Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 13/02/2020 | Actualizada ás 15:35
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desligou este xoves de Galicia a investigación por suposta corrupción ao exdirector xeral de Pemex, Emilio Lozoya, detido na pasada xornada en Málaga. "Sei que estamos en precampaña electoral e todo vale en precampaña electoral", criticou polas acusacións da oposición, que lle critican as súas xestións neste asunto.
Preguntado sobre as relacións entre a Xunta e Lozoya, co foco no naval e no estaleiro vigués de Barreras, Feijóo empezou por "felicitar" a Policía española por "actuar de acordo coas indicacións da Administración de Xustiza" de México. "Felicidades pola súa dilixencia", subliñou.
A continuación, quixo aclarar que "o acordo de Barreras e os floteis non foi adoptado con este expresidente, senón co anterior". "Está documentado en todas as hemerotecas e foi (Juan José) Suárez Coppel o que asinou comigo dous floteis", esgrimiu.
En segundo lugar, defendeu que ao exdirector da compañía mexicana detido "se lle investiga por información relativa a algo relacionado con Brasil, non con Galicia" e agregou que, sobre asuntos vinculados con Brasil non ten "nada que engadir".
Para Feijóo, as críticas e alusións ás súas fotos con Lozoya por parte da oposición ten que ver co actual contexto electoral, cos comicios autonómicos convocados para o 5 de abril.
"Sei que estamos en precampaña electoral e que todo vale en precampaña electoral. En 2012 díxosenos que os barcos de Pemex eran barquiños e non existían. Agora dise que hai un directivo investigado... Pois que siga investigado, que a Xustiza mexicana investigue o que queira", retou.
Finalmente, garantiu que Galicia está "preservada" sobre calquera cuestión relativa "a este asunto ou a calquera outro que teña relación con esta compañía petrolífera".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.