Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2020 | Actualizada ás 21:50
Que che paguen polo teu traballo? Difícil de imaxinar se es autónomo. Vemos estes días un anuncio de televisión dunha coñecida compañía telefónica que ilustra esta situación. Non pagar está de moda, sobre todo en Galicia. Así o constata o último informe de ATA, a Asociación de Traballadores Autónomos: son 16.784 autónomos menos na última década tan só na nosa comunidade. A lexislación española en materia de morosidade non axuda. Ás portas dunha crise de repercusións globais, a présa por cobrar faise máis patente e as empresas de cobro de morosos fanse de ouro.
A lei de morosidade estipula que o prazo de pago non pode superar os 60 días. Incumprila xa é habitual. En Galicia séguese a ignorar a lexislación no sector privado. Os traballadores por conta propia e as empresas prexudicadas non reclaman indemnización por medo a perder un cliente. “Hai un problema global e estrutural contra a morosidade. De feito, fanse películas que engrandecen a figura do debedor como El Gran Vázquez”, adianta Antoni Cañete, presidente da PMcM, a Plataforma Multisectorial Contra a Morosidade.
En contraste co que deixan entrever certos datos, Antoni Cañete destaca que Galicia presenta unha “sensibilidade especial” contra a morosidade, particularmente na Administración, cuxo prazo medio de pagamento é moito menor ao estipulado pola lei. Confía en que unha arma de combate dende os concellos sería a creación de observatorios específicos que estuden o comportamento dos impagos.
MÁIS LUCRATIVAS NO RURAL GALEGO
As empresas de cobro de morosos están mal vistas pola sociedade e son aínda máis lucrativas no rural galego. Porén, sacan tallada do laxas que son as leis e empregan técnicas cada vez máis innovadoras para reclamar o impago. A cara visible do sector é o Cobrador del Frac, que perde forza na comunidade ante a crecente competencia. Casos de preto atopámolos en La Funeraria del Cobro, con sede en Compostela, que utiliza coches fúnebres para reclamar a débeda. Tamén a coruñesa El Torero del Moroso, cuxos xestores de cobro traballan con traxes de luces.
“Contratamos empresas de cobro de morosos ou tiramos os expedientes ao lixo”
As empresas de cobranza de morosos sempre estiveron aí. Sábeo ben o coruñés Fernando Garea, autónomo e administrador de Grupo Noguerol S.L. dende hai máis de 20 anos. O seu primeiro contacto con elas tivo lugar por aqueles tempos, cando formalizou un contrato de 12.000 euros de débedas que databan do ano 75. Actualmente, afirma contar cun sistema de riscos máis estrito, aínda que ás veces aparecen expedientes de débeda difíciles de cobrar: “Entre tiralos ao lixo ou asumir o tempo e os custos que supón ir ao xulgado, deixamos que as empresas de recobro xestionen o impago”.
Despois de tantos anos, Garea expón que a súa empresa xa está habituada a contratar estes servizos. Sobre a experiencia como contratante, cualifícaa de “agridoce”: “O lado doce é que recuperas o diñeiro que dabas por perdido. A parte menos agradable é o enfrontamento que se produce co cliente final”. Engade que xa están preparados. Para el xa é unha alternativa de cobro asentada, a externalización dun servizo: “Clasificamos os clientes incorporando unha categoría denominada ‘cobro de morosos’: é un sistema totalmente válido”, declara.
"MATÓNS"
“Aínda se segue a pensar que os xestores de cobro son uns matóns”, di Garea. As reticencias á hora de contar coas empresas de cobranza de morosos para xestionar os impagos seguen a estar presentes. Incluso elas mesmas amosan certa desconfianza á hora de saír nos medios de comunicación. Algunhas marcas recoñecidas do sector do cobro néganse a trasladar a este medio o seu punto de vista. Desbáncanse así da competencia, ben polos seus métodos de cobranza ou ben por unha aposta férrea pola súa propia identidade. A inexistencia dunha regulación específica do sector deriva, en moitos casos, na comisión de delitos.
“O 80% dos morosos de Galicia concéntranse na Coruña e Pontevedra”
O número de empresas de cobro de morosos en Galicia é inestable. “Aparecen e desaparecen: moitas quedan co diñeiro dos cobros e non lle dan a súa parte ao cliente”, indica José Rivera, da coruñesa Céltica de Cobros. Porén, o responsable apreciou un aumento da morosidade en Galicia no último ano, aínda que a cifra de negocio non é comparable á do ano 2008. Di que na nosa comunidade pagan mellor, malia que as débedas son máis pequenas. “O eixo Ferrol-Vigo é peor pagador que o eixo Lugo-Ourense”, matiza.
Rubén Quintás, responsable do departamento de informes de La Funeraria del Cobro coincide coa perspectiva de Rivera: “Menos dun 10% dos morosos que xestionamos en Galicia están en Lugo, namentres que o 80 % concéntranse na Coruña e Pontevedra ”. Engade que a porcentaxe de recobro en Galicia xira en torno ao 60%, o que indica que, en xeral, os morosos son bos pagadores. Aínda que operan a nivel nacional, salientan que o mercado en Galicia é dos máis considerables: 3 cada 10 clientes é galego.
“As empresas de morosos teñen que estar á vangarda e empregar as redes sociais para chegar ao cliente”
A cara visible das empresas de cobro de morosos está na rúa, pero tamén na Internet. La Funeraria del Cobro afirma distinguirse da competencia galega ao apostar por un departamento específico de comunicación. “Boa parte dos nosos clientes chegan a través da nosa páxina web. O reto é importante: rachar coas falsas crenzas que rodean as empresas de cobro. Empregamos coches fúnebres, non é difícil espertar interese”, explica Quintás. Para acadar este obxectivo, empregan as redes sociais para conectar tamén co público mozo: “As empresas de morosos teñen que estar á vangarda e empregar as redes sociais para chegar ao cliente. Temos que producir contidos propios porque ás veces dan bo resultado. O vídeo promocional que lanzamos no nadal tivo bastante éxito, vai saír na TVG”, prosegue.
Canto á dimensión oculta destas empresas, sábese pouco. Cada unha ten a súa forma de actuar. Primeiro, estudan a solvencia do debedor. “Xógase moito coa información. Cando empezamos, no 2007, as redes sociais non tiñan tanta importancia, pero agora son cruciais para coñecer máis sobre o moroso”, explica Rivera, de Céltica de Cobros. Unha vez comprobadas as garantías de cobro ofrécese un contrato.
A inexistencia dunha regulación específica do sector deriva, nalgúns casos, en litixios legais. Francisco Palacios, responsable do departamento xurídico de El Torero del Moroso, estima que o 90% das denuncias que reciben as empresas de cobro de morosos por coaccións e ameazas carecen de fundamento. “A meirande parte dos problemas coa xustiza son ocasionados por morosos profesionais”, explica José Gómez, xestor de cobro da lalinense Joker Abogados. Eva Novás, avogada de La Funeraria del Cobro, expón que unha grande porcentaxe das denuncias van dirixidas aos xestores de cobro ou aos propios clientes: “Supón empregar de forma fraudulenta algo tan grave e serio como é a vía penal para evitar ou dificultar a reclamación dunha débeda”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.