Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/09/2020 | Actualizada ás 13:29
Os falecementos de cinco persoas diagnosticadas de COVID-19 subiron a 681 o cómputo das vítimas mortais da pandemia en Galicia.
En concreto, segundo trasladou no seu parte diario a Consellería de Sanidade, nas últimas horas morreron un home duns 77 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e unha muller de 87 anos ingresada no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), usuaria da residencia do Incio.
Ademais, rexistrouse outro falecemento en centros residenciais, en concreto o dun home de 92 anos no Incio. Os tres casos presentaban patoloxías previas.
As autoridades sanitarias informaron tamén da morte de dous homes, de 75 e 87 anos de idade, que estaban ingresados no Hospital de Verín e que presentaban patoloxías previas.
Desde o comezo da 'nova normalidade' o número de pacientes falecidos coa enfermidade en Galicia é de 60 persoas, tras a morte dunha muller o 7 de agosto. Antes diso, encadeáranse case dous meses --desde o 10 de xuño-- sen decesos relacionados co coronavirus.
Neste contexto, o maior balance de falecidos dos últimos meses notificouse o pasado mércores, cando Sanidade informou dun total de sete. A última vez que se superou esta cifra foi o pasado 5 de maio, con nove decesos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.