A realidade legal da okupación: "unha vivenda habitual desalóxase no que tardas en ir á comisaría"

Xuristas e asociacións denuncian unha “estigmatización” do movemento okupa por parte de medios galegos nos últimos meses. O obxectivo, apuntan, podería ser facilitar os desafiuzamentos de inquilinos con contrato cando venzan os ERTE. Para outros, a problemática non está esaxerada senón "minimizada": "non é o mesmo cando son os teus veciños".

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Das televisións estatais ós xornais galegos. A ninguén escapa que nos últimos meses a okupación vén de converterse nun dos temas que dominan o centro da actualidade e a polémica. Se ben as informacións sobre casos de okupación sempre foron prato de gusto para certa clase de xornalismo, dende hai semanas medios de distinta natureza e ámbito están a lanzarse a unha 'febre' que comeza a ser respostada polas primeiras voces críticas.

Manifestación convocada pola Asociación Gatos Roxos, contra a okupación de vivendas e os okupas do barrio das Gándaras, en Lugo
Manifestación convocada pola Asociación Gatos Roxos, contra a okupación de vivendas e os okupas do barrio das Gándaras, en Lugo | Fonte: Lugo Xornal

A denuncia fundamental de asociacións e xuristas críticos é que a mobilización de recursos para cubrir a okupación non obedece a un aumento real do conflito, senón a outra clase de intereses. A cuestión complícase xa neste punto porque, ata o momento, non existen datos claros que permitan analizar a evolución da problemática.“É moi difícil detectar os casos de okupación”, explica Álvaro Abuín, integrante da plataforma Stop Desafiuzamentos de Lugo. “Hai unha semana o Concello falou de 6 vivendas mentres a axencia EFE informaba de 14”, exemplifica.

En calqueira caso, os datos dispoñibles ata o momento indican unha incidencia moi reducida que, para Abuín, non xustifica a "campaña mediática" en curso. "Estariamos falando como máximo dun 0'01% das vivendas, se damos por bos os datos do Concello". En contraposición, o integrantes de Stop Desafiuzamentos tira doutra cifra que ve máis preocupante: "No municipio de Lugo temos un 20% de vivendas baleiras: 12.000. É tremendamente contraditorio que non se lle preste atención a esa cifra, pero si á okupación".

"ESTIGMATIZACIÓN" DOS OKUPAS

A reflexión de Abuín encapsula a denuncia que comparten os grupos antidesafiuzamentos de Galicia consultados por GC. "A criminalización da okupación é un xeito de tapar o problema da vivenda, porque desta forma xa non se fala de que a xente quede sen casas", explica Pilar Galloso, integrante da plataforma Stop Desafiuzamentos de Santiago. Galloso pon en claro outras das ideas que compoñen a denuncia: "os medios estigmatizan a figura do okupa: retrátano sucio, traficante de droga, que insulta, que okupa vivendas de luxo porque non quere traballar...".

Un edificio residencial situado nun centro urbano. EUROPA PRESS - Arquivo
Un edificio residencial situado nun centro urbano. EUROPA PRESS - Arquivo

A "criminalización" denunciada por Galloso contaría cun punto engadido que vén de ser cuestionado mesmo por xuristas que non se definen afíns ó movemento da okupación: unha "confusión intencionada" a nivel legal, en palabras de Abuín. "Ponse ao mesmo nivel a okupación dunha casa baleira que dunha primeira ou segunda vivenda, que non ten nada que ver", resume Galloso.

Neste aspecto, as críticas de Stop Desafiuzamentos oriéntanse a que os medios "repiten o drama da avoíña que marcha facer a compra e ao volver á casa atópaa okupada, sen poder facer nada por unha regulación que protexe ó okupa". A diferenza de supostos, porén, é notable: "a nivel legal a okupación consiste en instalarse nunha casa que non está habitada en ningún momento, que está abandonada", explica a xurista Pastora Filigrana. "Non é o mesmo que o allanamento de morada, un delito moi grave que consiste en entrar nunha vivenda que si está habitada, aínda que só sexa por períodos de tempo ó ano", engade.

DESALOXO INMEDIATO

Esta puntualización botaría por terra o discurso que as asociacións antidesafiuzamentos atribúen ós medios críticos coa okupación, xa que, no caso da invasión dunha vivenda habitual, o desaloxo sería case inmediato, sen precisar orde xudicial. Así o destaca o avogado Joaquín Martínez Camacho, que sen entrar a valorar o aspecto ético da okupación explica: "ós invasores dunha vivenda habitual desalóxalos no que tardas en ir á comisaría".

A problemática da okupación, pois, quedaría cinguida ós inmobles abandonados de xeito permanente, que segundo explica Stop Desafiuzamentos pertencen "en grande medida" a grupos bancarios, así como a propietarios particulares que acumulan un amplo número de propiedades. Segundo Gayoso, estes propietarios manteñen as vivendas fóra do mercado "coa vontade de especular", á espera de que o prezo subir.

CAMIÑO DUNHA LEI MÁIS DURA

Malia ser legalmente inconsistente, as asociacións antidesafiuzamentos aprecian unha crecente "alarma social" xerada a raíz do discurso defendidos por certos medios de comunicación. "Hai veciños que temen realmente que lles entren na vivenda porque non saben que están protexidos", pondera Abuín. Nun sentido semellante discorre a testemuña de Gayoso: "cada vez hai máis comunidades de veciños empeñadas en poñer cámaras de vixilancia para evitar un problema que non teñen".

A cuestión fundamental desta "campaña" sería, pois, o obxectivo da suposta alarma social. A versión das voces críticas cos medios é unánime: "estase a preparar o terreo para adoptar medidas máis fortes", pondera Gayoso. Os críticos non descartan un endurecemento da lei que, destacan, iría destinado en primeiro lugar ós propios okupas. "Queren criminalizar o movemento porque saben a simpatía que xerou coa crise do 2008 e temen que volva acontecer coa crise actual", pondera Pastora Filigrana.

O feito de contar cunha crise inminente xoga un papel central nesta ecuación. Co horizonte da fin dos ERTES cada vez máis cercano resulta plausible pensar que se volverán a repetir a escenas de desafiuzamentos posteriores á crise do 2008. O hipotético "endurecemento", pois, tería como obxectivo impedir que esta bolsa de persoas sen vivenda recorrera á okupación como solución, pero non só iso. "Podería rematar afectando a inquilinos de pleno dereito", explica Pilar Gayoso.

A idea fundamental defendida polos críticos coa versión oficial é que, de crear unha nova lei para acelerar as desokupacións, poderíanse estar a eliminar salvagardas que deixarían máis expostos ós inquilinos en réxime de aluguer. "Van facilitar que un caseiro decida poñer o seu piso en AirBnB e expulsar ó seu inquilino do prazo que lle pareza oportuno".

A IMPORTANCIA DO "DEREITO DE MORADA" 

Posibilidades como esta poderían derivar dunha regulación que limitase o alcance do chamado 'dereito de morada'. Como explica Martínez Camacho, unha vez un okupa entra nunha vivenda, a policía pode desaloxalo sen orde xudicial sempre e cando non pasen 48 horas dende a súa entrada. A partir deste limiar, o inquilino adquire o devandito dereito, de xeito que para ser expulsado deberá pasar polos xulgados.

A vaga mediática rexistrada estas semanas reavivou a vella demanda de eliminar este limiar das 48 horas para proceder ó desaloxo inmediato dos okupas. As razóns aducidas é que, unha vez pasa este período, as causas xudiciais para expulsar ós inquilinos adoitan demorarse durante longos meses, nos cales o propietario debe ser pagando impostos e servizos como luz ou auga.

Porén, e segundo explica Martínez Camacho, a dilación das expulsións non se debe tanto a unha lei 'protectora' dos okupas senón máis ben á "saturación" da Xustiza. Tal e como sinala o xurista, os trámites para expulsar a un okupa pola vía xudicial non deberían extenderse máis alá dos 20 días, de acordo coa Lei 5/2018 do 11 de xuño. Esta cuestión xa fora clarificada semanas atrás polo maxistrado Joaquim Bosch nun chío.

Con estas cartas sobre a mesa, as asociacións antidesafiuzamentos consideran "innecesaria" a redacción dunha nova lei, que Camacho ve pouco probable "tendo en conta que a última reforma lexislativa é de 2018". Por outro lado, o xurista afincado na Coruña contradí a advertencia de Stop Deshaucios a respecto dunha suposta regulación antiokupas que puidera ferir de xeito colateral ós inquilinos de pleno dereito. "Estamos a falar de cousas distintas porque os arrendados contan cun contrato do que os okupas carecen. A protección legal para unha vivenda á que se accede de xeito regular é moi ampla", explica.

"NON É O MESMO CANDO OS TES Ó LADO"

Entre as voces que están a esixir o endurecemento da lei destaca a Federación Provincial de Asociacións de Veciños de Lugo, que lidera a iniciativa social contra a cuestión da okupación na cidade. Neste aspecto, a Federación apunta como solución á problemática dos okupas endurecer o castigo legal, pasando das multas á pena de prisión.

A razón para este salto cuantitativo, apunta, atópase na situación económica das persoas que adoitan okupar vivendas na cidade, "en moitos casos clans organizados". "Hai que instalar penas de prisión porque, en caso contrario, estas persoas decláranse insolventes e líbranse da multa", explican. "Que importa se se lles esixe 5.000€ en vez de 300 se non os pagan?".

A petición de "máis man dura" contra o colectivo okupa orientaríase, asemade, a unha retirada da RISGA e outras prestacións sociais como castigo a unha actividade que a Federación vencella "en parte" a condutas criminais. "En moitos casos falamos de clans organizados que buscan sacar rédito. Algúns dedícanse a roubar e ó tráfico de drogas".

"A Xunta debería poñer os inmobles baleiros como vivenda social"

A visión da Federación, pois, choca frontalmente coa impresión da problemática traducida por Stop Desafiuzamentos. "Non é o mesmo cando os tes ó lado, a cinco números do teu portal", apunta un alto cargo. Con todo, ambos lados coinciden -cando menos en parte- na solución ó problema: enfrontar o problema da vivenda. "A Xunta debería poñer os inmobles baleiros cos que conte a disposición das persoas que cumpran os requerimentos", apunta a Federación. Galloso, de Stop Desafiuzamentos, vai máis alá: "non podemos permitir que haxa vivendas fóra do mercado."

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta