Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2020 | Actualizada ás 19:51
Artistas galegos de primeira fila como Davide Salvado, Abe Rábade ou Ugia Pedreira, entre outros, ofrecerán concertos a través das redes sociais para amenizar a corentena polo coronavirus e concienciar sociedade para que eviten saír de casa.
Todos eles formarán parte dunha iniciativa que, baixo a denominación 'Músicas de Sofá: Especial corentena', reúne xa unha decena de músicos de Galicia.
O festival comezará esta noite co concerto de Petra Portér e continuará mañá domingo, en sesión vermú, con High Paw, Davide Salvado e Najla Shami. Outros artistas como Boj, Ugía Pedreira, Xisco Fernández e Abe Rábade xa confirmaron tamén a súa participación en próximos días.
Anais Barbier, unha das organizadoras do festival, explicou que todos estes artistas "se quixeron unir" cando lles expuxeron esta iniciativa, que segundo engadiu "é unha maneira tamén de usar as canles sociais para algo cultural e que merece a pena".
Afirma que moitos dos artistas que se sumaron a este peculiar festival tiveron que cancelar concertos que tiñan previstos para os próximos días e destaca que "se unha cousa nos move é o amor e as ganas que temos de facer música en directo e en galego".
Esta iniciativa tamén quere dar visibilidade ao feito de que, tras a cancelación dos concertos nas próximas semanas, "estaremos parados, sen traballar e sen ter ingresos", indica outro dos organizadores, Pedro Fariña, que engade que "o peor é que non sabemos se esta situación vai tardar en volver á normalidade".
Por agora, este festival efémero non ten data de finalización, xa que os organizadores aseguran que están a recibir numerosas peticións para sumarse a el nos próximos días. EFE
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.