Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/03/2021 | Actualizada ás 15:32
O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, e o seu equipo, trasladaron ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao resto de autoridades galegas que participaron nun encontro no ministerio, que as obras da alta velocidade ferroviaria para conectar Galicia coa Meseta evolucionan "sen incidencias", polo que se manteñen os prazos de posta en servizo.
Este compromiso vai na liña do que o propio presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, trasladou a Feijóo no seu encontro de finais de xaneiro na Moncloa, onde lle ratificou a data xa dada polo Ministerio: o AVE a Galicia estará en servizo no segundo semestre de 2021.
Xunta e Goberno acordaron manter encontros periódicos para avanzar conxuntamente na axenda de infraestruturas, pero, ademais, Feijóo avanzou que, dados os numerosos temas que non deu tempo a abordar na súa cita deste mércores, ambos volverán verse en Galicia despois de Semana Santa, na semana do 5 de abril.
Á marxe de profundar en cuestións máis concretas da alta velocidade --o presidente galego asegurou que só recibiu "unhas pinceladas" do avance das obras da conexión coa Meseta--, na "continuación" deste encontro en Galicia trataranse asuntos como os referidos á situación das autovías, os fondos europeos 'Next Generation' e os proxectos da administración galega, ou o Xacobeo.
Ábalos, pola súa banda, quen agradeceu a "sinceridade" de Feijóo, ratificou que as obras do AVE avanzan "sen incidencias" e destacou que, desde o punto de vista das infraestruturas, "este será un ano moi importante para Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.