Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2025 | Actualizada ás 19:57
O Colexio profesional de Xornalistas de Galicia presentou este xoves na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC a décima edición da Bolsa Nacho Mirás, unha axuda, patrocinada por Abanca, que ten como fin impulsar os proxectos dos graduados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual no últimos cinco anos a partir da dotación de 6.000 euros.
No acto de presentación estiveron presentes a vicedecana da facultade, Alba Silva Rodríguez, a decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, o director de zona Santiago Cidade de Abanca, Ramón Mariño Pérez; e os dous autores dos proxectos gañadores desta axuda na súa última edición, Raúl Salgueiro, por 'A vozes, cultura zeta'; e Erika Martínez, unha das dúas persoas fundadoras de '(Des)facendo Galicia'.
Sobre o compromiso desta axuda co xornalismo, Belén Regueira, puxo en valor que a Bolsa Nacho Miras "leva dez anos apoiando os pasos dos novos e novas profesionais do país" e cualificouna como un "impulso que se necesita con urxencia" no xornalismo.
Do mesmo xeito, lembrou e rendeu homenaxe á figura de Nacho Miras, ao destacar que esta iniciativa leva o nome dun xornalista "inconformista e rabudo".
BOLSA NACHO MIRAS
Nesta décima edición poderán participar aqueles estudantes graduados en Xornalismo ou en Comunicación Audiovisual entre 2021 e 2025 con proxectos orixinais novos ou iniciados como máximo un ano antes da convocatoria, é dicir, medios ou proxectos cunha finalidade informativa e comunicativa, onde tamén entran Traballos de Fin de Grao ou de Fin de Máster.
As persoas interesadas poderán enviar as súas propostas ata o 31 de xullo de 2025, data ata a que poderán facer chegar ao Cpxg a documentación requirida nas bases da convocatoria a partir do correo xornalistas@xornalistas.gal.
Ademais de 'A vozes, cultura zeta' e '(Deas)facendo Galicia', os proxectos gañadores das edicións anteriores da Bolsa Nacho Miras son: 'MediaMapa.gal' e 'Punto e volta' (2016), 'Feira' (2017), 'Picarvos.gal' (2018), 'Entrelinguas'(2019), 'éDeporte' (2020), 'A Cousa' e 'Zoom na Bagatela' (2021), 'Notas á marxe' (2022) e 'Quen son elas?' (2023).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.