Endesa confirma que pechará a térmica das Pontes

A empresa asegura que as mesturas de biocombustibles e carbón que estivo probando na central non permiten prolongar a vida da instalación. A Xunta rexeita a "decisión unilateral" de pechar a central.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/01/2021 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

Endesa certificou que as mesturas de biocombustibles e carbón que estivo probando na súa central térmica das Pontes non permiten prolongar a vida da instalación debido á súa inviabilidade "ambiental, técnica e económica", o que confirma o proceso de peche para a planta.

Central térmica das Pontes
Central térmica das Pontes | Fonte: Endesa.

A enerxética mantén así o proceso de peche iniciado en decembro de 2019 e activa o seu Plan Futur-e para a procura de proxectos empresariais que se implantarán na localidade. Os membros da Comisión de Seguimento que supervisaron este proceso coñeceron hoxe este informe final.

Segundo o informe, ponse de manifesto graves inconvenientes de carácter ambiental, xa que a combustión da mestura de carbón e lodos causa a emisión de mercurio en valores próximos ao límite legal permitido.

Outra dificultade insalvable radica no elevado incremento da xeración de cinzas, que crecen entre un 187% e un 276%, o que supón producir unha tonelada de cinzas por cada tres ou catro toneladas de CO2 evitadas.

Iso significa que, só coa operación de dous dos catro grupos da central durante 3.000 horas, acumularíanse cada ano entre 76.000 e 106.000 toneladas dun subproducto que non sería admitido nos vertedoiros de residuos non perigosos, por superar os valores límite de selenio, sulfatos e carbono orgánico disolto, cun elevado incremento de metais e metaloides xerados na combustión. Tamén di que se comprobou que o combustible causará a corrosión dos tubos da caldeira, e iso incrementa o custo de mantemento da instalación.

UN MWH DUNS 65 EUROS

Igualmente, as razóns de carácter económico tampouco avalan a continuidade da central térmica mesturando carbón con lodos de depuradora, porque o megawatt hora (MWh) xerado deste xeito custaría ao redor de 65 euros, similar para ambas as variantes de 'mix' de carbón, co que resultaría 15 euros -un 30%- máis caro que o producido nunha central de ciclo combinado de gas natural.

Con este custo de operación, a térmica é inviable ao quedar fóra do mercado eléctrico, no que se prevé para 2021 un prezo de 47,3 euros por MWh.Neste sentido, Endesa indicou que a adaptación da instalación á nova situación requiriría así mesmo un elevado investimento e uns altos custos fixos, co que a destrución de caixa estimada ascendería a 625 millóns de euros en dez anos de actividade da central.

XUNTA

A Xunta mostrou a súa "absoluta oposición" á "decisión unilateral" de Endesa de pechar a central térmicas das Pontes e lamentou que a compañía tome esta decisión sen contar co resto de integrantes que conforman a mesa de traballo que busca solucións para esta comarca.

Nun comunicado remitido aos medios, o Goberno galego sinala que se trata dunha decisión que a empresa adopta "aproveitándose dunha transición enerxética inxusta, caótica e desordenada que está a levar a cabo o Executivo central". "Endesa rompe con todos os compromisos adquiridos e anuncia o peche da central antes mesmo de presentar o informe coas conclusións das probas con biocombustibles", censura a Xunta.

Por este motivo, o Goberno galego rexeita tanto a decisióncomo a "falta de respecto institucional e con Galicia que acaba de mostrar Endesa". "Non se pode consentir que adopte esta decisión transcendental para o futuro desta comarca de forma unilateral", incide.

SOLICITUDE FORMAL DE PECHE A FINAIS DE 2019

O grupo dirixido por José Bogas presentou a finais de 2019 a solicitude formal de peche para As Pontes, lastrada por unhas condicións do mercado marcadas polo incremento substancial no prezo dos dereitos de CO2 e a caída significativa do prezo do gas, que levou a que a central térmica de carbón importado perdese competitividade e queda excluída do mercado desde abril de 2019.

PLAN FUTUR-E DAS PONTES

En previsión dun resultado adverso das probas, Endesa avanzara no deseño do Plan Futur-e das Pontes, un proxecto de actuacións para atenuar o impacto da diminución de actividade da central, destinado a promover o desenvolvemento de actividades económicas e xeración de emprego na zona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta