Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/12/2020 | Actualizada ás 14:21
A defensa do falso médico ferrolán José Manuel López Pérez, coñecido como Coté, negocia un acordo de conformidade coa Fiscalía e as 13 acusacións particulares, nas que se atopan máis dun cento de vítimas e colexios oficiais de médicos e fisioterapeutas. O home enfróntase a unha pena total de 338 anos de prisión.
Segundo o escrito de cualificación dos feitos, está acusado de delitos de intrusismo, estafa, falsidade, homicidio por imprudencia e lesións e a súa muller, de branqueo de capitais, para o que a Fiscalía pide tres anos de prisión.
Os maxistrados da Audiencia Provincial da Coruña deron de prazo ata este venres para que as partes cheguen a un acordo ou arranque o xuízo, no que este xoves estaba prevista a declaración do procesado.
O avogado do Consello Xeral de Fisioterapeutas explicou que "en principio" non están de acordo coa conformidade, pero mostrouse aberto a estudar as "condicións" do mesmo. A xuíza lembroulle que en caso de non aceptalo o caso só se cinguiría ao delito de intrusismo.
Ningunha das partes revelou detalles sobre o posible acordo, aínda que a defensa do home, que o propuxo, explicou que hai un "interese común" e que todas as opcións están "abertas". A representación da asociación de vítimas sinalou que o xuízo sería "moi complicado" para o falso médico.
DÚBIDAS ENTRE VÍTIMAS
Sobre esta cuestión, a presidenta da asociación de vítimas do falso médico ferrolán, Esther Fontán, admitiu que non ve "claro" a posibilidade de chegar a un acordo coa defensa do coñecido como Coté por "dignidade" do arredor do cento de afectados que representa a entidade como acusación particular no caso.
Tras suspenderse ata o venres o xuízo á espera dun posible acordo, a portavoz da Asociación de Afectados de Intrusismo Médico Sanitario explicou que entre todas as vítimas decidirase "se seguimos ou non adiante".
"Non teño claro que esta sexa a solución", sinalou Fontán, que cre que ás vítimas lles custará "moito traballo" aceptar ou non o acordo. "Pesan este trece anos, as vivencias de cada un de nós; será o que esta tarde poñamos na balanza para tomar unha decisión", engadiu ante o edificio da Audiencia Provincial.
Segundo a portavoz das vítimas, a proposta da defensa foi "un último salto ao baleiro" que lles "sorprendeu". En todo caso, destacou, "se fósemos a xuízo, desen os anos e o diñeiro que nos desen, non vai reparar o dano". "Sexa cal fose a sentenza non nos ía a gustar", recoñeceu.
PROPOSTA
Fontán rexeitou ofrecer detalles da oferta que fixo a defensa do falso médico "por respecto" aos maxistrados que, dixo, déronlles un día para sopesar a proposta. "A Fiscalía e a sala sempre entenderon que se había posibilidade de acordo sempre podería ser positivo", comentou, apuntando a que a celebración do xuízo poderíalles levar a unha "victimización" durante, dixo, "catro meses".
A representante das vítimas asegurou que a vista empezou "ben" porque, lembrou, a sala aceptou as alegacións da defensa e rexeitou as peticións da defensa. "Ese foi o punto de inflexión que fixo que eles fixesen unha oferta in extremis para alcanzar un punto de diálogo e a nós colleunos a pé cambiado", admitiu.
CUESTIÓNS PREVIAS
A sesión arrincou coa resposta dos maxistrados ás cuestións previas expresadas polas partes a semana pasada e que foron, na súa maioría, rexeitadas. Xusto ao acabar, a defensa solicitou un receso que se alongou máis dunha hora e derivou no inicio das negociacións.
A xuíza considerou na vista que tanto as intervencións telefónicas como os rexistros nas clínicas e no domicilio están "motivadas" e "baseadas en informes policiais", negando así a anulación que pedía a defensa do procesado. A maxistrada defendeu que había delitos "graves" e "suficiente información" para as actuacións.
Con respecto á ausencia dos avogados nos interrogatorios que denunciaba a defensa, a maxistrada destacou que cando existe unha autorización xudicial non é "necesaria" e non se precisa "consentimento" do investigado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.