Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2020 | Actualizada ás 13:56
Un piso, catro persoas e dous positivos confirmados da Covid-19. "É unha situación complicada de levar", recoñece Alba Pintor, que traballaba como auxiliar nun hospital ata hai quince días, cando lle fixeron o test de coronavirus, deu positivo e tivo que illarse na casa. Ela é unha das máis de 1.200 sanitarias do Sergas en toda a autonomía que se contaxiaron desta enfermidade. En ningún momento manifestou síntomas e foi só cando toda a súa unidade se someteu ás probas cando descubriu que estaba infectada.
EN CORENTENA TODOS OS MEMBROS DA FAMILIA
"Quen sabe onde o pillei?, puido ser no supermercado, pero hai un 80% de posibilidades de que me contaxiara no hospital", indica Alba. Logo de facerlle fronte ao coronavirus en primeira liña como sanitaria, agora a loita prosegue na casa. A canda ela vive a súa parella, a súa avoa de 90 anos, recén operada da cadeira, e a súa cativa de case dous anos, que sofre unha enfermidade rara na pel. "Á avoa, por ser persoa de risco, tamén lle fixeron o test e tamén deu postivo, pero está asintomática. Forma parte dese 10% de casos nos que isto sae ben", prosegue a auxiliar de enfermeira.
Á súa parella e á súa filla, se ben "é moi posible que tamén estean contaxiadas", non lles fixeron a proba por non manifestar síntomas. "Din que non se poden gastar os test ao tolo...", fala con ironía. Aínda así, a súa parella tamén tivo que deixar de traballar para gardar a corentena durante 15 días. Xestionar unha situación así nun mesmo piso faise difícil. "Nunha habitación estou eu, noutra está a miña avoa, e o resto nos demais lugares da casa. Saímos aos espazos comúns con máscara porque se non é imposible". A súa nena, Julia, ten unha enfermidade rara - Ictiose Lamelar - que esixe atención continuada por parte dos seus pais, máis aínda se cabe, durante este confinamento no que se lle agravaron os síntomas.
A ENFERMIDADE DA NENA VESE AGRAVADA POLO CONFINAMENTO
A Ictiose Lamelar, a mais severa, é un trastorno herdado polo que as células da pel se acumulan en escamas na súa superficie. De feito, coñécese tamén como "pel de peixe". En todo o Estado hai moi poucos casos desta enfermidade e na provincia da Coruña tan só tratan a esta cativa. "Ten un picor continuo e se se rasca sáenlle eccemas", relata a súa nai, que comenta que o bo de Galicia é o ambiente húmido que se mantén durante case todo o ano. Por iso mesmo, neste contexto de encerro no que Julia se atopa nun espazo máis seco dentro da casa, os síntomas intensificáronselle. "Moitas veces dálle o picor forte e teño que suxeitarlle as mans si ou si porque se non desfaise", conta Alba.
Nestes días ten a pel máis seca e o resto dos síntomas, en consecuencia, aumentan. "Agora facemos as consultas médicas por teléfono. Ao principio non quería levala presencialmente para non pillarmos nada, e agora non a poido levar porque temos que estar todos nós metidos na casa", fala a nai, que tamén denuncia que as cremas con corticoide que precisa a súa filla "non entran na seguridade social". "Hai que pagalas porque están recoñecidas como cosméticos e non como tratamento".
Se de por si é unha enfermidade difícil de controlar, neste contexto, aínda máis. "A típica perrencha que un neno colle cando non lle das un caramelo, ela cóllea cando non deixas que se rasque; ten dous anos e non entende que non pode facelo porque se crea feridas". Dende que comezou o confinamento, Alba nótaa máis "irascible", pero debido á situación na que agora se atopan todos os membros da familia, Julia segue sen poder saír á rúa. "Ela máis ca ningún neno o necesita, non por saír xogar, nin polo agobio de estar encerrada", senón para que a súa enfermidade volva a un estado de maior normalidade.
DESEXANDO A VOLTA Á RÚA
Alba espera con ansia o negativo do seu segundo test, que llo realizan para asegurarse de que poida ircorporarse ao traballo con garantías. Pola contra, á súa avoa "dána por negativa aos 15 días sen repetirlle a proba, porque non hai test suficientes e porque é asintomática". "É algo que non entendo; ela non vai saír, pero é un risco que se corre, porque nin ela, nin o meu home e nin a nena sairán seguros ao 100%".
De todas as maneira, soñan con ese día no que poidan volver pisar a rúa. Neste sentido, Alba fai un alegato á responsabilidade de toda a sociedade para non volver atrás. "Enfádaste e sentes impotencia cando ves que non se cumpren as normas. Non queremos pagar xustos por pecadores".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.