"O PSC só tería posibilidades de chegar á Generalitat sacrificando o seu candidato”

As eleccións do 14-F en Cataluña non foron o camiño que esperaba o PSC. Aínda que contou cun bo resultado, Salvador Illa é moi probable que non sexa president. Tampouco o soberanismo ten doado un acordo. Falamos con dous galegos que viven en Cataluña para analizar unha situación que pode marcar fondamente o desenvolvemento político en España nos vindeiros anos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 17/02/2021 | Actualizada ás 22:05

Comparte esta noticia

O Parlament catalán ofrece un aspecto multipartidista pouco común no que é o parlamentarismo autonómico. Mais se se observa polo miúdo, hai algunhas particularidades que se poden sentir. A primeira é que está claramente dividido entre forzas soberanistas (ou independentistas) e non soberanistas. Logo, no arco independentista hai unha prevalencia da esquerda fronte á dereita representada só por Junts. No arco non independentista temos o partido máis votado, o PSC, que comparte terreo cun PP e un Ciudadanos case anecdóticos, superados os dous xuntos por En Comú Podem. E o máis salientable, Vox entra con once parlamentarios, cuarta forza política. O escenario promete unha lexislatura de tirapuxas entre Goberno central e Generalitat de non chegar o PSC á presidencia.

Salvador Illa- Europa Press
Salvador Illa- Europa Press


DESEMBARCO DA ULTRADEREITA E AFUNDIMENTO DE CIUDADANOS

A chegada da ultradereita non é unha novidade destas eleccións catalanas, desafortunadamente, Vox saca un resultado moi semellante á que saca nas eleccións xerais en Galicia un 8%”. Así describe Silvio Falcón, profesor na Universidade de Barcelona, a irrupción do partido de Santiago Abascal no parlamento catalán. Non obstante a “novidade é que entran por primeira vez, ademais recolleron moitos votos que en 2017 optaron por Ciudadanos”.

En paralelo a isto, PP e sobre todo Ciudadanos, foron as dúas formacións que peores resultados tiveron, perdendo a segunda 30 parlamentarios con respecto a 2017. “O voto de Ciudadanos aglutinaba persoas contrarias ao independentismo desde posturas máis abertas a posturas totalmente enfrontadas” di Suso Mon, membro de Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña, ERGAC. “Ciudadanos veu como os seus votantes se dividían entre PSC e Vox”

A “debacle” de Ciudadanos en Cataluña puxo en cuestión o liderado de Inés Arrimadas a nivel estatal. En 2017 ofrecérase como voto útil contra o independentismo e iso fíxolle gañar a confianza dunha ampla base electoral. “Realmente, o voto que foi parar ao PSC sentiuse como un voto útil grazas á “Operación Illa”, un candidato ministro e con grande proxección política” di Falcón. “Ciudadanos realmente non fixo oposición” apunta Suso Mon que valora a estratexia mantida polos de Arrimadas como unha oposición sen propostas. “Ciudadanos é un partido coxuntural nacido para dar resposta nun contexto determinado”.

Pere Aragonés e Oriol Junqueras
Pere Aragonés e Oriol Junqueras | Fonte: EFE

Alén de todo o dito, o efecto da baixa participación, un 53% fronte ao 80% de 2017, puido ter como consecuencia unha afluencia maior de votantes da extremadereita, a perda de votos de C´s e PP e que Junts sacase bos réditos electorais en zonas tradicionalmente afíns a esta formación. Con todo, o voto a Vox “non se debera caricaturizar, porque non votou só a grande cidade, o suburbio, sacou votos en todas as provincias, fóra do relato europeo da ultradereita” di Falcón. Non obstante, Suso Mon ve que grande parte do voto a Vox procede das “zonas de inmigración” contrarias aos independentistas.

O FUTURO GOBERNO, POSIBILIDADES

Existen tres posibles escenarios en Cataluña. Un goberno soberanista liderado por ERC, con participación de Junts e apoios da CUP. O segundo, un pacto de esquerdas “moi difícil” di Falcón ante a improbabilidade dun pacto ERC con PSC. O último sería a repetición electoral. O que si está claro é que “ERC quere presidir a Generalitat e ese é un punto ao que non renunciarán”.

No primeiro escenario están dúas forzas que, aínda sendo independentistas, ideoloxicamente non comparten posturas mesmo na vía á autodeterminación. “Un goberno ERC-Junts non será doado porque os seus intereses non converxerán” di Mon. A análise de Suso Mon baséase en que agora mesmo ERC cre que a declaración unilateral de independencia non ten máis percorrido, por tanto os republicanos ven necesario abrir novos espazos. Junts pola súa banda, si cre nunha vía unilaterial en concordancia coa postura de Puigdemont, político que ao final “creou o seu propio perfil”.

A posibilidade dun goberno de esquerdas onde conflúan ERC e PSC debera pasar primeiro pola ruptura dos vetos autoimpostos desde cada unha desas forzas para non pactar entre elas. “Non creo que rompan os vetos, sería moi difícil” apunta Falcón. “O PSC só tería posibilidades de chegar á Generalitat sacrificando o seu candidato”. O sacrificio de Illa sería, pois a posibilidade de entrar o PSC na presidencia da Generalitat.  “Non creo que pacten, non sei se será polos vetos, mais ERC ten a oportunidade de chegar á Generalitat logo de 80 anos, desde o fusilamento de Lluís Companys” apunta Suso Mon.

Sexa como for, de darse un goberno independentista, a CUP, nove escanos non desbotaría a oportunidade de querer entrar nun futuro executivo catalán para ter voz. O mesmo podería esperarse de En Comú Podem, oito escanos, que non perdería a oportunidade de introducir algúns dos seus puntos programáticos dentro do novo goberno catalán.

A maior cantidade de votos para o PSC non parece unha garantía para que Salvador Illa ocupe a Generalitat. Con todo, foi unha clara aposta de Sánchez que tivo un bo resultado grazas ao perfil que levaba o candidato. O sector independentista con apoio doutros grupos, parece ser a aposta para formar un goberno catalán que, sen dúbida, terá as súas tensións co Goberno central e tensións internas. Por outra banda, está tamén por ver se a actitude de Vox dentro do Parlament será de oposición construtiva ou dedicada ao “ruído”.

Unha gran senyera de Cataluña na manifestación contra o encarceramento de 'presos políticos'
Unha gran senyera de Cataluña na manifestación contra o encarceramento de 'presos políticos' | Fonte: Martín Vaz
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta