Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2021 | Actualizada ás 16:53
O BNG criticou a Lei de saúde que a Xunta leva á Cámara no próximo pleno por tratarse dun proxecto "unilateral e autoritario" no que "non buscou o consenso profesional, social ou político e só trae medidas punitivas e sancións que xa prevé a legalidade vixente". Así se pronunciaron os deputados nacionalistas na Cámara Noa Presas e Iago Tabarés sobre o proxecto lexislativo que, previsiblemente, sairá adiante cos votos do grupo que sustenta ao Goberno galego, o PPdeG.
Para os parlamentarios da formación frontista, trátase dunha "chapuza xurídica" tramitada "con absolunto escurantismo" por parte do PP "para que a sociedade non se decate". En resumo, o BNG cre que é un cambio "a peor" da lexislación sanitaria en Galicia. "É unha lei que non pretende mellorar a saúde das galegas nin o sistema sanitario público de Galicia, senón vixiar e punir á poboación cando demostramos ser un pobo solidario e a lexislación xa prevé sancións para os incumprimentos", incidiu o BNG.
Por tanto, o BNG considera que o necesario é que a Xunta dote de recursos e medios á sanidade galega como vía para facer fronte á pandemia a través do reforzo dos servizos de atención primaria e o deseño dun modelo de rastrexo de casos "público, eficiente e eficaz". Ademais, os deputados nacionalistas lembran que o seu grupo leva ao pleno que acollerá o Pazo do Hórreo o martes e o mércores un "plan de choque" contra o cancro ante "o grave impacto" que está a provocar a pandemia na detección e tratamento destas doenzas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.