Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2019 | Actualizada ás 13:41
A Fiscalía provincial de Ourense pide unha pena de 10 anos de inhabilitación para o que fora secretario xeral do PSdeG Manuel 'Pachi' Vázquez por un delito de prevaricación continuada durante a súa etapa como alcalde do Carballiño, municipio que gobernou entre 1995 e 2005.
Xunto a Pachi Vázquez serán xulgadas outras catro persoas que tiñan responsabilidades na corporación municipal neste período, entre eles Carlos Alberto Montes, quen sucedeu a Vázquez na alcaldía ata 2011.
No seu escrito con data do 13 de decembro e ao que tivo acceso Europa Press, o ministerio público atribúe ao tamén fundador de Espazo Común e ao resto de acusados un delito continuado de prevaricación por subscribir durante o seu período de mandato "un gran numero de contratacións de persoal laboral de duración determinada para o desempeño de labores de competencia municipal, respecto de 60 traballadores".
En concreto, estas eran destinadas á cobertura de postos de peóns e albaneis, conserxes, carpinteiros, electricistas, traballadores do servizo de limpeza, profesional de psicoloxía, monitor da oficina local de turismo, locutor-redactor e encargado de instalacións deportivas, auxiliares de axuda a domicilio e mesmo axentes da policía local, entre outros.
"FALTABAN OS REQUISITOS BÁSICOS"
"Os acusados procederon á contratación destas persoas con conciencia de que faltaban os requisitos básicos de toda contratación pública, como é a publicidade, para que calquera persona puidese acceder a ela de acordo aos principios de mérito e de capacidade", indica a Fiscalía, que rebaixa lixeiramente a súa petición de penas para dous dos restantes acusados a 9 anos de inhabilitación e 8 anos e 9 meses.
Así mesmo, sinala que todos os contratos foron celebrados a pesar de que os acusados "foron informados" por escrito e de forma verbal "do incumprimento" dos trámites "necesarios" para constatar o "cumprimento dos principios constitucionais que deben rexer os mesmos". Na actualidade Pachi Vázquez continua na política activa e é concelleiro no Carballiño por Espazo Común, formación que fundou após a súa saída do Partido Socialista de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.