Galicia pide que se asegure a electricidade de todos os seus proxectos industriais

A Xunta destaca que Galicia xeraría a enerxía de 70 parques eólicos on o reforzo da rede de transporte eléctrico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2025 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia solicitou ao Goberno central que realice, de maneira urxente e inmediata, as actuacións necesarias para asegurar a subministración eléctrica a todos os proxectos industriais estratéxicos previstos en Galicia e garantir a evacuación de enerxía derivada do aumento da xeración renovable no sistema eléctrico.

Esta proposta do PPdeG, aprobada en solitario na Comisión de Industria, pide ao Executivo central que colabore estreitamente coas comunidades e dea resposta ás súas necesidades no deseño da nova planificación eléctrica con horizonte 2030, co obxectivo de garantir o desenvolvemento enerxético e industrial de Galicia.

O portavoz popular de Industria, Rubén Lorenzo, subliñou que "a planificación eléctrica deberíase de configurar como un instrumento normativo que establece os desenvolvementos necesarios da rede de transporte de electricidade para que a subministración en España siga sendo segura, de alta calidade e cada vez máis renovable". Sostén que "se debe facer unha planificación dimensionada e preparar a rede de transporte para que, ademais de atender a demanda actual, sexa capaz de dar resposta a novos consumos e facilite a transición ecolóxica".

No tocante ao apagamento, Lorenzo criticou como: "Surrealista e incomprensible que no 2025 esteamos a falar de que se dea unha situación de cero enerxético en España". "Moito máis grave que o apagamento eléctrico sufrido durante moitas horas foi o apagamento informativo ao que nos someteu o Goberno central", reprocha.

A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, na presentación do V Edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida. XUNTA
A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, na presentación do V Edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida. XUNTA | Fonte: Europa Press

XUNTA

Por outra banda, A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou que coa repotenciación e o reforzo da rede eléctrica de transporte que reclama ao Goberno central, Galicia podería conseguir unha potencia equivalente a 70 parques eólicos --de 40 MW cada un sen nova ocupación de terreos-- e 1.300 MW máis de consumo.

Así o trasladou na mañá deste martes durante a presentación da VI Edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida. No acto, do que informou a Xunta nun comunicado, fixo referencia aos datos que se desprenden do informe sobre a repotenciación eólica encargado pola Consellería de Economía e Industria á Universidade de Vigo e que o luns foi analizado polo Consello da Xunta.

Segundo dixo, se o Goberno central é quen de acompañar ese aumento da potencia eólica co reforzo da rede de transporte eléctrico, poderíase reducir o número de aeroxeradores instalados en Galicia ata nun 68%, xerando ata un 125% máis de enerxía, sen necesidade de novos trazados de liñas de evacuación.

Lorenzana enmarcou esta estratexia na importancia de atender as necesidades de demanda de consumo que ten a industria. E, neste contexto, resaltou o compromiso do tecido empresarial coa sustentabilidade, tal e como recollen as conclusións do Atlas, que demostra, dixo, que "a maior parte das empresas galegas entenden que o éxito económico vai ligado á sustentabilidade, a un compromiso coas persoas e coa sociedade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta