Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2025 | Actualizada ás 17:32
A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o incidente de nulidade, promovido por Burger King Spain, da sentenza que revogou as licenzas de legalización das obras dunha edificación destinada a restaurante situada en Sanxenxo, así como o permiso para desenvolver a actividade.
A empresa asegura que se considera prexudicada por nunca ser emprazada no procedemento xudicial, causándolle indefensión, a pesar, segundo alega, de que era parte interesada. "Non cabe compartir a súa argumentación nin, a consecuencia, a procedencia da anulación da sentenza, atendida a inexistencia de datos de onde puidese ser identificada con tal carácter, a fin de considerar que puidesen verse afectados os seus intereses e que debese ser emprazada", recalcou o TSXG.
Neste sentido, explicou que isto é así porque Burger King Spain "non foi quen solicitou a licenza de obras para a construción dunha estación de servizo con cafetaría e oficinas en Sanxenxo, nin a licenza municipal de actividade para apertura de actividades". A Sala subliña que, de feito, foron concedidas ás mercantil Estacións de Servizo Exnor.
Os maxistrados indican que o contrato privado de cesión de superficie ao que se fai referencia --acordo privado entre partes-- é "alleo aos títulos administrativos outorgados, que figuran todos a nome de Estacións de Servizo Exnor, tratándose de relacións comerciais internas entre ambas as entidades, non postas de manifesto nin en vía administrativa nin en vía xudicial ata agora".
Por iso, os xuíces conclúen que "non existiu vulneración" do seu dereito de defensa, á vez que recalcan que tampouco se personó nos procedementos administrativos. Así, o TSXG destaca que a empresa que demanda a nulidade da sentenza "non era identificable como interesada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.