Meirás: capital do celtofeixismo

Evidentemente eu gosto máis de ler as cartas de amor que enviaba a Bazán a Galdós (recolleitas nesa marabilla que é “Miquiño Mío”), cás sentenzas de morte firmadas polo ditador Franco. Ambos tipos de documentos conflúen no espazo cinguido polas paredes do pazo de Meirás. Un edificio que está agora en boca de todos e que segue gardando segredos, para disgusto da Fundación Francisco Franco. O que non sabe moita xente de a pé é que canda as hectáreas de xardíns, parcelas e outros bens inmobles, tamén foi parar a maos do “Caudillo” un castro. É curioso este vencello dos poboados fortificados co Poder e o ContraPoder: Bautista Álvarez velado polos camaradas no Centro de Interpretación da Cidá de San Cibrán de Lás, a antiga Lansbriga…

Por Xurxo Ayán | Gasteiz | 20/09/2017

Comparte esta noticia
Na inmediata postguerra, tralo asasinato do Seminario de Estudos Galegos, arqueólogos feixistas tomaron, incluso coa pistola en mao, a administración da Arqueoloxía no Novo Estado. Xentes falanxistas como Almagro ou Martínez Santa-Olalla ocuparon o posto deixado en Museos e Universidades por exilados como o catalán Bosch Gimpera ou o galego Sebastián González-García Paz. Estes cuperos, investigadores okupas, abrazaron o feixismo, escavaron con presos republicanos e colegas mussolinianos sitios como Ampurias. O mesmo García Bellido escavou con batallóns de traballadores o castro de Coaña no occidente de Asturias. Daquela, baixo a influencia da Alemaña nazi, o que nós alcumamos como celtofeixismo, causaba sensación na Arqueoloxía española. Un dos seus mellores representantes en Galicia foi a figura do novo Comisario Provincial de Excavaciones de la Provincia de La Coruña, o astorgano J. Mª. Luengo y Martínez. Seguindo o modelo establecido polo antedito García y Bellido (coa chegada da democracia o y grego desaparecería dos apelidos), este funcionario da Administración franquista desenvolveu campañas de escavación no castro de Meirás, entre 1942 e 1944, e no castro de Elviña a partir de 1947, tras expulsar ao lexítimo director do proxecto, Luís Monteagudo. 
 
O castro de Meirás converteuse nun símbolo dos novos tempos. Como sabedes, o concello e Deputación herculinos “agasallan” ao ditador co pazo e finca de Meirás, para converterse en residencia de verao. En pleno proceso de imposición do feixismo, este espazo pasa a a ser un referente da ditadura. A localización dun castro na propiedade de Meirás convértese nun recurso publicístico máis, perfeitamente empregado polo Ministerio de Educación Nacional. Como nos indica o propio Luengo na memoria das escavacións, publicada en 1950:
Atendiendo a estos precedentes, y con la esperanza de posibles hallazgos de interés, se elevó la correspondiente propuesta al excelentísimo señor Comisario general de Excavaciones Arqueológicas, Prof. Martínez Santa-Olalla, el cual incluyó los trabajos a realizar en el Plan Nacional. Las campañas que se han llevado a cabo en el castro limitáronse a la zona de terrenos pertenecientes a LAS TORRES DE MEIRAS, cedidos generosamente para tal fin por S.E. el Jefe del Estado, su actual propietario.
 
Seguindo ao pé da letra o “Esquema paletnológico” do seu amigo Martínez Santa-Olalla (1946), a cultura do castro de Meirás representaría un característico período do Ferro Céltico II, de tipo galaicoportugués, dentro das fases C, D, que se aviene bien entre la vasija de carácter posthallstático y las monedas de los emperadores Augusto y Tiberio. 
E que se atopou alí? O máis salientable foi un conxunto de foxas vencelladas a rituais de incineración, que Luengo asocia a práticas funerarias prerromanas. O Comisario provincial (todo un comisario político) desenvolve unha interpretación global do sitio arqueolóxico en clave etnicista, adscribindo este poboado á tribu dos ártabros, de civilización máis atrasada cás poboacións meridionais, en contacto coa Lusitania:
El ajuar hallado denota una población pobre, debido acaso a hallarse ya sometida a los conquistadores, siendo como el último esfuerzo de vida independiente, por lo que es manifiesta la diferencia entre esta civilización decadente y la espléndida, en todo su apogeo, de los castros más antiguos.
 
Non sei se a Fundación Franco terá a ben adoptar este discurso francamente galeguista e/ou indepe, de esplendores e independencias celtogalaicas e decadencias romanizantes. Non sei se ese guía vestido coma un porteiro do Hotel Ritz ten a ben mencionar as referencias orais do folklore local, como aquel conto que afirma que o castro de Meirás está oco por dentro. Non sei se o pazo de Meirás está oco por dentro, trala depredación da familia do ditador, o que si sei é que está cheo de xenreira, dun odio contra a democracia que non é posthallstático, senón que é plenamente actual. Pero non pasa nada, o Señor dos Peares, nunha nova xenialidade propia de Faemino e Cansado, afirmou que sería franquista expropiar á familia Franco o pazo de Meirás. O mesmo que considera a Lei de Memoria histórica discriminatoria e inxusta. O mesmo que di que a memoria histórica nin é lei, nin memoria, nin historia. Que o presidente de Galicia afirme isto amosa ben ás claras que somos unha sociedade decadente, a anos luz de culturas civilizadas nas que é impensable ter concidadáns en foxas, ou legalizar e subvencionar unha Fundación na honra dun asasino. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA