Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/02/2021 | Actualizada ás 20:07
O presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Anxo Queiruga, reclama ás autoridades que dean "prioridade" ás persoas con discapacidades físicas e orgánicas, así como aos seus coidadores, na campaña de vacinación contra a covid-19.
Con esta petición, Cogami adhírese á campaña da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) e advirte que "é urxente" protexer a estas persoas e á súa contorna familiar, asistencial e sociosanitaria.
Neste contexto, Queiruga asegura que "existe unha alta vulnerabilidade" nas persoas con discapacidade "por diferentes circunstancias de risco" que "fan necesario que sexan o seguinte grupo a inmunizar" na estratexia do Ministerio de Sanidade e da Xunta.
Dentro deste grupo, Cogami insta a dar prioridade a aquelas persoas cunha discapacidade física e orgánica "de especial risco, con patoloxías ou condicións que lles afectan ao sistema inmune e presentan risco" de enfermidade grave e de mortalidade.
De igual modo, propón priorizar na campaña persoas cos maiores graos de dependencia e de incapacidade absoluta e aos profesionais que as atenden.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.