CIG leva ao Supremo o fallo do TSXG que non ampliou en 6 semanas o permiso de paternidade a un funcionario

"Esta situación vai provocar que outras demandas presentadas por docentes galegos para poder ampliar o seu permiso por nacemento dunha filla ou fillo queden en suspenso mentres non se resolven estes litixios", explica a CIG

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2024 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

A CIG-Ensino confirma que recorrerá en casación ante o Tribunal Supremo a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que rexeitou incrementar o permiso de paternidade dun funcionario, profesor de Bacharelato, de 16 semanas a 22 para igualalas ao de maternidade que outorga a lei autonómica de emprego público.

Inicialmente, unha xuíza do Contencioso-Administrativo concedera esta prolongación da libranza, pero posteriormente o alto tribunal galego quitoullo. "Non se lle denega o permiso por parto ao home polo mero feito de ser home, escenario no que evidentemente nos enfrontariamos ante un posible caso de discriminación inxustificable, senón porque non pariu", argumentaron os maxistrados do Contencioso-Administrativo.

Agora, a CIG anuncia un recurso ante esta decisión que ve "contraditoria e inexplicable", porque a Sala do Social do mesmo órgano xudicial adoptou en 2023 un fallo no sentido oposto e foi a Xunta o que o recorreu. Por tanto, o sindicato estima que o Supremo "finalmente terá que pronunciarse por partida dobre".

"Esta situación vai provocar que outras demandas presentadas por docentes galegos para poder ampliar o seu permiso por nacemento dunha filla ou fillo queden en suspenso mentres non se resolven estes litixios", explica a CIG.

A central nacionalista apunta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e tamén ao seu antecesor no cargo, Alberto Núñez Feijóo, como "responsables" máximos do Goberno galego por negarse a que se incorporase a equiparación dos permisos para os dous proxenitores na lei autonómica de emprego público.

Ademais, a CIG cre que hai afirmacións do TSXG na súa sentenza que "adoecen dunha falta de perspectiva de xénero e dunha acomodación aos cambios lexislativos introducidos nestes últimos anos a nivel estatal".

E é que o criterio biolóxico que segue o tribunal non se segue para o permiso por acollemento ou adopción, onde non se produce un parto pero "a diferenza de trato mantense igual" entre o pai e a nai.

Sede do TSXG
Sede do TSXG | Fonte: Xunta - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta