Casado fulmina a Cayetana Álvarez de Toledo tras a presión de baróns como Feijóo

Casado formaliza os cambios apenas un mes despois das eleccións galegas, nas que Feijóo revalidou e ampliou a súa maioría absoluta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2020 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

O PP decidiu relevar a Cayetana Álvarez de Toledo como portavoz do Grupo Popular no Congreso e nomeará no seu lugar a Cuca Gamarra, ata agora vicesecretaria de Política Social do partido. Segundo informou o PP, o presidente do partido, Pablo Casado, convocou o vindeiro xoves á Xunta Directiva Nacional, máximo órgano entre congresos, para explicar nunha reunión telemática a substitución da portavoz e os cambios que leva no equipo directivo.

Así, Álvarez de Toledo será relevada como portavoz por Concepción Gamarra, e esta á súa vez será substituída como vicesecretaria de Política Social por Ana Pastor, a vicepresidenta do Congreso que xa exerceu como portavoz do Grupo Popular na Comisión de Reconstrución tras o coronavirus.

Os cambios no partido materialízanse apenas un mes despois das eleccións galegas do 12 de xullo, nas que Alberto Núñez Feijóo revalidou e ampliou a súa maioría absoluta, o que lle permitirá ser investido presidente da Xunta por cuarta vez o 3 de setembro. O dirixente galego, que evidenciou publicamente en varias ocasións as súas discrepancias con Álvarez de Toledo, é unha das voces que reivindicou o discurso moderado e o centro para o PP.

E ALMEIDA, PORTAVOZ DO PARTIDO

Ademais, o presidente do PP decidiu promocionar ao alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida, outorgándolle o posto de portavoz nacional do Partido Popular.

Nun breve comunicado, Casado agradeceu a Cayetana Álvarez de Toledo o seu labor á fronte do Grupo Parlamentario Popular no Congreso, e manifestoulle o seu desexo de que siga contribuíndo a este proxecto tan importante para o futuro de España.

Álvarez de Toledo, nacida en Madrid en 1974, foi a aposta de Pablo Casado para portavoz do Grupo Popular tras as eleccións de abril de 2019, nas que foi cabeza de lista por Barcelona, renovou escano e cargo nos comicios de novembro pero agora, un ano despois do seu nomeamento, foi relevada.

A súa substituta, Concepción Gamarra foi alcaldesa de Logroño e nas primarias estivo á beira de Soraya Sáenz de Santamaría, aínda que o equipo de Casado a repescou para a dirección como vicesecretaria de Política Social.

A portavoz do Grupo Popular no Congreso dos Deputados, Cayetana Álvarez de Toledo, fala co presidente do PP, Pablo Casado, durante o pleno de sesión de control ao Goberno.. Pool
A portavoz do Grupo Popular no Congreso dos Deputados, Cayetana Álvarez de Toledo, fala co presidente do PP, Pablo Casado, durante o pleno de sesión de control ao Goberno.. Pool

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 cesc

A foto moi ben escollida.

1 Gamela

Agora falta saber cal será a vindeira couce da mula de Aznar ?