Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2020 | Actualizada ás 20:28
A prisión da Lama, en Pontevedra, conta desde o pasado día 20 de xaneiro co proxecto 'Nelson Mandela', que preparará a case 60 interinos para a reinserción socio laboral.
Precisamente, este martes, o secretario xeral de Institucións Penais e presidente da entidade estatal Traballo Penal e Formación para o Emprego (TPFE), Ángel Luís Ortiz, e a conselleira de Política Social da Xunta, Fabiola García, visitaron o módulo.
Na actualidade, preto de 60 internos conviven no módulo no que se ofrecen itinerarios personalizados de preparación técnica e persoal, que combinan formación e integración laboral.
O obxectivo é que as persoas privadas de liberdade amplíen as súas competencias e melloren habilidades persoais e profesionais que as axuden no seu camiño cara á reinserción e a plena inclusión social.
Para a posta en marcha do programa 'Nelson Mandela' na Lama incorporouse un novo equipo de inclusión social formado por dous profesionais e un asesor técnico, achegados pola Xunta, que traballa en coordinación cos profesionais de Institucións Penais.
Segundo indicou o Ministerio do Interior, na visita, Ángel Luis Ortiz subliñou o compromiso e a colaboración da Xunta na tarefa de lograr a inserción das persoas privadas de liberdade.
"Aínda que é á Administración penal a quen lle corresponde exercer ese liderado e responsabilidade, a inserción plena na sociedade só se logrará coa participación e implicación de todos os axentes sociais", asegurou.
Pola súa banda, a conselleira destacou que, desde a súa implantación, este programa converteuse nun referente da reinserción socio laboral das persoas recluídas en toda Europa. Neste sentido, lembrou que no mes de decembro lle foi outorgado o Premio Europeo de Servizos Sociais. Un éxito que, como indicou, se debe á colaboración constante entre institucións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.