Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 26/05/2020 | Actualizada ás 19:53
Espazo Común, a formación impulsada polo que fora secretario xeral do PSdeG Manuel 'Pachi' Vázquez, repetirá coalición con Recortes Cero e Os Verdes de cara ás próximas eleccións autonómicas do 12 de xullo.
Segundo explicaron fontes da coalición a Europa Press, prevén presentar candidaturas polas catro provincias galegas para as próximas eleccións ao Parlamento de Galicia.
Ademais, nun comunicado remitido aos medios, a coalición lembra que tres días antes do estado de alarma reclamou a suspensión dos comicios e esixiu que todas as decisións que se tomasen tivesen como criterio fundamental "a saúde e a vida das persoas" e "ningún outro criterio".
Ao mesmo tempo, a coalición que encabezan Pastora Fernández e Francisco Fraga lembra que pediu que a suspensión electoral non abrise un "período amplo no que un pequeno número de forzas monopolizasen a atención coa súa presenza nos medios públicos e privados".
Así mesmo, rexeita que non se convocase a consultas a todas as forzas presentes na campaña para abordar a nova data das eleccións e asegura que non concibe unha campaña sen un trato igualitario e democrático, que atenda ás condicións de urxencia sanitaria nas que se celebran.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.