O 'mulching', a técnica máis eficaz para combater a erosión do chan tras un incendio

A investigadora Alba Lombao

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/02/2021 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

A tese doutoral de Alba Lombao Vázquez (Santiago de Compostela, 1987), defendida na Universidade de Santiago de Compostela (USC) cunha axuda do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia --baixo a dirección de Montserrat Díaz Raviña, investigadora científica do CSIC-- analiza o impacto do lume en chans e as medidas técnicas para minimizar efectos. Entre outras conclusións, apunta ao 'mulching' --técnica de botar palla sobre zonas queimadas-- como técnica máis eficaz para combater a erosión.

Alba Lombao Vázquez
Alba Lombao Vázquez | Fonte: CSIC.

A tese, cuxos principais resultados se recolleron en artigos diferentes en revistas científicas, obtivo a máxima cualificación (sobresaliente 'cum laude').

A investigación tiña como obxectivo analizar o impacto dos incendios forestais nas propiedades do chan, coa consideración de factores como a severidade e a recurrencia dos lumes, e determinar a utilidade dos parámetros microbiológicos como indicadores deses efectos.

Tamén analiza o efecto dos tratamentos de rehabilitación post-incendio ('mulching' de palla e sementeira de herbáceas), sobre a calidade de chan e a recuperación da vexetación.

"As queimas prescritas son amplamente utilizadas no manexo da biomasa forestal, pero descoñécense os efectos que, ao aplicadas de maneira repetitiva, teñen na calidade do chan e sobre as comunidades microbianas. O mesmo sucede cos tratamentos de rehabilitación post-incendio: coñécese a súa eficacia á hora de evitar a erosión tras o lume, pero a información dispoñible sobre o seu impacto nas propiedades do chan, especialmente as relacionadas cos microorganismos, e na vexetación é escasa", explica a autora da tese.

Para lograr este obxectivo, levaron a cabo varios experimentos en campo (incendios de media e alta severidade) e en laboratorio.

"Os resultados revelaron que o lume ten un marcado efecto nas propiedades do chan, especialmente nas bioquímicas e microbiolóxicas, como o carbono da biomasa, as actividades encimáticas e a diversidade microbiana. Ademais, observouse que a análise da diversidade microbiana (acedos grasos dos fosfolípidos) é o índice máis sensible para detectar os cambios derivados do lume e da súa severidade e recurrencia nas comunidades microbiolóxicas, mesmo antes de que poidan detectarse noutras propiedades do chan", destaca a autora.

"O historial previo de incendios dun chan resultou determinante na súa resposta a un novo incendio, o que demostra o efecto negativo e acumulativo dos incendios forestais, é dicir da recurrencia, nas propiedades do chan. Respecto dos tratamentos de rehabilitación post-incendio, o 'mulching', resultou ser o método máis efectivo para evitar a erosión e, ademais, non afecta a calidade do chan, polo que se recomenda a súa implementación na xestión forestal das áreas afectadas polos incendios non controlados, conclúe.

Alba Lombao Vázquez é licenciada (2010) e doutora (2020) en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e máster no medio Ambiente e Recursos Naturais (2011) pola USC.

Funcionaria do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (Escala de Ciencias-Especialidade Bioloxía), na actualidade é xefa de Área de Parques Naturais da provincia de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta