Rachando coa Historia das mulleres como nola contaron: "Sempre houbo mulleres artistas, pero a Historia foi escrita por homes"

Con motivo da celebración do 8M, Día Internacional da Muller, Galicia Confidencial fala hoxe con Rosario Sarmiento, crítica de arte, comisaria de exposicións, xestora cultural e especialista en coleccionismo en Galicia que ten afondado moito na historia da muller na arte e que hoxe nos abre a fiestra a unha nova mirada sobre a muller no pasado de Galicia. Sinala que "a Historia da arte foi feita fundamentalmente por homes, de maneira que sempre houbo unha mirada androcéntrica".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/03/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ao longo da Historia da arte, os grandes nomes que encheron museos e manuais foron, na súa maioría, masculinos. Sen embargo, as mulleres estiveron sempre aí, creando, innovando e desafiando os límites impostos polo seu tempo. Moitas foron invisibilizadas, outras asinaron as súas obras con pseudónimos masculinos e algunhas, a pesar do seu talento, quedaron relegadas ao esquecemento. Dende as miniaturistas medievais ata as pioneiras das vangardas, o seu papel na evolución da arte foi fundamental, aínda que a miúdo silenciado. Nos últimos anos, o reforzo por rescatar nomes e reivindicar o seu legado cobrou forza, cuestionando unha narrativa que durante séculos deixou fóra á metade da humanidade. Ademais, as creadoras actuais están revolucionando o panorama, chegando con máis forza que nunca para deixar a súa pegada nas xeracións actuais e vindeiras. Con motivo da celebración do 8M, Día Internacional da MullerGalicia Confidencial fala hoxe con Rosario Sarmiento, crítica de arte, comisaria de exposicións, xestora cultural e especialista en coleccionismo en Galicia que ten afondado moito na historia da muller na arte e que hoxe nos abre a fiestra a unha nova mirada sobre a muller no pasado de Galicia.

Obra de Bea Rey
Obra de Bea Rey | Fonte: Commons

"As mulleres na arte teñen sido musas e modelos, pero, en escasas ocasións, protagonistas", reflexiona Sarmiento. Así, lamenta que "aínda a día de hoxe coñecemos moi poucas mulleres artistas en relación cos artistas homes, a pesar de que cada vez vaiamos coñecendo máis". Neste senso, asegura que houbo moitas mulleres que fixeron importantes contribucións á Historia da arte pero que, "polas circunstancias culturais, sociais e históricas, non apareceron nos libros e manuais, nas sinaturas, foron infravaloradas e déronselles poucas oportunidades de poder traballar". Deste xeito, a relación das mulleres coa arte no pasado dábase fundamentalmente a través da modelaxe. "A muller foi representada en moitas obras ao longo da historia na súa faceta como nai, como amante, como ama de casa... En moi diversas facetas, pero sempre como un obxecto pasivo", explica a crítica. Por poñer un exemplo, convida a pensar na obra de artistas emblemáticos como Picasso, pois "a súa obra permite seguir perfectamente as súas relacións amorosas", xa que "todas as súas mulleres foron tamén as súas modelos". E, máis aló do caso de Picasso, se imos máis atrás do século XX, o mesmo acontece con Tiziano, Botticelli, Velázquez ou Goya. "En todas as súas obras aparece representada a muller de forma pasiva", confirma.

"NOS MANUAIS DE HISTORIA DA ARTE CANÓNICOS QUE ESTUDAMOS ATA HAI MOI POUCOS ANOS, O 90% DOS NOMES QUE APARECÍAN ERAN MASCULINOS"

Así, nun primeiro momento, botando unha ollada superficial á Historia da arte podería semellar que nela non entraron as mulleres como artistas. Pero é isto certo? Nada máis lonxe da realidade. Como nos conta Sarmiento, "claro que houbo mulleres artistas, e agora estámolas descubrindo pouco a pouco, dándonos conta de que realmente houbo moitas máis das que pensamos e das que estudamos". E é que, segundo explica, "nos manuais de Historia da arte canónicos, que estudabamos ata as últimas décadas do século pasado, practicamente todos os artistas eran homes, habendo un 90 % de nomes masculinos". Isto, por suposto, levou a moitas historiadoras e críticas de arte a plantexarse se realmente non había mulleres artistas. Sarmiento sinala que "a partir dos anos 70 e 80 do século pasado, e grazas ao labor de activistas feministas como Linda Nochlin --historiadora de arte, crítica e feminista estadounidense recoñecida polo seu influínte ensaio 'Por que non houbo grandes mulleres artistas(1971)--, os historiadores comezaron a facerse esa mesma pregunta".

Foi a partir dese momento que "se foi xerando toda unha nova historiografía feminista que, dalgunha maneira, trataba de reivindicar o papel que ocupaban as mulleres na arte, que facían, onde estaban e por que non as coñecemos hoxe". E, a medida que se comezou a investigar sobre elas, fóronse entendendo tamén moitas das razóns polas que os seus nomes non estaban presentes neses manuais sobre arte que chegaron ata nós. Entre elas, Sarmiento sinala que "a historiografía e a Historia da arte foi feita fundamentalmente por homes, de maneira que sempre houbo unha mirada androcéntrica", ao que habería que sumar tamén o feito de que "a sociedade do pasado tamén era fundamentalmente androcéntrica". Así, a crítica considera que "a arte non facía máis que reflexar a realidade da sociedade da época na que foi creada", pois, "ao igual que acontecía coa literatura, o cine e calquera outra expresión artística, a arte tampouco pode entenderse se non nos situamos no seu contexto histórico".

Obra de María Antonia Dans
Obra de María Antonia Dans | Fonte: Commons

"DADO QUE A ARTE ESTÁ FEITA POR PERSOAS, SEMPRE VAI REFLEXAR A VIDA E O MOMENTO HISTÓRICO DOS ARTISTAS QUE A CREAN"

Ademais, "dado que a arte está feita por persoas, sempre vai reflexar a vida e o momento histórico dos artistas que a crean", asegura, matizando que "logo poden ser máis ou menos visionarios", pois "en moitas ocasións esa visión adiantada ao seu tempo que tiñan algúns pintores foi a que fixo que hoxe o seu traballo perviva e que valoremos tanto a súa obra", pero sen esquecer que "ao final non deixan nunca de reflexar o mundo no que viven". E, no pasado, estamos falando dunha sociedade moito máis convulsa, marcada polas guerras e os enfrontamentos, os totalitarismos e a inestabilidade, o desenvolvemento industrial, a falta de concienciación co medio ambiente... Se nos centramos na realidade da muller no pasado, falamos dunha sociedade patriarcal e machista, onde o home ostentaba unha posición de poder, de maneira que a arte tamén reflexa esta cuestión. Neste contexto, máis que preguntarnos cando se deu o punto de inflexión que permitiu ás mulleres pasar de ser modelos a ser artistas, collendo o pincel, Sarmiento convida a pensar "no momento a partir do cal se reivindica o papel das mulleres artistas, pois aínda que antes non fosen visibilizadas e todo o entramado social de épocas pasadas fixese que ocupasen un segundo lugar, sempre as houbo". Ese intre chegou nos anos 70 do século pasado, precisamente da man de reivindicacións como a de Linda Nochlin.

No caso concreto de Galicia, como explica a comisaria, "abre camiño a exposición do ano 1995 no Auditorio de Galicia, sala de referencia en exposicións e catálogos, baixo o título 'A Arte Inexistente', que recollía a obra de varias artistas galegas dos últimos 20 anos". Naquela mostra Sarmiento pasaba revista desas mulleres creadoras que foran invisibilizadas, facendo un repaso por unha serie de nomes, de creadoras mulleres que eran practicamente descoñecidas para o público xeral, para ela e para moitos dos historiadores e historiadoras que traballaban a arte por aquel entón. Entre eses mulleres estaban Elvira Santiso --pintora e docente galega destacada polos seus retratos e esceas costumbristas--, Elena Olmos --artista coruñesa cunha rica obra de retratos, entre os que desstacan os realizados a mulleres da burguesía--, María Antonia Dans --pintora amplamente recoñecida na actualidade polas súas representacións coloridas da vida rural de Galicia--, Bea Rey --pintora coruñesa cunha longa traxectoria na que as súas obras foron pasando da abstracción e a xeometría ao surrealismo, expresionismo e neocubismo--, Fina Mantiñán --artista cunha obra que combina figuración e abstracción-- ou Lolita Díaz Baliño --pintora e profesora cun estilo influenciado polo rexionalismo e o retrato do universo feminino--.

Con todos estes nomes enriba da mesa, "non podemos dicir que as mulleres artistas non existían, senón que as circunstancias facían que estiveran nun segundo plano". Ningunha delas o tivo doado, pois "a crítica non lles era favorable". "As críticas sempre ían dirixidas a cuestionar por que se facían artistas, sobre todo a comezos do século XX, aínda que tamén despois coa chegada do franquismo, tempo no que se facía unha crítica, unha crítica de xénero, na que se primaba o seu caracter como mulleres por enriba da súa obra, cousa que nunca se facía no caso dun home artista", lamenta Sarmiento, incidindo en que "nun home artista valorábase o seu traballo por enriba de que fose guapo, feo, alto, baixo, delgado ou gordo".

"NON É COMPARABLE A SITUACIÓN DAS MULLERES ARTISTAS NA DÉCADA DOS 50 COA QUE TEÑEN AGORA, PERO TAMPOUCO PODEMOS FALAR DE IGUALDADE 100 %"

Despois de ter vivido tempos escuros e de lograr reivindicar o papel de moitas mulleres que pasaron pola Historia da arte relegadas a un segundo plano, a pregunta é: como estamos hoxe en día? "A día de hoxe, afortunadamente, e grazas tamén a todas as loitas feministas, o papel da muller na sociedade é un papel activo, algo que tamén se reflexa na arte", celebra Sarmiento. Así, afirma que "as mulleres incorporámonos dunha maneira progresiva e amplísima á formación en arte, aos estudos superiores e aos estudos de grado, ata o punto de que nas artes a presenza de estudantes femininas é superior á de homes, en proporcións moitas veces dun 60-70 % fronte a un 40-30%". Ademais, apunta a que "xa non só é que sexan máis en número, senón que sacan mellores notas, son moito máis traballadoras, mellores alumnas e teñen máis adicación". Sen embargo, aínda que na vida académica as mulleres destacan enormemente sobre os homes, "cando chega a hora de integrarse no mercado laboral, a situación para elas xa non é tan doada", lamenta.

O por que? A crítica considera que "as mulleres aínda son as que maioritariamente se teñen que encargar da vida persoal, pública e privada, dos fillos e do coidado da casa, o cal segue sendo unha lousa bastante importante". Neste contexto, e aínda que as cousas van cambiando progresivamente e xa cambiaron moito, "esa lousa non é proclive para que as mulleres adquiramos o que nos corresponde, o noso espazo e o noso poder". Con todo, resulta innegable que as cousas seguen cambiando para mellor, "aínda que máis lentamente do que nos gustaría". "Non é comparable a situación que tiñan as mulleres artistas na década dos 50 ou 60 coa que teñen agora, pero tampouco podemos falar de que na actualidade haxa unha igualdade ao 100 %", considera. Para seguir avanzando, dende o seu punto de vista, "reivindicar sempre é absolutamente necesario e importante, porque temos sobre nós toda esa historia de machismo, dunha sociedade androcéntrica na que o home ostentou o poder durante moitos séculos e, evidentemente, cando alguén ostenta un poder non quere deixar de ostentalo", conclúe Sarmiento.

Obra de Lolita Díaz Baliño
Obra de Lolita Díaz Baliño | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta