Todos os partidos suspenden a precampaña e a Xunta recomenda facer o mesmo ao resto de forzas

Feijóo puntualiza que os partidos deben cumprir a limitación a celebrar actos con máis de 50 persoas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2020 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

O Partido Popular de Galicia , o PSdeG, Galicia en Común, BNG e Ciudadanos suspenden a precampaña electoral pola crise aberta coa expansión do coronavirus. Así o anunciou o presidente galego e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que decretou un paquete de medidas para frear a propagación do COVID-19.

Así, o líder popular encomendou ao portavoz parlamentario do seu partido, Pedro Puy, que se poña en contacto co resto de forzas políticas galegas para que suspendan os seus actos de precampaña. Feijóo precisou que se trata dunha recomendación, pero que si ha de cumprirse a limitación de non celebrar actos que reúnan a máis de 50 persoas.

Deste xeito, o PPdeG non realizará "ningún acto" ata o luns, cando os líderes das principais forzas políticas están chamados a participar nunha reunión co Goberno autonómico. Alí avaliaranse, como precisou Núñez Feijóo, os pasos a seguir no relativo á celebración da campaña das autonómicas que debería arrincar o próximo 20 de marzo.

"As eleccións son absolutamente secundarias, o único que nos importa é a saúde pública", incidiu Feijóo, que manifestou que, ao seu xuízo, as eleccións do 5 de abril "só se poden celebrar" se existen "garantías" de que "todos os galegos poidan votar con absolutas garantías" e "todos" os membros das mesas electorais teñen garantida a súa seguridade durante a xornada.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fala das medidas para frear o coronavirus.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fala das medidas para frear o coronavirus.. XUNTA | Fonte: Europa Press

BNG

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) anunciou tamén a suspensión de todos os actos de precampaña previstos para este fin de semana, o último antes de que oficialmente arrinque a campaña electoral, agora no aire. Ata o luns, os nacionalistas galegos cancelan axenda preelectoral. Deste xeito, do mesmo xeito que o PPdeG, o BNG non realizará ningún acto ata o luns, cando os líderes das principais forzas políticas están chamados a participar nunha reunión co Goberno autonómico.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que a súa formación acatará "calquera proposta" que conte con "aval científico" sobre a celebración das eleccións autonómicas e que "se considere que sexa necesaria para frear a crise do coronavirus".

CIUDADANOS

Cs Galicia tamén suspendeu todos os actos de precampaña previstos ante a "situación excepcional provocada pola crise do coronavirus".

Así o comunicou a través das redes sociais a candidata da formación laranxa á Presidencia da Xunta, Beatriz Pino, quen resaltou que "a prioridade nestes momentos é velar pola seguridade e a saúde dos cidadáns". "E todos os partidos debemos actuar con responsabilidade", abundou.

PSDEG

Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas galegos e candidato á Presidencia da Xunta, anunciou esta tarde que tamén suspende a campaña electoral e que está aberto a unha aprazqamento electoral e a buscar unha data para ese aprazamento.

EN COMÚN 

A coalición Galicia en Común- Anova Mareas reclamou un "esforzo" en recursos e materiais para a sanidade pública ante a crise aberta pola expansión do coronavirus, que piden afrontar con "tranquilidade" pero activamente para frear a propagación do  COVID-19.

O candidato á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, a cabeza de lista por Pontevedra, Eva  Solla, e o número tres pola Coruña, Martiño Noriega, sinalaron que as medidas que establece o protocolo a comezos do mes de marzo para conter o avance do virus "son insuficientes" a día de hoxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta