Temos as ferramentas adecuadas na escola e na casa para educarnos sexualmente?

Nuns tempos onde se volven cuestionar e avivar os debates que xa parecían superados, Galicia Confidencial fala cunha mestra e axente de igualdade, Daisy Alcalde; cunha psicóloga e sexóloga, Mónica Novás; e cunha psicóloga e psicopedagoga de Aseia Galicia, Vanessa Rodríguez, para debullar os pasos dados e as eivas nas que cómpre seguir traballando.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2020 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

Falar da sexualidade non é só falar de sexo. É falar do noso corpo, dos nosos sentimentos, das nosas relacións de parella e de todo un imaxinario individual e colectivo baixo o que desexamos, actuamos e reproducimos patróns. Xa que logo, construírmos unha sexualidade sana e diversa axudaranos a desmontar os mitos do amor romántico, os celos e a dependencia; asistiranos na loita contra as violencias machistas e os abusos sexuais, e en definitiva, faranos máis libres.

Mocidade de Vigo
Mocidade de Vigo | Fonte: Miguel Núñez

Hoxe en día a mocidade está ateigada de información: Internet abre as portas a un mundo de infinidade de datos que se poñen ao noso alcance cun só click. Mais de todas, cal é a mensaxe que nos chega? Temos as ferramentas adecuadas para educarnos sexualmente? Nuns tempos onde se volven cuestionar e avivar os debates que xa parecían superados, Galicia Confidencial fala cunha mestra e axente de igualdade, Daisy Alcalde; cunha psicóloga e sexóloga, Mónica Novás; e cunha psicóloga e psicopedagoga de Aseia Galicia, Vanessa Rodríguez, para debullar os pasos dados e as eivas nas que cómpre seguir traballando.

CANTO SABEMOS?

"A educación sexual debe estar presente en todos os ámbitos: na familia, nas escolas e na sociedade en xeral". Este propósito que apunta Vanessa Rodríguez cada vez se cumpre máis. Hoxe en día, o coñecemento que existe ao redor da sexualidade é moito maior do que hai 20 anos. Con todo, a información chega a nós embarullada. "Temos moitísima información lixo, e non é un lixo casual", relata agora Daisy Alcalde. "Acaba chegando a mensaxe de desigualdade de xénero e de normalización da violencia onde se pretende que eles adopten o rol de exercela e nós de sufrila e incluso de gozala".

As redes sociais e a Internet son as maiores fontes da información, e deixar a educación afectivo-sexual só nas súas mans pode resultar perigoso. Con todo, Vanessa Rodríguez adverte cada vez un maior interese por parte das familias. Pasar a información polo filtro das profesionais é a clave para non caer nos mitos e nos modelos tóxicos. "As redes sociais son igual de boas ca malas, así como chega a información positiva que fomenta a igualdade tamén chega a desinformación e o odio", conta Alcalde. 

Un mozo cun teléfono móbil. FUNDACIÓN DESCOBRE
Un mozo cun teléfono móbil. FUNDACIÓN DESCOBRE

Segundo Mónica Novás, Internet é unha amálgama de datos que poden facer dubidar, mais ás veces consegue funcionar como ferramenta para identificar condutas non adecuadas, sobre todo no tema das orientacións sexuais. Outras, é mesmo contraproducente. "Seguen perpetuándose os estereotipos coitocéntricos, onde o centro é o home e o pracer masculino... Logo atópaste con rapazas de 17 anos que non saben o que é o clítoris", asegura Daisy.

A PORNOGRAFÍA COMO MODELO

Outras xeracións achegábanse á sexualidade cando buscaban palabras no dicionario ou mercaban revistas, mais hoxe mudaron os métodos. A pornografía, que temos a golpe de click en Internet, constrúe modelos de sexualidade que acaban superando a ficción e volvéndose pura realidade. Tanto Alcalde coma Novás e Rodríguez coinciden no perigo de que a educación sexual estea rexida por ela. "A pornografía perpetúa os estereotipos de xénero, as condutas violentas... Chaman moito a atención as buscas: violacións en grupo, pedofilia, abuso a menores...", enumera Alcalde. "A muller sempre está disposta, o home sempre ten ganas, sempre aguanta; tanto para ela como para el pode xerar moita frustración", continúa Rodríguez.

Ademais, a idade do primeiro acceso a contidos pornográficos baixou significativamente nos últimos tempos. Cando Daisy Alcalde dá obradoiros sobre este tipo de temas adoita preguntar quen da aula viu porno. "Ao principio parece que ninguén, pero logo acaban levantando a man a maioría. 'Ben, pois xa sabedes que é o que non tedes que facer'", advérteos. Con todo, segundo Vanessa Rodríguez, hoxe en día a pornografía "inflúe pero non determina" a educación sexual da mocidade. "O que se lles escapa é que é unha ficción".

Por iso, antes dese acceso, Mónica Novás aposta pola formación por parte de profesionais: "Debería haber unha educación afectivo-sexual forte que fomentase a empatía, con iso conseguiriamos loitar contra os modelos violentos". E para Vanessa Rodríguez, o perigo non é tanto o que nos amosan, "que tamén", se non o feito de non ter as ferramentas para reflexionar de maneira crítica sobre o que nos están mostrando.

NAS ESCOLAS

Todos estes patróns aprendidos a través da pornografía vense reforzados, por exemplo, pola televisión. "Mentres siga habendo 'realities' onde as parellas se digan que se non se puxeron celosas é porque non se queren, seguiremos xerando relacións tóxicas". Mónica Novás ofrece por toda Galicia un programa de formación chamado Sex Xoven e no que recoñece empregar moito a televisión como contrapunto para explicar o que significa unha relación sana.

Daisy Alcalde tamén leva oito anos dando obradoiros polos colexios e nos últimos tempos adverte grupiños de rapaces nas aulas que agora "utilizan as cifras falsas dos partidos de ultradereita e que sempre acaban sacando: 'E que pasa cos trinta homes asasinados cada ano?'". "Son fáciles de desmontar", conta, pero acábase perdendo moita enerxía polo camiño. Do outro extremo, hai oito anos tampouco atopaba coma agora rapazas que falasen de teorías feministas. "A sociedade está polarizada", analiza, e na educación sexual atópase a clave do consenso.

Por iso, que estes contidos estean presentes nas escolas é fundamental. As tres coinciden en que a educación afectivo-sexual debería formar parte dos plans de estudos de maneira transversal. E aínda que isto vén recollido mesmo na lei galega da Xunta, falla a formación do profesorado e falta levalo verdadeiramente á práctica. "Estou segura de que mañá chego ao claustro e pregunto que é a intersexualidade e o 90% non sabe de que estou falando. Non pode ser que saiamos da carreira sen ter nin idea de igualdade". Daisy Alcalde pousa os ollos sobre o modelo de Canarias e aposta pola creación dunha figura de axente de igualdade, isto é, que cada centro educativo conte cunha persoa responsable de igualdade con formación específica para o resto de compañeiros e compañeiras.

Mónica Novás concorda en que a educación sexual non pode entenderse cumprida cunha formación puntual en todo o curso. E Vanessa Rodríguez, pola súa banda, constata que a transversalidade sería o ideal, mais nestes momentos o máis efectivo é a creación dunha materia específica que debe estar no currículo. E dende cando? "A min paréceme interesante traballar dende infantil", pensa Alcalde. "É coñecerte, é saber o que che gusta e o que non. Traballando a sexualidade podemos previr os abusos sexuais a menores".

CONSTRUÍR REFERENTES

Ademais de achegarse á mocidade a través das escolas e dos institutos, que son lugares de referencia, para que a mensaxe da igualdade e da diversidade cale tamén cómpre falar a súa mesma linguaxe dende canles que forman parte do seu día a día. E unha delas é YouTube. Por iso mesmo, nos últimos meses Aseia Galicia (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia) e mais a produtora Illa Bufarda veñen de botar a andar unha webserie sobre sexualidade protagonizada por dúas mozas e un mozo que contan as súas experiencias, dúbidas e reflexións perante a cámara. Trátase de S.E.X e chega para "romper co tabú da vergoña" e crear novos referentes dos que aprender.

Estanse dando pasos cara adiante, mais a educación afectivo-sexual segue sendo a materia pendente nun dos ámbitos fundamentais para a mocidade, os colexios e institutos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Nas escolas seica cabe todo ! Cada día as escolas están máis "institucionalizadas" (masificadas e con falta de medios) pero todo dios mete as súas teimas na escola, coma se nun lugar reducido e comprimido houbera lugar para tratar o infinito: educación sexual, vial, alimentaria, relixiosa, ética, cívica... e logo matemáticas, física, química, bioloxía, economía, etc. A pornografía está a un clic !!! Onte na entrevista realizada no Intermedio (Sexta) á flamante ministra de igualdade, Irene Montero, no corte publicitario sabedes cantos anuncios de empresas de xogo on-line tivemos que tragar para escoitar os últimos dous minutos da HORROROSA entrevista coa Marquesa de Galapagar? En dez minutos de publicidade colocaron DEZ ANUNCIOS DE XOGOS DE AZAR !!! Podemos meter na escola o que queirades, mentras a pornografía e o xogo están invidindo tódolos espacios da xente nova (e non tan nova) ! Hipocresía Social ou Negocio Institucional ?