Catro empregadas denuncian o acoso do ex-xefe de planta do Corte Inglés: "É un depredador sexual"

O acusado négao e vincula a acusación, pola que foi sancionado pola empresa e despedido, a unha cuestión laboral.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/02/2020 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

Catro antigas traballadoras do Corte Inglés de Santiago aseguraron este mércores que o que fora o seu xefe de planta ata o ano 2017 as someteu a "tocamentos" e proposicións "soeces" e lles dixo frases e realizou xestos de contido "sexual". "Para min, é un depredador", dixo unha das testemuñas.

As mulleres compareceron este martes nos Xulgados de Santiago nunha vista Penal contra o que fora o seu xefe de planta entre os anos 2014 e 2017, ao que una delas denunciou por suposto acoso sexual e laboral, un proceso que, tras recorrer ao protocolo interno da empresa neste tipo de casos, derivou no despedimento do ex xefe de planta, que un xulgado posteriormente avalou.

Agora, a denunciante, Isabel Fraga, leva tamén o caso á vía penal, para depurar responsabilidades polo que ela considera que foi un acoso sexual continuado do que foron vítimas, ademais, outras compañeiras.

Na súa declaración na vista, a denunciante asegurou que o acusado chegou á planta onde traballaba, o departamento de electrodomésticos, en 2012, "desde o Hipercor, por problemas de saias" e que, ao pouco tempo, "empezou" a dicirlle "cousas" de contido sexual, a "facer xestos obscenos" ou a dicir "frases soeces", como "non me veñas con eses morritos, que me pos cachondo".

A muller explicou que, no seu posto de traballo e cando estaban sós, mostráballe "vídeos e fotos pornográficas" e chegoulle a facer proposicións para manter relacións sexuais nun "motel que coñecía". Do mesmo xeito, acusa ao que fora o seu xefe de "tocamentos inadecuados" e "rozamentos": "Collíame pola cintura e dicíame 'que durita estás'", dixo.

DE FORMA "GRADUAL"

"Foi aos poucos, de forma gradual, pero desde o principio", dixo a muller, que respondía a eses ofrecementos marchando a outro lugar. "Se non lle segues o xogo, sabes que vas estar na rúa ou que che vai facer a vida imposible", explicou.

A traballadora puxo os feitos en coñecemento do departamento de Persoal en 2016, pero, asegurou, non lle fixeron caso. "Dixéronme que non lle dese importancia e en novembro pedín a baixa porque a situación era insoportable", resumiu.

Por mor da consulta co seu médico, a traballadora puxo os feitos en coñecemento do protocolo interno do Corte Inglés na materia, un departamento que emitiu un informe no que apreciaba a existencia de acoso sexual cara á denunciante e que derivou, posteriormente, no despedimento do acusado.

OUTRAS TESTEMUÑAS

Na vista deste mércores declararon outras tres mulleres que tamén traballaron na mesma planta do centro comercial compostelán e que, segundo afirmaron, sufriron os comentarios e as proposicións do acusado.

En concreto, unha das testemuñas contou como, cando estaba embarazada da súa segunda filla, o entón xefe de planta díxolle que "agora era o momento de facelo", porque así non quedaría embarazada, e afirmou que o acusado a collía "das cadeiras" e da "cabeza" con intencións de carácter sexual.

A muller dixo que non denunciou os feitos por medo a que a "botasen á rúa", como despediran a un compañeiro que "se enfrontou a el". Tempo despois, e ante a "difícil situación", pactou coa empresa a súa marcha.

Tamén outra traballadora, visiblemente afectada, contou como o acusado lle realizaba comentarios sexuais e lle propoñía " marchar con el", á vez que lle facía "tocamentos". "Non denunciei porque non me sentía apoiada, porque non fun capaz, e temía que houbese represalias", explicou a muller, que sostivo que foi cando a chamaron a declarar para o informe interno cando soubo que había máis casos. "A súa maneira de falarme e a súa conduta non eran normais. Para min, esta persoa é un depredador", resolveu.

Finalmente, tamén declarou unha traballadora do departamento de atención ao cliente, situado na mesma planta, que contou que "era habitual" que o denunciado "dixese cousas de contido sexual" e lle mostrase "imaxes pornográficas" no seu teléfono móbil.

O ACUSADO NEGA OS FEITOS

Pola súa banda, o acusado negou rotundamente que realizase nunca proposicións sexuais, tocamentos ou comentarios explícitos ás traballadoras e vinculou a denuncia a un conflito de tipo laboral derivado das "comisións" de venda.

Mantivo coa denunciante, afirmou, unha "relación cordial" ata finais de 2015, que, segundo el, se deteriorou pola influencia dun terceiro traballador, despedido posteriormente, co que tivo un altercado e que "foi o asesor legal" da muller.

"Estaban descontentas laboralmente e polas comisións", dixo o ex xefe de planta, que sostivo que nunca tivo coñecemento dos comportamentos que lle atribuían a pesar de que durante en ano 2016 foi "apercibido dúas veces". "Dixéronme que chegaran queixas de que eu utilizaba malas formas, pero non por cuestións sexuais", describiu. Con todo, entre o primeiro e o segundo apercibimento, en agosto de 2016, foille asignada outra planta.

"A consecuencia disto é que estou na rúa", dixo o acusado, un despedimento disciplinario que, aínda que recorreu, fallouse na súa contra.

OUTROS TRABALLADORES NON VIRON COMENTARIOS INAPROPIADOS

Na mesma liña, varias testemuñas chamadas pola defensa aseguraron que non tiveron coñecemento destes comportamentos.

En concreto, catro empregadas do mesmo departamento afirmaron que o acusado non lles realizou nunca proposicións sexuais ou tocamentos e definírono como unha "persoa esixente" e un xefe "excelente". Tampouco tiveron coñecemento de que este tipo de comportamentos os tivese con outras compañeiras.

"Era unha persoa esixente, pero facíanos o traballo cómodo e agradable", dixo unha das empregadas. A defensa tamén chamou a declarar a un garda de seguridade, que descoñecía os feitos, e a unha clienta do centro, á que a denunciante dixo que o ex xefe de planta "merecía un escarmento".

Finalmente, pechou as intervencións a profesional do Imelga que realizou un informe sobre a denunciante e que determinou que sufría un trastorno de ansiedade xeneralizada reactivo e "compatible cos feitos que narra".

Edificio de El Corte Inglés na Coruña
Edificio de El Corte Inglés na Coruña | Fonte: CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Martina

Yo trabajaba en la sección de cinturones y me hicieron la vida imposible, en vigo. madre mia que ladrones