Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2025 | Actualizada ás 14:00
-Durante a súa intervención na O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, falou de complementariedade entre Intelixencia Artificial (IA) e xornalistas físicos. Alguén pode entender isto como desterrar os medos na profesión sobre esta tecnoloxía.
Realmente non desterrei o escenario da substitución senón que hai dous discursos. Un está centrado en alertar sobre os riscos do reemprazo de xornalistas pola IA, e o outro non é tan firme en sinalar as oportunidades da complementariedade entre profesionais e aquilo que non deixa de ser outra tecnoloxía, moi potente e disruptiva. Eu aposto enfrontar a IA desde unha lóxica de complementariedade e isto significa definir as tarefas que unha intelixencia artificial pode asumir dentro de áreas até o momento ocupadas por profesionais. Ademais, debemos ter claros os ámbitos do traballo que deben preservarse para os profesionais do xornalismo e aqueles onde se pode aplicar a tecnoloxía.
-En que áreas pode a IA reemprazar a figura do xornalista?
Podemos sinalar as máis mecánicas e automáticas, edición, transcripción ou revisión, nalgúns casos xa hai tecnoloxías aplicadas a estes campos, mais as ferramentas contemporáneas permiten desenvolver mellor moitos deses elementos. As áreas 'privativas' dos xornalistas son as relacionadas co xuízo editorial, ideación e parte editorial, aí a última palabra debe tela o xornalista.
-Apuntou nun momento da conferencia que aplicar as IA acabaría por conformar equipos multidisciplinares que, ademais de xornalistas, poderían incluír outros perfís profesionais. Isto que apuntaba pode reforzar o discurso anti-medios: “os medios crean fakenews” e por outra parte, é posible que o intrusismo aumente na profesión coa chegada da IA?
Fixéronse experimentos con lectores a quen lles presentaron textos redactados por xornalistas e outras informacións escritas por IA. Os obxectivos eran ver se eran capaces de distinguir cales eran redactadas por xornalistas e cales por IA, e ademais, se eran capaces de distinguir unhas das outras e que avaliación facían sobre eses materiais. Os últimos resultados apuntan que os lectores non distinguen claramente a información sintética (con IA) e a feita por redactores ou redactoras. Por tanto, isto reforza a miña idea de distinguir mediante algún tipo de sinal que está creado por IA. Mais hai outro punto destacable, que lle outorgan máis obxectividade aos contidos elaborados por IA fronte os redactados por xornalistas. Isto, para min, é descoñecer a natureza da IA porque esta tecnoloxía si ten nesgos. Os datos, os algoritmos que teñen detrás están elaborados con nesgos e características favorecidas e outras prexudicadas. É como se a cidadanía pensase en que a máquina por ser máquina é máis fiable e os xornalistas, por seren persoas, son menos dignos de confianza. Isto é algo que trascende o xornalismo, está máis relacionado coa educación e cos valores e con non entender as características da intelixencia artificial.
Debemos ter claros os ámbitos do traballo que deben preservarse para os profesionais do xornalismo e aqueles onde se pode aplicar a tecnoloxía
Ramón Salaverría | Fonte: Manuel Castells
-Vostede creou a primeira cadeira universitaria sobre intelixencia artifical na Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra. Houbo reticencias a que houbese un apartado académico exclusivo para a IA?
Non, non houbo ningunha reticencia pois a Facultade de Comunicación sempre estivo aberta ás diferentes transformacións tecnolóxicas e da industria. Propuxen a idea en 2021, e subliño esta data porque daquela aínda nin había ChatGPT nin todo o 'boom' actual. Agora a maioría veo normal mais daquela non se vía de maneira tan evidente. Finalmente foi no curso 2023-2024 cando comezamos a impartir esa cadeira.
-Actualmente pódese combater a tecnoloxía das fakenews creadas por IA ou estes verificadores aínda van por detrás? Como se podería equiparar ambas vías tecnolóxicas?
Agora mesmo existe unha ampla gama de tecnoloxías destinadas á manipulación e á fabricación de contidos audiovisuais, como tamén comeza a haber agora algoritmos e ferramentas capaces de desfacer os contidos falsos. Mesmo nos nosos teléfonos móbiles temos aplicacións capaces de modificar rostros, por exemplo. Iso parécenos un uso inocente, lúdico mais con esa mesma tecnoloxía podes crear un contido falso. Pola contra, nos móbiles case non temos aplicacións que nos indiquen cando unha fotografía puido ser modificada. Hai ferramentas para os dous campos, mais as que son capaces de crear contidos falsos van por diante de aplicacións para verificación.
-Mais algunha marca persoal debe quedar nun texto creado por un humano que poida diferencialo do texto creado por IA?
Os estilos dos diferentes autores ou autoras poden ser emulados, aínda así, o estilo ten selos moi persoais que dificilmente poderán ser imitados por IA. Mesmo se pode adestrar a intelixencia artificial con textos anteriores dese autor ou autora para “memorizar” os seus selos de estilo. Pola contra, o que garda o xornalista é a súa idiosincrasia, a súa ollada, os temas que escolle, o seu tratamento e a súa contextualización, tamén inflúe moito a persoa entrevistada quen pode ser alguén moi coñecido ou unha persoa da rúa e ao mellor esta última entrevista ten máis impacto que a feita a un gran político. Cando se trata dun xornalista con gran bagaxe ten sinais menos plaxiables que unha determinada maneira de escribir.
É como se a cidadanía pensase en que a máquina por ser máquina é máis fiable e os xornalistas, por seren persoas, son menos dignos de confianza
-Un presidente como Donald Trump podería ser capaz de crear fakenews con IA e poderían desmentirse a tempo?
Trump xa fixo algo así cando subiu á súa rede Truth un presunto vídeo distópico do que sería Gaza logo do acordo asinado con Netanyahu. Iso son fakenews porque é presunto futuro que lle interesa proxectar mais non responde a ningún principio de realidade. Durante a guerra de Ucraína o uso de técnicas desinformativas coa finalidade de manipular escenarios e mapas é algo factible.
-Teme que o terreo informativo acabe sendo un oligopolio entre unhas poucas empresas, ben en cada país ou de maneira global?
Unha clave da liberdade de prensa é o pluralismo e por iso necesitamos que os sistemas democráticos teñan unha grande variedade de medios, ademais, estes medios deberan poder situarse en calquera parte do arco ideolóxico. Desde logo que os medios deben cinguirse aos criterios de veracidade, respecto e observancia das leis. Da mesma maneira, os gobernos deben entender a liberdade de expresión como un dereito fundamental, no caso español está recollido no artigo 20 da Constitución e aí dise que a cidadanía temos dereito a recibir información veraz. Iso tamén se aplica ás institucións públicas que teñen a obriga de comunicar verazmente e respectar o pluralismo e a liberdade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.