Sangue, suor e bágoas

En 2014 o alemán Wilfried Stuckmann ficou pampo cando soubo que o hotel de luxo onde se aloxaba, San Marcos en León, fora un campo de concentración franquista. Sete anos despois Paradores honrou nun solemne acto ás víctimas, coa presenza mesmo do último sobrevivente, Josep Sala. Estes actos de desagravio son comúns en países civilizados europeos desde a inmediata postguerra. Empresas e multinacionais que empregaron man de obra escrava pediron perdón e encetaron un programa de indemnizacións e reparacións.

Por Xurxo Ayán | A Pobra do Brollón | 27/10/2024

Comparte esta noticia
O territorio asolagado da Ribeira Sacra foi modelado con sangue, suor e bágoas, con prisioneiros políticos que ergueron pontes, fixeron a repoboación forestal e construíron os encoros dese electrofascismo promocionado por individuos como Barrié de la Maza. O colexio do Cardenal foi cadea infame no verán do 36 e a escenografía preferida polo goberno autonómico, o entorno de Santo Estevo de Ribas de Sil foi campo de concentración, como se demostra documentalmente nos fondos do Arquivo Histórico Provincial de Ourense. No poboado da Chaira (Pantón) penaron os republicanos escravizados por Dragados y Construcciones.
 
Esta "paisaxe da agua" ven sendo a bacía de dous ríos embalsada por un estado totalitario. Ese é o seu valor universal. O poder que ten para amosar ás vindeiras xeracións ao que conduce o extrativismo, a depredación da natureza e o fascismo. Tentar declarar isto como patrimonio da humanidade é como gabarse dos proxectos hidroeléctricos no Amazonas ou das obras megalómanas de Ceaucescu na Romanía comunista. Todos eles atentaron contra a humanidade, con deportacións, migracións,  expropiacións, traballos forzados e destrución do patrimonio histórico.
 
Nada disto será abordado no vindeiro acto de propaganda que terá lugar na fin deste mes de outubro no ex campo de concentración de Santo Estevo. Un congreso sobre As paisaxes da auga. Segundo o guión, é de supoñer que o director do parador fale da reserva espiritual de Galicia e o directivo de IBERDROLA do mar interior de Galicia. Esquecer o pasado dramático desta terra e a lóxica histórica da súa xénese, é como tentar oficiar a milagre de converter, neste caso, o viño en auga.
 
Foto: Inauguración polo ditador do encoro de Santo Estevo de Ribas de Sil en 1956 (Axencia EFE).

Inauguración polo ditador Franco do encoro de Santo Estevo de Ribas de Sil en 1956
Inauguración polo ditador Franco do encoro de Santo Estevo de Ribas de Sil en 1956 | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA