Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2020 | Actualizada ás 11:37
As tres universidades galegas colaborarán co Cluster Turismo de Galicia e coa Xunta para planificar pautas "eficaces" e propostas "concretas" que contribúan á recuperación e reactivación do sector ante a crise pola pandemia do coronavirus.
Na presentación do plan director 2021-2023 'Galicia Destino Seguro' participaron o vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; a responsable de Turismo, Nava Castro; o tres reitores e o presidente do cluster, Cesáreo Pardal.
Pola súa banda, Román Rodríguez (ata a última remodelación do goberno, titular da área de turismo) celebrou que o sector "se vai a xuntar coa fonte de coñecemento, as universidades, que van achegar, colaborar e axudar á súa recuperación". Na súa intervención, Cesáreo Pardal expuxo as liñas principais desta "planificación estratéxica", que valorou para afrontar a actual crise que "castiga de forma cruel a actividades esenciais como o turismo".
REPARTICIÓN DE ACTIVIDADES
Así as cousas, a Universidade da Coruña analizará a situación do sector turístico no novo contexto, abordará a detección de necesidades empresariais e fará un diagnóstico da oferta. Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela estudará o grao de preparación de Galicia como destino, por territorios, geodestinos e cidades, entre outros aspectos. A Universidade de Vigo encargarase de examinar a evolución do comportamento turístico e os hábitos do consumidor, así como o posicionamento galego.
Baixo este "enfoque participado", o labor desenvolverase a partir de mesas de traballo, entrevistas e enquisas específicas. Todo iso deberá cristalizar nun primeiro informe que (no que queda de ano) expor "pautas eficaces" para formular "propostas concretas para reactivar o turismo" xa en 2021, "aproveitando o impulso do Xacobeo".
Esta é "unha primeira fase de elaboración do diagnóstico", segundo precisou Pardal, "e a partir do ano que vén" porase "en marcha" de novo a maquinaria para redactar "un plan cara a Semana Santa".
As primeiras propostas, segundo resaltou o responsable do Cluster Turismo de Galicia, "permanecerán activas ata que termine a actual situación e se recupere a confianza". A idea, ademais, é "aproveitar o financiamento europeo" que se outorgue para a reconstrución "para impulsar proxectos" que impulsen o turismo galego.
"DISPOSICIÓN ABSOLUTA" DOS REITORES
Por parte das universidades, o reitor de Vigo, Manuel Reigosa, advertiu que é preciso "non deixar a ninguén atrás" na saída desta crise, nin a empresas nin a cidadáns, para o que avogou por dar a "axuda" das administracións públicas. Así, agradeceu poder colaborar nun "reto tan importante e tan inesperado".
O seu homólogo da Coruña, Xullo Abalde, tamén se felicitou por poder "achegar talento, formación, traballo e estudantes" para redactar este plan. Igualmente, o responsable da istitución compostelá, Antonio López, mostrou "disposición absoluta" e referiuse a algúns ámbitos como o turismo rural e de balneario, que se mostrou convencido que contribuirán á reactivación do sector "unha vez afrouxen as restricións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.