Ramonika Hall

O carro é un símbolo neste país, non só como metáfora material da sociedade labrega tradicional, como gostaba de reseñar o etnógrafo Xaquín Lorenzo. Tamén foi o signo icónico-visual da represión feixista, como aquel librepensador compostelán, O’Nécoras, abatido na Ponte da Rocha e exposto en Compostela polos falanxistas, ou o guerrilleiro Curuxás retratado coma un marrao sobre un carro, na matanza. O carro tamén foi empregado no “gran desmoche” da ciencia galega por parte do totalitarismo nacionalcatólico. De feito, foi un Carro, o crego Xesús Carro García quen se preocupou trala guerra polas migallas do Seminario de Estudos Galegos.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 23/05/2013

Comparte esta noticia
Nunha carta datada o 20 de febrero de 1942 destinada a Ben-Cho-Sey, sinala o seguinte: Ya sabrá que el último día del año pasado, fiesta de San Silvestre, el Rector de la Universidad ordenó que se trasladase la biblioteca del Seminario para la Universidad, local de la Biblioteca América. Se acarretó en el mismo día por medio de un carricoche tirado por un penco y con cestas llevadas por mujeres. Los libros iban en montones, todos mezclados y cayendo por los suelos, sin cuidado alguno. Las gentes, ante semejante espectáculo, quedaban pasmadas y preguntaban de qué se trataba. Los mozos y porteros respondían: “Es la biblioteca de los galleguistas”.
 
O golpe de Estado de xullo de 1936 tivo funestas consecuencias para a a educación e a ciencia galega. As cifras falan por si mesmas; dacordo cos datos fornecidos por Afonso Mato, no Seminario de Estudos Galegos 19 membros da entidade foron asasinados, 27 marcharon ao exilio e outros 32 foron sancionados de diferente xeito (multas, inhabilitación para cargos públicos, etc…). Todo o labor desenvolto nos anos 20 e 30 pola Junta de Ampliación de Estudios en Galicia, grazas ao bo facer do filántropo Xan de Forcados, foi guindado aos lindeiros da historia. A xeración de científicos galegos mellor formada do século XX (nos USA, Alemaña, Franza, Reino Unido), destinada a construír a Galicia autónoma, foi desmantelada polo franquismo. Isidro Parga Pondal, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Sebastián González García-Paz, entre moitos outros, foron vítimas dun expolio sistemático que conlevou décadas de retraso para a Universidade e a ciencia galegas. Esa desfeita tivo consecuencias funestas para o noso país. Malia todo, a ciencia galega reaxiu grazas ao esforzo heroico de cidadáns e cidadás que traballaron, no país ou na emigración, para poder levar seus fillos á Universidade. Coa chegada da democracia e a autonomía creouse un contexto propicio para a formación de novas xeracións de científicos e científicas, destinados a mudar a triste realidade deste país desartellado chamado Galicia.
 
Todo ese traballo, esa angueira, esa paixón están a ser novamente destruídas polos descendentes políticos daqueles facciosos de antano, subidos agora ao carro da austeridade e do recorte de libertades e dereitos. Unha nova desfeita para a ciencia galega e española. A esta vontade política destrutiva cómpre engadir a vesánica miseria académica marca da marca España dende os tempos de Larra. Estudantes brillantes que amplían a súa formación no estranxeiro e cando voltan son humillados por docentes mediocres no departamento de turno. Como aquel arqueólogo que volveu de USA e, ao voltar, topou únicamente cun pupitre nun cuarto escuro como local de traballo na Universidade. O catedrático espetoulle: “Y recuerda que esto no es Jarvár” (Harvard, quería dicir). Como eses candidatos aos contratos Ramón y Cajal que son avaliados por catedráticos e catedráticas que non saben inglés, non os coñece ninguén máis alá dos Pireneos e non teñen nin a metade do curriculum que poden ter eses mozos e mozas, colaboradores en grupos de investigación punteiros en Alemaña, USA ou Reino Unido. Todo o que estamos a ver nos xornais estes días sobre a inxustiza da avaliación arbitraria na convocatoria Ramón y Cajal xa acontecera no seu día co propio Ramón y Cajal. De mozo fóra ninguneado polos catedráticos españois da época que o trataban coma un herexe heterodoxo, afíns á vella filosofía do “que inventen ellos”. O talento e o espírito crítico son pecado mortal na ciencia española.
 
Hai algúns anos, no laboratorio de arqueoloxía no que eu traballaba, un compañeiro chileno, de estancia de investigación canda nós, atendeu unha chamada telefónica. Colleu o recado para outro colega e deixoulle un pos-it enriba da mesa, co seguinte texto: “Te llamaron del ministerio para el tema ese de los contratos Ramónika Hall”. O chileno, que non era parvo, pensaba que detrás desa política de fomento da ciencia tiña que estar unha fundación ianqui, alomenos. Quedou pampo cando se lle explicou en que consistía a convocatoria. Hoxendía Chile, país emerxente, está apoiando de cheo á súa ciencia, mentres España está destruíndo a súa rede de investigación científica. É máis, Chile capta este ano centos e centos de xoves investigadores españois. Cuspidiño ao exilio de 1939. Wert para crer.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA