Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2020 | Actualizada ás 15:51
O candidato de Galicia en Común - Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, chamou a cidadanía galega á mobilización de cara ás eleccións do próximo 12 de xullo convencido de que "se a xente vai votar, Feijóo perde".
Gómez Reino pronunciouse deste xeito durante a presentación do lema de campaña da candidatura, 'É o momento, construirmos o futuro', no que tamén interviñeron as candidatas pola provincia de Pontevedra Eva Solla e Iria Figueroa. Na súa intervención, Gómez Reino sostivo que "sempre que o votante progresista se mobiliza neste país, sempre hai unha maioría clarísima de voto progresista" como se observou nas últimas dúas eleccións xerais e tamén nas municipais.
O candidato de Galicia en Común sinalou que o único poder político que queda agora mesmo ao Partido Popular é a Xunta de Galicia polo que considerou "fundamental" mobilizar todo o voto progresista para que a xente vaia votar e se abra "un tempo novo, un tempo diferente". Gómez Reino asegurou que o obxectivo da candidatura é cambiar o poder político da Xunta de Galicia e construír "con outros e outras un goberno progresista e transformador a partir do próximo 13 de xullo".
Na súa comparecencia ante os medios, Gómez Reino defendeu a "política de valores". "Queremos construír un goberno diferente, baseado en valores, baseado na defensa das maiorías sociais, en definitiva, na defensa do común", indicou. Ademais, sinalou que o seu proxecto se dirixe ao conxunto de galegos, buscando a empatía nun momento de "crispación deliberada". "Nós non a queremos, quen a busca está a tratar de ocular as propostas políticas do noso espazo e do conxunto da oposición", indicou.
MEDIDA ELECTORALISTA
Na súa intervención, ademais, preguntado pola proposta trasladada pola súa coalición semanas atrás para abordar a campaña electoral, Gómez Reino explicou que falou do asunto tanto co BNG como co PSdeG. "Había consonancia en moitas das propostas que trasladabamos desde as diferentes forzas políticas pero, en todo caso, parece evidente que o PP non está disposto a sentar nunha mesa e a pactar nin isto nin absolutamente nada", censurou para lamentar que o Partido Popular e Feijóo "entendan o país como algo que debe estar subsumido aos seus intereses electorais.
Precisamente, preguntado pola entrada de Galicia na nova normalidade antes que outras comunidades, Gómez Reino considerou que "todas e cada unha das comparecencias públicas de Feijóo" foron "electoralistas". "É evidente que vivimos 80 días de precampaña electoral descoñecida polo resto de forzas políticas por parte de Feijóo", manifestou Gómez Reino, que considerou que o candidato do PP e presidente da Xunta é un "especialista" en pedir ás outras administracións que exerzan as súas competencias mentres el "non exerce as que ten".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.