Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/03/2025 | Actualizada ás 21:20
Na era dixital, o acceso á pornografía é máis doado que nunca. A golpe de click, millóns de menores de idade poden atopar contido explícito en Internet sen restriccións nin supervisión. Este fenómeno plantexa serias preocupacións sobre o impacto da pornografía no desenvolvemento afectivo-sexual dos adolescentes, a distorsión das súas expectativas sobre as relacións íntimas e a posible normalización da violencia ou o abuso durante o acto sexual. Pais, educadores e expertos en saúde mental levan anos alertando sobre os riscos desta exposición temperá e sobre a carencia dunha regulación efectiva. Mentres algúns defenden a necesidade de reforzar a educación afectivo-sexual e o control parental, outros abogan por medidas máis estritas para limitar o acceso á pornografía e por cambios na normativa legal á que se atopan sometidas as plataformas que ofrecen este tipo de contidos. A pasada semana, na sétima edición do ciclo de conferencias Tempo da Psicoloxía, titulada 'Unha ollada sobre o acceso precoz á pornografía', expertas en diversos campos vinculados á sexualidade e á infancia puxeron en común as súas opinións sobre a realidade actual. Galicia Confidencial faise eco dalgunhas das súas reflexións.
Os datos son alarmantes. A decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, María Rosa Álvarez Prada, sinala a estudos que apuntan que 1 de cada 4 nenos ve pornografía por primeira vez antes dos 12 anos, e a metade fano entre os 12 e os 15. Ademais, máis aló do acceso a ese contido, o problema está no consumo cada vez máis extentido e frecuente entre os mozos e mozas, un consumo precoz e incipiente. Un estudo de Save The Children apuntaba que o 69 % dos mozos de 13 a 17 anos consumiran pornografía no último mes, con fortes diferenzas entre xéneros, aínda que cada vez menores, pois as mozas tamén se están sumando a ese consumo de contidos sexuais explícitos. "Con este panorama ante nós, creo que como sociedade debemos reflexionar, centrar o foco na infancia e na adolescencia, saber que tipo de sociedade queremos construír entre todos e todas e asumir a responsabilidade de non mirar para outro lado", reivindica Álvarez Prada, que lamenta que, pola súa experiencia, "vexo que na actualidade os adolescentes edúcanse sexualmente a través da pornografía, a pornografía é a súa escola sexual".
Sobre isto, considera que "fáltanlles outros contextos nos que se lles ensine sobre sexualidade, relacións, valores...", polo que fai un chamamento a que "a escola e os demais contextos educativos non miren para outro lado e fagan unha educación afectivo-sexual dende a infancia e a adolescencia, para que a pornografía deixe de ser a escola da sexualidade nos nosos mozos e mozas". E é que, cando a pornografía se convirte en escola, as consecuencias son moi preocupantes: distorsión das expectativas sobre a sexualidade, pois a pornografía comercial adoita amosar relacións hipersexualizadas, desprovistas de calquera afecto e comunicación real, que xeran nos adolescentes ideas erróneas sobre como son as relacións íntimas, agardando nelas prácticas extremas ou dinámicas de dominación como algo normativo; normalización da violencia e da desigualdade, vendo vídeos que reforzan os estereotipos de xénero e as situacións de agresión, falta de consentimento ou sumisión dun xénero ao outro como algo desexable; falta de educación sobre o consentimento e a afectividade, ao non existir na pornografía representacións da negociación do desexo ou consentimento explícito; ou aprendizaxe de prácticas de risco, xa que en moitas destas gravacións practícase o sexo sen proteción e outras condutas que poden ser imitadas polos menores.
"AUMENTAN OS CASOS DE CONFUSIÓN NOS QUE UNHA RELACIÓN ENTRE IGUAIS SE VOLVE ABUSIVA SEN QUE A PERSOA QUE EXERCEU O ABUSO TIVESE INTENCIÓN"
Relativas as consecuencias deste consumo temperá hai cifras demoledoras, como que arredor do 20 % das violacións cometidas foron levadas a cabo por mozos menores de idade, ou que os agresores sexuais levaron a cabo a metade das súas agresións antes da idade adulta. Inma Araújo, psicóloga da Asociación Alborada e educadora especializada no tratamento de condutas sexuais abusivas e na intervención con menores que presentan problemas de conduta, asegura que o que se atopa na consulta nos últimos 3 anos son tres vertentes diferenciadas: "menores que sofren dano como vítimas, menores que sofren dano como vítimas e rematan como vitimarios e menores que directamente son os agresores". Neste punto, Araújo sinala tamén a "aqueles que teñen relacións con consentimento, xa sexa cunha parella esporádica ou estable, pero que, nun intre desa relación con consentimento prodúcese unha reprodución de condutas aprendidas no porno ou nas redes sociales nas cales, un dos membros da parella, normalmente a rapaza, asume que ten que consentir e estar sumisa, mentres o rapaz asume que ten que probar, experimentar e dar pé a todo o que viu no porno --tamén se dan casos nos que é a rapaza a que obriga ao rapaz, pero non son tan habituais--".
Estes casos son perigosos, pois "ás veces a outra persoa acepta simplemente porque non é quen de comunicar verbalmente que non quere, dándose así unha confusión que nalgúns casos remata en denuncia contra a outra persoa, que ao non recibir un 'non' directo e nun momento de excitación non pensou en que podería estar exercendo agresión". "Cada vez vemos máis casos deste estilo, nos cales unha relación entre iguais remata sendo abusiva aínda que a persoa que exerce o abuso non tivese intención de ser agresivo, senón que nun momento de confusión no que non houbo un 'non' explícito a realizar certas prácticas por parte da outra persoa, asumiu que podía normalizar certas actitudes que aprendeu na pornografía e que non son normais", confesa a psicóloga. Este patrón adoita repetirse máis en parellas formadas por un home e unha muller, pois nestes casos é nos que a pornografía fixa moi claramente os roles de cada un, pero a educadora tamén asegura que cada vez chegan a consulta máis casos de parellas homosexuais nos que están emerxendo este tipo de prácticas, como se dunha problemática incipiente se tratase.
"A PORNOGRAFÍA VIOLENTA XA É O 'MAINSTREAM', O QUE APARECE NADA MÁIS BUSCAR PORNO NA REDE, NORMALIZANDO ASÍ AS CONDUTAS AGRESIVAS"
E é que, na maioría do contido pornográfico que se crea e se consume na actualidade, "é sorprendente o estereotipadas que están as persoas e como de claramente se manifestan os seus roles de xénero", reflexiona Sandra Sanmartín, psicóloga e investigadora da Universidade de Burgos especializada en estudos sobre a importancia da alfabetización dixital na infancia. Así, apunta a unha investigación na que se analizaron unha serie de vídeos pornográficos que na maioría dos casos nin sequera estaban categorizados como agresivos, "algo que xa de por si debería preocuparnos, porque estamos falando de que a pornografía violenta xa é o mainstream, o que aparece nada máis buscar porno na rede, sen ter que filtrar por ningún tipo de etiqueta, normalizando así as súas condutas agresivas".
Os investigadores deste estudo tiñan que definir se había neses vídeos condutas agresivas ou non, xa fosen simbólicas, físicas ou verbais. O resultado foi que "cada vez que determinaban que nun dos vídeos había agresión, no 97 % dos casos a vítima estaba caracterizada como muller e os vitimarios como homes". Outro estudo foi un paso máis aló co obxectivo de determinar se ademais do xénero influía tamén a etnia e a orientación sexual. E, efectivamente, o resultado foi que "a persoa que na maioría dos vídeos aparecía exercendo o control na relación tiña a caracterización dun home branco, heterosexual e de mediana idade, mentres que as persoas que facían o que el quería sen ter que consentilo explicitamente pertencían a outro tipo de identidades".
"O PROCESO DE DESENVOLVEMENTO SEXUAL QUE PASA POLA EXPLORACIÓN E AS SENSACIÓNS PÉRDESE CANDO OS MENORES VEN CONTIDOS TAN DIRECTOS"
Chegados a este punto, a pregunta que xornde é: habería que adiantar o comezo da educación afectivo-sexual nas novas xeracións? Para Araújo, "aí está o kit da cuestión", porque "hai que ir con moito coidado". E é que considera que "a exposición precoz non só é ver 'Juego de Tronos' con 9 anos, coa violencia tremenda que inclúe esa serie a nivel sexual, senón tamén velo con 16 ou 17, porque existe un proceso de desenvolvemento sexual en cada individuo que pasa pola exploración, o autocoñecemento, o coñecemento do outro, o desenvolvemento dos sentidos e das sensacións e o descubrimento, cousas todas que se perden cando directamente os adolescentes pasan a ver estes contidos tan bruscos e directos". "Pérdense toda a parte sensorial", lamenta a psicóloga, que exemplifica que isto é algo así como ir a unha autoescola e sacar o carné conducindo un Porsche para logo chegar á vida real e ter que conducir un Dacia. "Non vas disfrutar con iso despois de ter probado o outro", reflexiona. Pola contra, argumenta que, se comezas sacando o carné cun coche medio e logo compras un de segunda man, "valo desfrutar moito uns anos e, cando xa teñas a cabeza o suficientemente formada para poder conducir vehículos máis potentes, poderás mercar un Porsche". Do mesmo xeito, considera que "a educación sexual consiste niso, en non ensinarlle aos nenos cun Porsche".
Por iso, cre que "tampouco podemos explicarlle a un neno de 8 anos cousas ás que non debería estar exposto" a esa idade. "A educación ten que estar adaptada á idade, á linguaxe e ao que corresponde no desenvolvemento afectivo-sexual de cada neno", explica. Neste senso, considera que "tamén temos moito que facer dende a casa", porque tamén a educación dos propios pais é importante. Así, a psicóloga pon o exemplo das películas antigas, pois "cando os nosos pais vían que unha película tiña tres rombos inmediatamente nos mandaban para a cama", mentres que, "agora, aínda que un videoxogo poña que é para X idade, os pais fan caso omiso da advertencia". Dende a súa experiencia como psicóloga, Araújo conta o caso dun rapaz de 9 anos que pasaba xogando online ata altas horas porque a súa nai chegaba tarde do traballo. De súpeto, descubriu o contido pornográfico e comezou a consumilo máis e máis. "Aprendeu a masturbarse vendo porno e descubriu un que lle excitaba moito, o exhibicionista, de maneira que con 11 anos xa tiña uns niveis moi altos de excitación e precisaba dese porno tan potente", conta Araújo. O resultado? "Con 15 anos xa tiña catro denuncias por exhibicionismo e, cando comezamos a traballar, rematou por contarme a verdade, dicíndome que foran 4 denuncias, pero que prácticas terían sido 40 ou 50", lamenta.
"AOS NENOS GÚSTALLES SUPERMAN E NON POR ISO SE TIRAN DUN EDIFICIO PENSANDO QUE PODEN VOAR, PERO SI LEVAN Á PRÁCTICA O QUE VEN NO PORNO"
Por outra banda, aínda que moito se fala tamén da importancia do control parental, ben é certo que ao final os rapaces relaciónanse na escola e na rúa con outros nenos, os cales poden ter unha dinámica familiar distinta e, en consecuencia, unha permisividade no acceso a determinados contidos distinta por parte dos seus proxenitores. A este respecto, Araújo sinala que "tamén os nenos teñen un acceso moi sinxelo a ver como se constrúe unha arma ou unha bomba e, sen embargo, non adoitan dirixir cara aí os seus intereses". Entón, "por que teñen tan claro que ese contido non e o outro si?", pregúntase a psicóloga, que, consciente de que "non podemos poñerlle portas ao campo", considera que "si podemos dárlle aos nosos nenos a capacidade para que aprendan eles mesmos a regular os contidos que son reais e os que non, os que poden implementar na súa vida e os que non". A xeito de exemplo, apunta ás películas de superheroes, pois "aos nenos gústalles Superman porque voa, pero non por iso se tiran dun edificio", mentres que "cando ven porno si tenden a reproducir as súas condutas na vida real". Por que? Pola falta de ensinanza ao respecto. Do mesmo xeito que Araújo, Sanmartín considera que a clave está sempre na comunicación cos menores sobre todas as realidades.
"Cando vemos unha película de superheroes hai unha conversación explícita cos rapaces na que se lles ensina que non se poden poñer unha capa e saltar pola ventá, mentres que explicar as cousas que aparecen nunha película porno dá vergoña aos pais, o cal é comprensible, porque se trata dun tema difícil que require previamente educarnos a nós mesmos antes que a outras persoas", reflexiona. Do mesmo xeito, sinala tamén que "a vergoña é recíproca, pois tamén os nenos teñen vergoña de preguntar se as cousas que ven na pornografía son alternativas lexítimas". O resultado é que, "como a pornografía é de tan fácil acceso e evita aos rapaces ter que preguntar, e como tampouco teñen referentes no ámbito da sexualidade que os guíen nin unha alfabetización dixital previa que lles permita identificar se o que están vendo é ficción ou real, optan polo porno como escola sexual". Unha mostra clara de que os menores o empregan para resolver as súas dúbidas atópase en que "no 2021 as búsquedas en Pornhube baixo a pregunta de 'how to' ('como facer') incrementáronse nun 245 %, convertíndose este nun dos 10 trending topic do ano". "Aínda que Pornhub vendeu o dato como algo positivo, dicindo que a plataforma inspiraba a poñer picante na nosa vida sexual, eu o que imaxino é a un menor sen alternativa educativa sobre sexualidade pensando que realmente o contido que está consumindo en Pornhub o pode educar no ámbito afectivo-sexual".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.