Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/07/2013 | Actualizada ás 11:44
A TVG acaba de sacar a concurso o servizo de gravación e transmisión de sinal do programa Santa Misa por un montante total de 234.000 euros.
Deste xeito, a empresa que resulte adxudicataria, realizará a gravación audiovisual deste programa relixioso. O espazo ten unha duración aproximada de 30 minutos e consiste na gravación, unha vez por semana, dunha misa católica na igrexa que a TVG, S.A. determine. O lugar da gravación poderá ser modificado por TVG segundo as súa snecesidades, pero sempre dentro do termo municipal de Santiago de Compostela. A gravación deberá realizarse tódolos domingos en horario de mañá, para a súa transmisión en directo. De feito, actualmente a canle pública galega emite xa este programa desde as 10.00 horas ata as 10.30 horas os domingos.
Segundo o prego de condicións, o transporte do sinal correrá a cargo da Empresa adxudicataria, así como os gastos que se ocasionen polo pago ao celebrante, é dicir, ao cura ou bispo que celebre esa misa; o pago do coro e o pago dos gastos da igrexa en que se celebre.
Para a realización deste programa esixeselle ao adxudicatario unha unidade móbil lixeira de televisión cun vehículo furgón, catro cadeas de cámara triax e equipo de iluminación.
Sen vinculación laboral
Ademais ten a obriga de contar con persoal "necesario" que deberán estar "suficientemente capacitado e habilitado" que deberá estar contratado e dado de alta na Seguridade Social. En todo caso, no contrato queda claro, para evitar a vinculación laboral que algún xuíz xa decretou noutros programas, que a "TVG non terá vinculación algunha con este persoal, nin lle será esixible responsabilidade de ningunha clase como consecuencia das relacións existentes entre a empresa adxudicataria e os seus empregados".
O orzamento máximo por retransmisión é de 4.500 euros, máis IVE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.