiban as súas cargas nos portos de Ferrol e A Coruña, Villares insistiu en facer un chamamento á investigación e que se explique a situación na que están "os barcos que o fan (o fondeo), para desta forma ter un maior control".
O deputado autonómico insistiu na "necesidade de inspeccionar, controlar, e non só en función da carga, xa que é unha cuestión de seguridade, da defensa dos dereitos ambientais e económicos de toda a xente que vive na contorna da ría".
"Levamos investidos 90 millóns de euros nos últimos anos en sanear esta ría e o que non podemos agora é expornos a operacións que xeren un dano catastrófico e tiren pola borda todo o esforzo económico realizado na ría", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.