Por Walter Burns | Monterroso | 09/06/2013 | Actualizada ás 09:01
Os douscentos expertos e gourmets do International Taste & Quality Institute ( iTQi) de Bruxelas premiaban na semana pasada ás galletas ecolóxicas "Maruxas de Nata". Ante 500 invitados de 50 país, esta PEME de Cumbraos (Monterroso, Lugo) recollía o seu terceiro galardón importante en só tres anos.
En 2012 o Ministero de Medio Ambiente concedíalles o " Premio Alimentos de España - Mujer Emprendedora". En 2011 xa lograran o "Premio Excelencia a la Innovación para Mujeres Rurales", tamén outorgado polo Estado. Cal é o segredo do éxito e da fama destas "Maruxas de Nata"?
"Desfrutar co que facemos e non 'forrarnos'"
"Non tratamos de 'forrarnos', senón de de vivir a vida e desfrutar co que facemos", explica Merce, unha das dúas socias, a GC. Esta filosofía propia levouslles por exemplo, a rexeitar as ofertas de El Corte Inglés "repetidas veces" porque "non queremos supeditarnos aos requerimientos das grandes empresas, que exisen cantidade, prazos e pagan cando e como lles peta".
As Maruxas de Nata distribúense ao pequeno comercio sen intermediarios. Teñen xa 200 puntos de venta, incluso no estranxeiro en países como Alemaña e Reino Unido. "Non queremos olvidar nunca aos primeiros clientes que fixemos e seguen a ser fieis, apoiamos sobre todo ao pequeno comercio", cóntanos Merce.
Galletas como cando o leite era leite
Loxicamente, un produto alimenticio non triunfa só por moita filosofía e moita esforzo dos seus productores. Para que o 'boca-orella' funcione é imprescindíbel a calidade e fornecer a un nicho de mercado.
En Granxa Maruxa as cortes están pintadas e os animais escoitan cancións. Estan son só dúas anécdotas do empeño en producir coa máxima calidade.
"Marta decidiu que se iba a vivir no rural, debía rodearse de estética e confort, tanto ela como as súas sus vacas e así empezou a pintar as cortes de cores alegres e a poñerlles música ás vacas", relata Merce sobre o periplo que levou a súa socia, Marta, a facerse cargo dunha explotación "mal xestionada" tras rematar os seus estudos de Empresariais.
Dende un principio Marta tiña claro que a viabilidade da granxa non pasaba pola "mal pagada" leite. As explotacións lácteas levan lustros en crise, en boa medida polo 'dumping' que practican as grandes industrias sobre os pequenos productores.
"Había que diversificar; o mercado está saturado de iogures, queixos... quería algo diferente e por fin acordouse das galletas que se facían na súa infancia, galletas de nata. Aquí entro eu na historia, ferrolana, é dicir 'urbanita' como a propia Marta; comentoume o das galletas, que tamén lembraba da miña infancia a pesar de levarlle 20 anos, e inmediatamente díxenlle 'adiante'".
Ao rememorar os inicios da "aventura" Merce conta como "empezamos a buscar na Rede e vimos con sorpresa que non só non había estas galletas, e menos ecolóxicas, senón que moitos as botaban de menos, galletas de cando o leite era leite, fervíase, del extraíase a nata, que se xuntaba nunha cunca, coa que facían unhas deliciosas galletas...".
Hoxe no grupo empresarial traballan cinco personas, as dúas socias, dous mozos encargados das vacas e a traballadora Chus Formoso, "a nosa xoia e verdadeira amiga".
Esquivando a Fenosa para expandirse no futuro
Cando se lle pregunta pola maior dificultade que tiveron que superar a resposta non se refire a súa condición de mulleres nun mundo, o da PEME rural, dominado por homes. O maior problema foi moito máis prosaico e reflicte unha das eivas que impide que as aldeas poidan ser repoboadas; "a gran barreira foi Fenosa, pedimos doce kilowatios máis para a galletería, o transformador non daba, polo que tivemos que pagar nós un novo".
E o futuro? "A nosa idea é e, cando rematemos de pagarlle ao banco, crear máis postos de traballo", explica Merce. Iso si, deixa claro que na futura expansión do negocio seguirá habendo unhas regras porque "o noso traballo é absolutamente artesano, elaboración e envasado, non traballamos con distribuídores e grandes superfices e apoiamos ao pequeno comercio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.