Por Galicia Confidencial | Madrid | 26/07/2012 | Actualizada ás 18:32
Corenta anos á fronte da Caixa de Aforros de Vigo, seis como director xeral de Caixanova, catro como presidente da caixa do Sur e un ano e medio como co-presidente de Novacaixagalicia. E con todo, Julio Fernández Gayoso di que dende 2006 non tomou ningunha decisión executiva, primeiro sobre Caixanova como presidente, e logo sobre a entidade que naceu da fusión con Caixa Galicia como co-presidente. Ademais, asegura non saber nada do informe sobre a fusión das caixas galegas encargado pola Xunta a KPMG. Segundo o financeiro, "nunca" tivo ese informe nas súas mans xa que non se lle facilitou á entidade. Argumentacións que o PSOE cualificou como "tomadura de pelo"
Gayoso compareceu hoxe no Congreso dos Deputados perante a Comisión de Economía sobre a reestruturación financiera para dar explicacións do escándalo das preferentes e as indemnizacións millonarias a ex-directivos de Caixanova, agora investigadas pola Audiencia Nacional nun proceso no que está imputado o propio Gayoso polas prexubilacions e polas cláusulas de blindaxe dos contratos. Mais o ex-copresidente de NCG eludiu falar destes escándalos, non aclarou nada e presentou en ton fachendoso unhas contas idílicas de Caixanova que nada teñen que ver coa realidade dunha entidade que acabou primeiro fusionada con Caixa Galicia e logo intervida polo Estado, tendo que solicitar 10.000 millóns de euros ao FROB. Pero Gayoso desmárcase de todas as polémicas sobre Novagalicia Banco, do que asegura non ter nada que dicir.
Fusión das caixas
Fernández Gayoso lembrou que nas negociacións da fusión de Caixa Galicia e Caixanova "quen se opoñía á fusión era o consello de administración" da caixa do Sur, do que el formaba parte, mais non quixo profundar neste asunto escudándose no argumento de que "é un camiño que non conduce a ningunha parte porque está feita", manifestou.
Ademais, asegurou que nin ten nin tivo "nunca" o informe de KPMG, xa que "non nolo facilitaron á caixa", dixo Gayoso, dedicando unha das poucas balas que garda ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que saíu rápido a desmentir as declaracións de Gayoso: "O que coñecía ou non é a súa responsabilidade, xa que presidía un consello de administración e logo copresidió outro. E os documentos que aproban os consellos de administración téñeno que coñecer os seus membros", contestou o presidente da Xunta.
O home forte de Caixanova presentouse, paradoxalmente, como un simple cargo institucional e representativo, con voz pero sen voto na entidade, o cal, segundo el mismo explicou, impedíalle tomar decisións persoais "porque non podía".
Interpelado polo representante do PSOE, Miguel Cortizo, sobre a fusión, Gayoso contestou: "Pode ter a seguridade de que na miña caixa mandaba o consello, non eu. Eu facía propostas e o consello aprobaba unhas e outras non".
Deste xeito, o ex-presidente de Caixanova e ex-copresidente de NGB eludía responsabilidades e pasaba páxina sen aportar información substancial, como fixo tamén co escándalo das preferentes.
Preferentes
Julio Fernández Gayoso negouse tamén a afondar no asunto das preferentes e manifestou que só o fará se o chama a Fiscalía. "Non é que evite dar a miña opinión, é que non podo opinar sobre un tema sub iúdice", xustificou o financeiro, quen se limitou a recoñecer que este é un problema social que está a ter unhas "consecuencias enormes" e que solo falará se o chama a Fiscalía. Ademais, defendou a vía da arbitraxe para acadar unha solución ao problema.
Indemnizacións
Sobre as indemnizacións millonarias que percibiron catro ex-directivos de Caixanova —un deles, a man dereita de Gayoso, o ex-director xeral José Luís Pego—, volveu insistir en que só declarará cando o citen na Audiencia Nacional, ora que quixo desmarcarse deses pagamentos: "É xusto que diga aquí que non cobrei nin un euro nunca nin pola miña xubilación hai seis anos nin despois de seis anos", explicou.
"Tomadura de pelo"
O deputado socialista Miguel Cortizo foi o máis crítico con Gayoso e o máis incisivo na quenda de preguntas. Cortizo esixiu a Gayoso un "xesto de honradez" e as explicacións que lle debe aos cidadáns con toda a verdade. O representante do PSOE foi más alá e lembrou a Gayoso o estado de indignación dos miles de galegos atrapados nas preferentes e o clima de crispación social que provocou este asunto e o escándalo das indeminizacións aos directivos."Se dende esta Cámara lle seguimos enviando esta mensaxe á cidadanía, non vai ser suficiente coas valla de aí fóra, imos necesitar un foso de leóns, ou con tiburóns financeiros", advertiulle Cortizo, quen considerou a comparecencia de Gayoso unha "tomadura de pelo" aos cidadáns.
Pola súa banda, a deputada do BNG Olaia Fernández Davila, do Grupo Mixto esixiu a Gayoso que "asuma a responsabilidade que lle corresponde" e defendeu a postura do BNG no proceso de fusión das caixas.
Tampouco foi condescendente o deputado do PP Segundo López Amor, quen comparou o "laudatio persoal" de Gayoso coa actuación dun "toureiro que se gusta mentres torea pero á hora de entrar a matar o touro váiselle ao curral". López Amor tamén acusou a Gayoso de "pecar de cobiza nos anos de vacas gordas" e pediu que os ex-directivos devolvan o que xa cobraron ao erario público.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.