A oposición critica a Feijóo por deixar que Euskadi marque a axenda electoral galega

PSdeG, BNG, Común da Esquerda, En Marea e Anova din estar preparados para uns comicios que esperan que sexa o fin da maioría absoluta do PP, partido que aspira a que Feijóo opte a un cuarto mandato.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/02/2020 | Actualizada ás 20:08

Comparte esta noticia

O adianto das eleccións galegas anunciado este luns por Alberto Núñez Feijóo puxo en marcha a maquinaria dos partidos de cara aos comicios do próximo 5 de abril. Entre os partidos da oposición, unha mensaxe común: o presidente da Xunta deixa que sexa o Goberno de Euskadi o que marque o calendario electoral galego.

Alberto Núñez Feijóo, votando nas eleccións galegas de 2016
Alberto Núñez Feijóo, votando nas eleccións galegas de 2016 | Fonte: @FeijooGalicia.

Os populares galegos esperan que Feijóo ratifique na xunta directiva deste martes que opta a un cuarto mandato despois da mensaxe que enviou o pasado sábado, cando trasladou aos seus a convicción de que "faga o que faga" será o paso que quere o seu partido.

E o paso que quere o seu partido llo explicitaron os catro presidentes provinciais do PPdeG ao pedirlle publicamente no acto que se volva a presentar. Fontes populares subliñaron que non barallan outra alternativa.

Feijóo, pola súa banda, rexeitou ser máis explícito na rolda de prensa que convocou para anunciar o adianto dos comicios ao 5 de abril, o que se traduce en que, do mesmo xeito que nas tres últimas convocatorias, Galicia e Euskadi irán da man ás urnas.

Desde o atril da Xunta remitiu á reunión da xunta directiva do PPdeG, máximo órgano do partido entre congresos, deste martes, que terá lugar na compostelán AC Palacio da Carmen, hotel que Feijóo elixiu tradicionalmente para comunicar aos seus as decisións máis relevantes.

"Estou tranquilo, sei o que creo que debo facer e fareino", sentenciou o xefe do Executivo a preguntas dos xornalistas. Previamente, o sábado, aproveitou un acto de entrega de carnés para trasladar aos seus que non eran precisas "urxencias" nin "nerviosismos". "Seguirémonos vendo", dixo.

PSDEG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou que o adianto das eleccións galegas evidencia que o País Vasco "marca" a axenda do presidente da Xunta, e subliñou que os socialistas están "preparados" para dar a Galicia "o cambio de goberno que necesita".

Caballero lembrou que o propio Feijóo aseguraba que "non había motivos" para celebrar antes os comicios galegos polo que considerou que este movemento mostra "unha vez máis" que "non ten palabra".

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta atribuíu a decisión de Feijóo de chamar ás urnas o 5 de abril a que ten "un proxecto agónico, que só dá problemas". "Está a admitir que Galicia non pode soportar a agonía dun goberno sumido na inacción e na apatía", recalcou.

En paralelo, ironizou co feito de que Feijóo se presente como o "garante da estabilidade política" cando "non é capaz de chegar ata o final da lexislatura". Agora, reclamou que non utilice os dous meses escasos que restan ata as eleccións para "facer campaña cos recursos da Xunta".

Ademais, deixou claro que o PSdeG está "preparado" para darlle a Galicia o cambio de goberno que necesita". "Imos falar coa Galicia real: a que sofre as consecuencias dos recortes de Feijóo nos servizos públicos e a que padece a falta de oportunidades que nos deixa en Galicia", concluíu.

BNG

O BNG destacou que ten "os deberes feitos" e xa tiveran en conta a posibilidade dun adianto electoral. E aínda que dixo que o PNV "volve marcar o paso" do presidente da Xunta na convocatoria electoral a pesar de que "dixo que ían ser decididas en Galicia, os nacionalistas "saen a por todas" para dar "carpetazo" á década de gobernos de maioría absoluta do presidente.

O adianto electoral tamén obriga á candidata do Bloque, Ana Pontón, que foi nai recentemente, a regresar antes do esperado do seu permiso de maternidade despois de dar a luz a finais de xaneiro.

"Parece que non poderei estar tanto tempo de permiso por maternidade, como tiña previsto. Pero traballarei, con máis ilusión se cabe, para que a miña filla e os nenos e nenas deste país vivan nunha Galicia mellor. Fagamos posible o cambio real co BNG", ha tuiteado Ana Pontón.

O seu viceportavoz no Parlamento, Olalla Rodil, insistiu en que o Bloque "ten os deberes feitos" e aspira a "liderar" o cambio político cun proxecto "sólido". "Temos a mellor candidata, a máis valorada, e un proxecto político para ofrecer unhas mellores condicións de vida" aos galegos, aseverou.

Rodil conveu que "evidentemente" o calendario vai condicionar o cronograma que tiñan preparado para as eleccións, pero avisou a Feijóo e ao PP que "perdan toda esperanza" de seguir á fronte da Xunta.

Os nacionalistas, que tiñan unha serie de xornadas programadas para a elaboración de programa electoral, apuntou que "irán amoldando" os tempos ao que fixa o calendario electoral. En todo caso, sentenciou que o Bloque ten "un proxecto para ofrecer aos galegos e empezar a percorrer un tempo novo, que se necesita como auga de maio".

Ana Pontón tamén retuiteou que Euskadi "marca a axenda e a data das eleccións" a Feijóo. "Unha mostra máis da irrelevancia de Feijóo", agregou, antes de asegurar que están "preparadas para afrontar o gran reto que hai por diante".

COMÚN DA ESQUERDA

A portavoz do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, asegurou que "o berro das rúas" obriga a Feijóo, a adiantar os comicios, rexeitou que o adianto collese ao seu grupo por sorpresa e asegurou que o que é "sorprendente" é que sexa o lehendakari Íñigo Urkullu quen decida "cal é o calendario electoral en Galicia".

Chao considerou que o adianto electoral se debe á "presión exercida nas rúas", que o "obrigan" a rectificar as súas políticas en varias ocasións nas últimas semanas.

"A reapertura do paridoiro de Verín foi a primeira rectificación de Feijóo, a primeira gran vitoria da cidadanía. Onte tiña que producirse a segunda e efectivamente, así ocorreu", manifestou Luca Chao en referencia á manifestación en defensa da sanidade pública celebrada en Santiago.

"É o momento de que a maioría social que vimos onte nas rúas, que quere un goberno de progreso, teña a ocasión de expresarse e marcar un novo rumbo para Galicia", sostivo.

Na súa intervención, ademais, asegurou que Feijóo "estaba preocupado" porque con "todos os indicios que tiña enriba da mesa" sabía que "cada día que pasaba xogaba na súa contra".

"En todo caso, nós diciamos que canto antes mellor, porque é evidente que Feijóo non ten proxecto para Galicia e por iso o responsable era isto, convocar eleccións", insistiu.

Ademais, sobre o feito de que as forzas que integran Común da Esquerda (Anova, Podemos e Esquerda Unida) aínda non decidisen se se presentarán xuntas ou quen será o candidato, Luca Chao sinalou que o que "caracteriza" ao seu espazo é "que o importante nunca foron as persoas, senón os proxectos".

Con todo, preguntada sobre se xa iniciaron as conversas para unha posible alianza electoral, sinalou que están "niso".

EN MAREA

O líder de En Marea, Luís Villares, celebra que a cidadanía vaia a "ter a palabra" nas eleccións o próximo 5 de abril, tras o anuncio do presidente da Xunta.

Sobre o seu futuro persoal, despois de presentarse como candidato en 2016 por un partido instrumental apoiado entón por formacións políticas que xa non forman parte (como Podemos ou Esquerda Unida), Villares indicou que "en breve" o seu partido tomará unha decisión, incluída a súa.

Villares manifestou que a "lexislatura termina igual que se produciu, cun Feijóo deixando que os demais lle marquen o paso". "Foi o Partido Nacionalista Vasco o que lle dixo cando tiñan que ser as eleccións", apuntou.

Referiuse tamén manifestación que secundaron miles de galegos este domingo en contra da política sanitaria de Feijóo para apuntar que "celebra" que a cidadanía "teña a palabra" e "abrir unha primavera de feminismo e ecoloxismo".

Sobre o futuro de En Marea e o seu persoal, non aclarou máis aló de que "se decidirá en breves semanas". E preguntado por se convocaría unha reunión de urxencia a dirección, dixo que precisamente este luns tiñan reunión ordinaria da coordinadora.

ANOVA

Anova Irmandade Nacinoalista confirmou que estará presente nas eleccións, sendo "leal ao legado destes anos, onde traballou desde a xenerosidade para construír unha alternativa de ruptura coas políticas lesivas do Partido Popular".

A formación nacionalista que encabeza o deputado de Común da Esquerda Antón Sánchez apunta que traballará "con xenerosidade e altura de miras para sumar" como, din, fan desde a súa fundación en 2012.

Deste xeito, e coa incógnita aínda por despexar de como concorrerá ás eleccións o espazo político da chamada unidade popular, Anova confirma que estará nas eleccións.

"Estaremos presentes o 5 de abril co obxectivo de abrir a nova etapa que Galicia merece", resalta a organización xurdida da división do nacionalismo galego agrupado no BNG ata 2012 e que, desde entón, concorreu ás galegas sempre en candidaturas de unidade, primeiro con Esquerda Unida na coalición Alternativa Galega de Esquerdas e despois baixo o partido instrumental En Marea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta