Chámalle atraso, censura, veto, pero non lle chames pin

Os do partido de época do branco e negro atoparon como facer ruído á vez que tentan, unha vez máis, romper a sociedade pola metade coas súas ideas ancestrais…a última chámase pin parental. É necesario que entendamos que o fillo dun defensor da idea dunha terra chá ten tanto dereito de ir á clase de ciencias, como o fillo dun antivacinas ten dereito a ser vacinado, ou como o fillo dunha testemuña de xeová a serlle salvada a vida cunha transfusión sanguínea.

Por Carlos González Armada | O Porriño | 23/01/2020

Comparte esta noticia

Lembremos ademais que en España existe a escola privada e a escola concertada, ademais da pública. Por tanto os pais e nais que queiran algún tipo de ensino para os seus fillos que sexa máis "adecuado" ás súas ideas xa teñen oferta, incluso aqueles ultra-católicos é anti-ciencia teñen colexios relixiosos de todos os tipos...a escola pública é para ofrecer un ensino regrado igual para todos, sexan ricos ou pobres, católicos ou ateos, negros ou brancos. As materias que ensinan valores de igualdade, diversidade, as de contidos LGTBI, as de cambio climático, as do fomento da convivencia, son un dereito dos nosos fillos, pero tamén o son dos fillos e fillas dos demais...os dereitos, insisto, son dos nenos/as e non dos pais/nais.

É aqui a interpretación  neandertal e prehistórica que teñen os da reaccionaria ultradereita sobre os dereitos, (reaccionarios onde sitúo a vox pero tamén a algúns políticos do PP como Cayetana Álvarez de Toledo, Isabel  Ayuso, Pablo Casado, etc,  óu a outros de Cidadáns como Toni Cantó ou Inés Arrimadas)...estes reaccionarios crense con dereitos sobre a vida dos seus fillos, e non con responsabilidades e deberes de darlle a mellor educación e as mellores oportunidades, cren que os dereitos son deles e non dos nenos.

Os da dereita extrema (PP), extrema dereita ( VOX), e dereita veleta ( Cs), alardean continuamente de ser defensores da constitución, e se autodenominan “constitucionalistas", pero esquecen continuamente TODOS os artigos desa constitución que non lles interesa lembrar, por exemplo o artigo 20 que defende a liberdade de cátedra, ou o artigo 27.2 que garante o pleno desenvolvemento da personalidade. O que a dereita quere instaurar é a desinformación, a estupidez, a non constatación da realidade do mundo actual…quero lembrar as palabras de Pepe Mujica, "un pobo formado é un pobo libre, o primeiro que imos facer é investir en educación, despois en educación e ao terminar volveremos investir en educación"

Por suposto os pais e nais teñen o dereito para educar ás súas fillas e fillos como consideren que é mellor para o seu futuro, e ese labor é a que os pais e nais realizan no fogar a diario, por iso é preciso que os menores teñan outros puntos de vista e decidan por si mesmos, por iso o labor en equipo de familia e escola é fundamental, e precisamente porque ninguén pode elixir á súa familia. Todos necesitamos ter esa posibilidade de ver outras alternativas diferentes ás que a nosa familia nos ensinou.

Imaxe de portada de '¿Sabes lo que quieren enseñarle a tu hijo en tu colegio? Las leyes de adoctrinamiento sexual', panfleto propagandístico que Hazte Oír repartiu por colexios contra a diversidade sexual.
Imaxe de portada de '¿Sabes lo que quieren enseñarle a tu hijo en tu colegio? Las leyes de adoctrinamiento sexual', panfleto propagandístico que Hazte Oír repartiu por colexios contra a diversidade sexual.

O  bulling, o acoso escolar, o respecto polo diferente, o acatamento de normas comúns, son probablemente os retos máis importantes a nivel educativo, e iso non pode estar cuestionado por un dereito para educar na discriminación do diferente, por un lóxico dereito da defensa do propio, por un lóxico dereito á competencia co outro...a escola debe marcar esas primeiras normas as que debemos afacernos a cumprir....as que nos gustan e as que non.

Como antes expuxen, os dereitos non son dos proxenitores, son dos menores, os nenos e nenas teñen dereito a que non se vulnere a súa liberdade de aprendizaxe por ninguén, tampouco polos seus proxenitores, e é por iso que un/a menor dunha familia comunista TEN DEREITO a que unha parte do seu profesorado sexa neo- liberal, a que un profesor de economía teña ideas de dereita, a que outro de historia poida ser libertario, a que un/a menor de familia monárquica poida ter un profesor de ideas republicanas, ese menor ten dereito a contrastar ambos os puntos de vista e decidir por se mesmo, ese menor ten dereito a ser educado na diversidade e a pluralidade de pensamento e no respecto do que pensa diferente.

Querer outorgar a pais e nais un dereito para veto en materias educativas é volver á España do século pasado, de vermellos e azuis, de bandos enfrontados, pois os pais dos vermellos vetarán profesores e materias dos azuis, e pais azuis vetarán materias e profesores vermellos, de tal maneira que os fillos e fillas dos uns e dos outros crecerán baixo o adoctrinamiento dunhas ideas, e o que é peor, do odio.

Educar na diversidade de pensamento, fomentar o pensamento crítico, respectar a quen pensa diferente, facer o noso labor de pais e nais deixando á escola facer o seu labor de formación, educación, e contraste é sen ningunha dúbida a garantía dunha sociedade avanzada, esa é sen dúbida a garantía de ter cidadáns libres e iguais, é a garantía de que a nosa democracia sexa avanzada, é sen dúbida a garantía de preservar os dereitos dos nosos fillos e fillas a ter liberdade de pensamento, a ser libres, a ser universais, non permitamos que esas liberdades que tanto custaron alcanzar sexan postas en risco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Carlos González Armada Perito Xudicial, (Inxeñeiro e Criminologo), Coordinador Autonómico de XUNTOS (Máis Galicia), Voceiro municipal de Xuntos Porriño, (Máis Porriño).