Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2019 | Actualizada ás 15:02
A deputada do Grupo Común da Esquerda Paula Quinteiro criticou este luns as "contradicións" do PP entre o que di na comisión de igualdade do Parlamento autonómico, ao tentar sacar adiante o pacto galego contra a violencia de xénero, á vez que "están a pactar coa extrema dereita --Vox--, que nega a existencia" desta secuela social.
Nunha rolda de prensa ofrecida no Pazo do Hórreo xunto á viceportavoz do grupo Luca Chao, Quinteiro xustificou a abstención de Común da Esquerda na aprobación do ditame da comisión de igualdade: "A pesar de concordar co documento, non é suficiente".
"O fundamental virá agora, que será poñer medidas e orzamentos concretos, un calendario e unha avaliación real e rigorosa da actual lexislación en materia de igualdade", apuntou a parlamentaria. Non en balde, Quinteiro dixo que ve "moitas contradicións" entre o que di o PP na comisión "e o que despois leva adiante", e mesmo cos seus pactos con forzas "negacionistas".
Ademais, explicou que "non é unha cuestión illada". "Estas semanas vemos medidas que van en contra dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, como o peche do paridoiro de Verín, ou o desmantelamento dos centros de orientación familiar mentres financian cada vez máis a colectivos antiabortistas como Rede Nai", afeou.
"MENOS DISCURSO E MÁIS RECURSOS"
Nestes mesmos termos, a viceportavoz de Común da Esquerda Luca Chao puxo deberes para 2020 ao presidente e a Xunta, Alberto Núñez Feijóo: "A súa primeira obrigación (...) é entender que cos dereitos das mulleres non se negocia nin se xoga, que nisto hai que situarse: ou coas mulleres, ou cos que negan os dereitos das mulleres".
Neste contexto, a deputada reclamou "menos discurso e máis recursos" en políticas de igualdade, e nomeadamente na polémica en torno ao paridoiro do Hospital de Verín.
"Temos que insistir e dicirlle ao señor Feijóo que se equivocou, que pecou de soberbia, que as mulleres de Verín non van dar un paso atrás e que chega tarde na rectificación. Que o que ten que facer é, primeiro, recuperar o paridoiro xa, antes de que outra muller se vexa novamente nunha situación de violencia obstétrica como a que vivimos hai dúas semanas coa separación abrupta dunha nai e o seu bebé", censurou, para seguidamente pedir o "cesamento" do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.